3 de xaneiro de 2019. O Equipo de Goberno acordou coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) a elaboración dun Plan de Accesibilidade e Auditoría de edificios públicos e parques. O contrato foi adxudicado á empresa Combina Xestión Social S.L. por un importe de 10.000 euros e un prazo de entrega de 5 meses.
O Alcalde, José Tomé, destaca que un plan de accesibilidade é un instrumento útil xa que “nos vai axudar a detectar os problemas de accesibilidade en Monforte; non só polas barreiras xa existentes, senón tamén para poder visualizar os vicios e as solucións mal propostas, en moitos dos casos”. O mandatario local engade que “polo tanto, con esta nova ferramenta imos evitar a creación de novas barreiras no futuro”.
Por outra parte, José Tomé destaca que “dende a administración debemos traballar para garantir os dereitos de tódalas persoas, para que deste xeito, exista unha igualdade de oportunidades real”. Nese sentido, o rexedor lembra que unha das principais premisas do Goberno municipal son as políticas para as persoas, e dentro diso, as melloras en accesibilidade, tanto dende o punto de vista social como arquitectónico.
Casa da Cultura, máis accesible
Precisamente, o actual Goberno municipal mellorou a accesibilidade á Casa da Cultura dende a Praza de España. A obra consistira na colocación dun tramo de pavimento de granito en forma de rampla, cunha pendente do 10%. Anteriormente existía una excesiva inclinación: do 25 por cento, o que dificultaba o acceso ó edificio.
Por outra parte, a actuación incluíu una mellora do acceso ós aseos. O que se fixo foi colocar outra rampla e eliminar as escaleiras, así como instalar una varanda. Ademais, habilitouse un baño para persoas con discapacidade. A obra supuxera un investimento de preto de 25.000 euros. Ademais, o Concello instalou un ascensor na Casa da Cultura.
Outras melloras
Tamén houbo cambios no edificio Multiusos, neste caso, o Equipo de Goberno habilitou o ascensor que levaba 15 anos sen funcionar. A maiores, instaláronse ramplas e varandas no Centro Cívico. Outra das actuacións do Goberno municipal para mellorar a accesibilidade foi a habilitación rebaixes nas beirarrúas en máis de medio cento de pasos de peóns. O Alcalde destaca que “entre todos e cun cambio de funcionamento podemos conseguir o obxectivo de que a nosa cidade sexa universalmente accesible”.