Monforte de Lemos, 30 de marzo de 2019. A sede en Madrid da Federación Española de Municipios e Provincias acolleu na mañá do 27 de marzo a 51ª Asemblea Xeral da Red de Juderías de España-Camiños de Sefarad, xuntanza na que Monforte estivo representada polo seu Alcalde, José Tomé Roca, que acudiu acompañado pola tenente de alcalde do Concello, Gloria Prada.
Nela escoitáronse as conclusións que a Comisión de Admisión de Cidades -formada polos representantes de Ávila, Hervás, Lucena, Plasencia, Tarazona e Toledo- obtivo das súas recentes visitas institucionais ás cidades que presentaron as súas candidaturas a formar parte da Red, tralo que a Asemblea Xeral, presidida por Patricia Val, Alcaldesa de Hervás, validou a incorporación á Rede de Juderías das cidades de Béjar, Lorca, Sagunto e Tui.
Trala Asemblea, Patricia Val, Alcaldesa de Hervás e Presidenta da Red de Juderías, manifestou que “para a Red de Juderías supón un gran impulso a incorporación á asociación de Béjar, Lorca, Sagunto e Tui. A nosa Red crece, e faino ademais ampliando dun modo moi equilibrado a súa presenza territorial por toda a Península. Para as cidades incorporadas, o seu ingreso na Red supoñerá un gran incremento na súa promoción turística”.
Monforte apoiou a candidatura de Tui
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, manifestou o apoio explícito de Monforte ao ingreso de Tui na Red de Juderías dado o “excepcional legado sefardí que atesoura”. De feito, Tui posúe un legado xudeu moi importante no que destacan os “Sambenitos”, pezas únicas en Europa, atopados fai anos no arquivo da Catedral e que están agora no Museo Diocesano. Na rúa Canicouva está a Casa de Salomón, única en Galicia na súa tipoloxía, cun patio central arredor do que se distribúe a vivenda; e a “menorá” do claustro catedralicio, testemuña da relación que existía entre a comunidade xudía e a cristiá.
Na fotografía: (de esquerda a dereita): Juan Pérez Guerrero, Alcalde de Lucena (Córdoba), Patricia Valle Corriols, Alcaldesa de Hervás (Cáceres) y Presidenta da Red de Juderías de España, e José Tomé Roca, Alcalde de Monforte de Lemos
Incorporación efectiva
A incorporación de Béjar, Lorca, Sagunto e Tui á Red de Juderías de España farase efectiva na segunda Asemblea Ordinaria do ano, que se celebrará a finais do mes de xuño.
A Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad, é unha Asociación constituída por municipios que contan, nos seus conxuntos medievais, cun patrimonio arquitectónico, histórico, medioambiental e cultural, herdanza das Comunidades xudías que os habitaron.
Os membros da Rede actúan de forma conxunta en defensa do patrimonio histórico e legado xudeu promovendo proxectos culturais, turísticos e académicos e realizando unha política de intercambio de experiencias nacionais e internacionais que contribúan ao coñecemento e respecto mutuo de pobos, culturas e tradicións.
Ávila, Barcelona, Cáceres, Calahorra, Córdoba, Estella-Lizarra, Hervás, Jaén, León, Lucena, Monforte de Lemos, Plasencia, Ribadavia, Segovia, Tarazona, Toledo e Tudela veñen recuperando desde fai 20 anos as súas xuderías, investindo tempo e recursos na rehabilitación de casas, rúas, palacios e cantos edificios póidanse salvar do esquecemento e recuperar o coñecemento das vidas das familias xudías de toda procedencia e condición. Historia oculta, desvelada logo de cincocentos anos e agora recuperada.
A Asociación actúa sen ánimo de lucro e con plena independencia na defensa deste legado. A Red de Juderías de España, na súa proxección internacional, é membro fundador do Itinerario Europeo do Patrimonio Xudeu, e realiza unha intensa labor de difusión no estranxeiro.
Máis información, en http://www.redjuderias.org