O Alcalde de Monforte asinou a adxudicación da obra de pavimentación da rúa do Cardenal á empresa OVISA

Monforte de Lemos, 09 de xaneiro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asinou onte a adxudicación da obra de pavimentación da Rúa do Cardenal á empresa Ovisa Pavimentos y Obras S.L.U. que presentou unha oferta por un prezo total de 280.720 euros (IVE engadido).  

Esta obra, cuxo proxecto foi redactado en setembro de 2019 polo arquitecto Ramón Carlos Fernández Losada da empresa Abante, saíu a licitación o pasado 15 de novembro, cun prezo de 287.707,02 euros. Foron 11 as ofertas que se presentaron a concurso, sendo finalmente adxudicada a obra á empresa Ovisa, toda vez que presentou correctamente a documentación que lle foi requirida.

O proxecto de mellora desta rúa foi elaborado pola empresa monfortina Abante que, tras levar a cabo varias análises en sucesivas visitas á rúa, salientou a necesidade dunha reforma integral de dita rúa do Cardenal. Este proxecto foi aprobado no Pleno ordinario municipal celebrado o pasado día 30 de setembro.

O financiamento previsto para levar a cabo este proxecto de mellora será levado a cabo con remanentes de fondos municipais.

O prazo de execución da obra será de 56 días (8 semanas) dende a formalización da Acta de comprobación de replanteo e unha vez sexa aprobado o Plan de seguridade e saúde que ten que presentar a empresa antes do inicio das obras. Deste xeito, a previsión é que o contrato sexa asinado a vindeira semana e que o inicio das obras dea comezo a mediados do mes de xaneiro. O remate da mesma, en virtude dos prazos establecidos, será antes do inicio da Feira Medieval (11 e 12 de abril).

O Alcalde salientou que “coa adxudicación da obra de pavimentación da que é a rúa escaparate da nosa cidade, a rúa máis emblemática pola que veciños e visitantes, nalgún momento pasan, nun curto prazo de tempo poderemos iniciar os traballos de reforma integral da mesma, que agardamos estean rematados antes do inicio da Semana Santa e da Feira Medieval”.

Este proxecto enmárcase dentro do plan do Equipo de Goberno do Concello de mellorar a cidade, algo que se levou a cabo en máis de 80 rúas da cidade durante o anterior mandato e que continua nos meses que levan transcorridos da nova etapa de goberno.

 

Reforma integral da rúa do Cardenal

A reforma integral concebida para a mellora do pavimento da rúa do Cardenal, cunha actuación que abarcará aproximadamente uns 2.222 m2 de superficie, consistirá nas seguintes accións:

  1. En primeiro lugar, procederase a levantar todo o pavimento actual, todas as lousas de granito, dende o entronque coa praza de España ata o entronque coa avenida de Galicia. E levarase a cabo de forma manual, co obxectivo de aproveitar ó máximo as lousas que estean en bo estado. Neste senso, os encargados do proxecto revisaron lousa a lousa -arredor de 5.000- para determinar cales presentan algunha deficiencia e cales son válidas; así estímase que algo máis do 50% das lousas de granito están en bo estado e poderán ser reutilizadas na nova pavimentación.
  2. Levantaranse tamén os alcorques de adoquín que rodean ás árbores, así como a terra que hai debaixo deles. O obxectivo será nivelar esta zona de árbores e corrixir as raíces secundarias dos mesmos que sexan moi altas e dificulten a colocación do novo pavimento. Deste xeito, procederase ó nivelado de toda a rúa.
  3. Desmontaranse todos os elementos de mobiliario urbano da rúa: bancos, papeleiras, arquetas, tapas de rexistro, barandas dos locais de hostalería, bolardos, o quiosco, sinais, o mupi informativo, etc. E todos estes elementos volverán a ser recolocados na súa ubicación orixinal unha vez remate o pavimentado da rúa.
  4. Levantarase tamén a franxa central de canalización de augas pluviais, e volverase a instalar ben nivelada e canalizada, unha vez se coloquen as lousas de granito. Do mesmo xeito, tamén se levantará o bordiño de pedra de acceso á avenida de Galicia e se volverá a refacer no transcurso das obras de mellora.
  5. Desmontarase a instalación e as luminarias existentes no pavimento actual.

 

Rematadas estas accións previas, procederase á:

  1. Colocación de lousas de granito de 12 cm. de grosor sobre firme de formigón. Entre cada unha delas deixaranse 3 mm de separación e serán seladas con formigón de alta calidade, para propiciar un espazo de dilatación entre cada unha delas que impidan choques ou rupturas ante altas temperaturas.
  2. Instalado o novo pavimento, levarase a cabo unha limpeza integral de todo o conxunto de lousas con chorro de auga e area para harmonizar e igualar as cores das pedras reutilizadas (eliminando manchas e suciedade) con respecto ás lousas de nova colocación.
  3. Aproveitando esta obra de mellora, deixaranse instaladas zanxas entubadas para diferentes usos en relación con futuras instalacións de canalización de cableado eléctrico, de internet ou telefónico, a fin de facilitar ás empresas que proporcionan estes servizos futuras instalacións sen que sexa necesario levantar a rúa.
  4. Colocación de todos os elementos de mobiliario urbano retirados para a execución das obras.
  5. Instalación de luminarias (19) para alumeado público ornamental con tecnoloxía LED 100 W.

 

A execución desta obra está deseñada para non interromper totalmente o tráfico da rúa do Cardenal, é dicir, levarase a cabo en dúas fases, primeiro actuando sobre unha metade da rúa, en sentido lonxitudinal, e unha vez rematada esta primeira fase, abordarase a outra metade da rúa.

 

Condicións de licitación

Os requisitos de participación que que deberon cumprir os 11 licitadores que presentaron as súas ofertas a este proxecto se estableceron en base a dous criterios:

  • Criterio de solvencia técnica-profesional: Deberon presentar certificados de boa execución por traballos da mesma natureza realizados nos últimos 5 anos, por un importe igual ou superior ó de licitación.
  • Criterio de solvencia económico-financeira: Os licitadores deberon acreditar ter un volume anual de negocio, nos últimos 2 anos, igual ou superior ó importe de licitación.

Ademais, tiveron que constituír unha garantía, polo prazo dun ano, por un importe do 5% do prezo de adxudicación que presentasen, excluído do mesmo o IVE.

 

Criterios de adxudicación

Os criterios que valoraron os integrantes da mesa de contratación do Concello de Monforte para a adxudicación desta obra foron os seguintes:

  1. Prezo: o prezo ofertado foi valorado cun máximo de 50 puntos.
  2. Ampliación do prazo de garantía ata 2 anos con póliza de seguro de todo risco de construción: os licitadores tiveron a posibilidade de ofertar 1 ou 2 anos de ampliación de garantía. Esta mellora foi valorada con 10 puntos por ano (20 puntos máximo).
  3. Canalizacións soterradas para instalación de liñas eléctricas e de telecomunicacións: neste apartado tamén se ponderaron as melloras para un total de 20 puntos.
  4. Oferta de luminarias tipo LED, a maiores das orzamentadas (19): foron ata 10 puntos os que se podían conceder neste apartado.

 

Neste aspecto, a empresa OVISA ofertou como melloras a instalación das canalizacións soterradas para a futura colocación de liñas eléctricas  e de telecomunicacións, e a ampliación do prazo de garantía por 1 ano completo a todo risco, a maiores do prazo de garantía de 1 ano que se establece obrigatoriamente neste tipo de contratos. Deste xeito, o novo pavimento do da rúa do Cardenal contará con 2 anos de garantía, cuberta por unha póliza de seguro de todo risco de construción, co cal, durante eses 2 anos o Concello non terá que destinar fondos municipais á reparación de posibles deficiencias ou desperfectos na obra, sendo executada para elo dita garantía.