O Concello informa da suspensión temporal da actividade das Escolas Deportivas Municipais por mor das novas restricións ante a Covid-19

Monforte de Lemos, 22 de outubro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asinou o día de hoxe 3 novos decretos que supoñen a modificación dos protocolos de uso tanto das instalacións deportivas municipais como da Piscina climatizada municipal e o seu ximnasio, e que tamén significa a suspensión temporal da actividade das Escolas Deportivas Municipais dende o día de hoxe.

Estas medidas foron adoptadas polo rexedor municipal con carácter de urxencia debido a publicación no DOG da Orde do 21 outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, a cal obriga a poñer en marcha novas restricións que, neste caso, afectan as instalacións e actividades deportivas do Concello.

 

Suspensión temporal da actividade das Escolas Deportivas Municipais

Tras o período estival, o Concello de Monforte ofertou, para o curso 2020-2021, unha serie de modalidades deportivas non federadas dentro do programa de Escolas Deportivas Municipais dirixidas a nenos/as e adultos/as.

A actividade de cada unha das modalidades comezou o pasado luns 5 de outubro levándose a cabo con normalidade ata o día de hoxe. Neste senso, a organización de cada unha das modalidades levouse a cabo tendo en conta os aforos máximos establecidos para cada actividade así como as medidas de prevención de contaxio por COVID-19 establecidas polas autoridades sanitarias.

A mencionada Orde do 21 de outubro de 2020, establece no punto 3.14 do Anexo de Medidas de prevención específicas para Actividades e instalacións deportivas que:

 “A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de cinco persoas de forma simultánea, sen contar, de ser o caso, o monitor. Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata cinco persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade”.

“Por este motivo”, sinalou o Alcalde, “tendo en conta a evolución da pandemia do COVID-19 en Galicia, tendo en conta as limitacións de aforo e de composición de grupos establecidas, e tendo en conta que a maioría de grupos de actividade de cada unha das modalidades deportivas ofertadas polo Concello supera as cinco persoas, decidimos suspender a actividade das Escolas Deportivas Municipais dende o día de hoxe e ata que se dean as condicións axeitadas para o seu reinicio”.

Decreto Suspensión temporal Escolas Deportivas Municipais

 

Modificación do Protocolo de uso das instalacións Deportivas Municipais

Do mesmo xeito, tendo en conta as disposicións establecidas pola Orde do 21 de outubro de 2020, dende o Equipo de Goberno foi necesario modificar o protocolo de uso de instalacións deportivas municipais do Concello para facer fronte á nova realidade ocasionada pola pandemia do covid-19.

O contido deste protocolo sufrirá tantas modificacións e adaptacións como diten as autoridades sanitarias vista a evolución da pandemia do COVID-19.

O protocolo aplicarase nas seguintes instalacións deportivas:

•   Pavillón Municipal da Pinguela

•   Pavillóns polideportivos escolares

•   Campo Municipal de Fútbol da Pinguela

•   Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas

Este protocolo afecta unicamente aos adestramentos. No caso competicións deportivas, cando estas se poidan efectuar, se establecerá o correspondente protocolo.

a)- Requisitos previos á utilización das instalacións deportivas:

•   Para que os clubs poidan utilizar as instalacións deportivas será necesario que presenten a solicitude de uso para a tempada 2020 – 2021 nos prazos que estableza o Concello de Monforte.

•   Ademais da solicitude de uso cada club deberá presentar un documento asinado de compromiso de responsabilidade de cumprimento das normas de protección fronte ao COVID-19 ditadas polos organismos competentes.

b)- Protocolo de uso de instalacións deportivas municipais

  • Poderán acceder ás instalacións deportivas aqueles clubs e entidades deportivas aos que lles sexa concedido o seu uso durante a tempada 2020 – 2021. Unicamente poderán acceder nos días e horas que lles sexan concedidas.
  • So se permitirá o acceso ás instalacións a deportistas, persoal técnico e directivos do club deportivo non estando permitido o acceso de público e acompañantes
  • So se permitirá o acceso á pista ou terreo de xogo a deportistas e persoal técnico. Directivos e responsables do Club poderán acceder á instalación deportiva pero non á pista e ao terreo de xogo.
  • A actividade deportiva que se poderá realizar nas instalacións está suxeita aos seguintes criterios de uso:
    • A practica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de cinco persoas de forma simultánea, sen contar, de ser o caso, o monitor.
    • Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata cinco persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante a celebración da actividade.
    • No caso da práctica de deporte federado, en canto ao número de compoñentes dos grupos de adestramento, haberá que atender ao establecido nos correspondente protocolos de funcionamento de cada federación deportiva.
    • Con carácter xeral non se compartirá ningún material e, se isto non fose posible, o club deberá garantir a presenza de elementos de hixiene para o seu uso continuado.
    • Será obrigatorio o uso de máscara en todo momento, excepto durante a realización da actividade deportiva e sempre e cando se manteña a distancia de seguridade interpersoal. Cando o deportista non utilice a máscara é importante gardala axeitadamente para evitar que contamine ou se contamine.
    • Adestradores e técnicos deberán levar máscara en todo momento aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.
    • Ao remate de cada adestramento o club deberá realizar a limpeza e desinfección de todo o material empregado. Para elo poderán utilizar desinfectantes como dilucións de lixivia (1:50) recentemente preparada ou calquera dos desinfectantes con actividade viricida que se atopan no mercado e debidamente autorizados e rexistrados. No uso dese produto respectaranse as indicacións da etiqueta. Tras cada limpeza, os materiais empregados e os equipamentos de protección utilizados desbotaranse de xeito seguro, e procederase posteriormente ao lavado de mans.
    • Tanto os produtos necesarios para a desinfección do material deportivo como os xeles desinfectantes para os deportistas e persoal técnico deberá ser subministrado por cada un dos clubs deportivos usuarios das instalacións.
  • Inicialmente non se permite o uso dos vestiarios e duchas. Todos os deportistas deberán acceder ás instalacións con roupa deportiva da casa. Poderase permitir o seu uso unicamente se as condicións de aforo permiten dar servizo a todos os usuarios coa seguridade necesaria.
  • Habilitaranse dous aseos, un para homes e outro para mulleres, que poderán ser utilizados de xeito individual cando sexa necesario.
  • O calzado que se utilizará para levar a cabo os adestramentos será diferente ao que traia o deportista da rúa. Este deberá trasladarse en bolsa independente.
  • As bolsas, mochilas ou efectos persoais só se poderán deixar nos espazos habilitados para ese fin. Non se poderá deixar nada na instalación ao rematar o seu uso.
  • Os deportistas non poderán compartir alimentos, bebidas ou similares.
  • Antes de entrar e ao saír do espazo asignado deberán limparse as mans con xel desinfectante que deberá estar dispoñible no espazo habilitado para o efecto.
  • Entre a entrada e a saída de grupos de adestramento establécese un tempo obrigatorio de distanciamento de 15 minutos a descontar do tempo que cada grupo ten de adestramento.
  • No interior da instalación non poderán coincidir os grupos ou equipos que finalizan o seu adestramento cos grupos ou equipos que o van a iniciar. Deste xeito os grupos ou equipos que van a iniciar os seus adestramentos terán que esperar a que os equipos que o finalizan abandonen a instalación. Os responsables dos clubs terán que velar porque esta norma se cumpra e controlar os accesos dos seu equipos.
  • De ser o caso deberán respectarse as circulacións interiores establecidas en cada unha das instalacións.

c)- Medidas de control de usuarios e incidencias

  • Os clubs deportivos deberán levar un rexistro diario de todos os usuarios que realicen os adestramentos e que accedan ás instalacións, que inclúa o nome e apelidos do deportista ou membro do club e o horario de acceso e saída da instalación deportiva.
  • Os clubs deportivos deberán efectuar un control estrito do acceso ás instalación que quedará restrinxido unicamente a xogadores, adestradores e directivos do Club Deportivo.
  • Os clubs deportivos deberán rexistrar calquera incidencia que se produza en relación  co COVID-19 e comunicarlla inmediatamente ó Concello de Monforte.
  • Estes rexistros deberán estar a disposición do Concello de Monforte que os poderá reclamar en calquera momento.

d)- Comunicación e seguimento de sintomatoloxía covid-19

No caso de que algún usuario das instalacións deportivas teña sintomatoloxía do virus COVID-19, deberá informar de xeito inmediato ao servizo galego de saúde para iniciar o protocolo previsto pola Consellería de Sanidade (https://www.sergas.es/Saude-publica/Novo-coronavirus-2019-nCoV?idioma=es) . Neste senso, considérase sintomatoloxía do virus COVID-19 un cadro clínico de infección respiratoria aguda (IRA) de aparición súbita e de calquera gravidade, incluíndo febre, tose ou falta de alento, entre outros.

En caso de detección dun sospeitoso por COVID-19 no entorno da práctica deportiva, deberanse seguir as pautas determinadas polas autoridades sanitarias. A persoa afectada retirarase do grupo e conducirase a outro espazo, facilitándolle unha máscara cirúrxica. Este espazo deberá ser elixido previamente, e debería contar con ventilación adecuada, e unha papeleira de pedal con bolsa, onde tirar a máscara e panos que se poidan desbotar. Contactarase co centro de saúde correspondente á persoa ou co teléfono (900400116), e seguirán as súas instrucións. Se se percibira gravidade chamarase ao 061.

En todo caso, seguirase en todo momento as recomendacións das autoridades sanitarias.

Decreto Modificación Protocolo uso Instalacións Deportivas Municipais

 

Modificación do Protocolo de uso da Piscina Climatizada Municipal e do Ximnasio

Finalmente, mediante decreto do Alcalde, tamén se establece o novo protocolo de uso para a Piscina Climatizada Municipal e o seu Ximnasio.

Así, a piscina climatizada municipal poderá ser utilizada tanto por abonados como por persoas que accedan ó centro adquirindo unha entrada puntual de día. Para acceder ás instalacións non será necesario concertar cita previa pero sí será necesario respectar os aforos establecidos para cada un dos espazos.

Os aforos establecidos para cada un dos espazos son os seguintes:

•        Vaso grande (25 m. x 12,5 m.): 30 persoas (max. 5 en cada rúa)

•        Vaso pequeno (12,5 m. x 6 m.): 15 persoas

•        Ximnasio: 20 persoas

•        Vestiario masculino: 17 persoas

•        Vestiario feminino: 17 persoas

•        Cafetería: 9 persoas

Establecerase unha circulación obrigatoria no interior da instalación que terá que ser respectada por todas as persoas usuarias. Esta circulación estará indicada con sinais de dirección e cartelería.

Haberá xeles desinfectantes en diferentes puntos da instalación a disposición das persoas usuarias.

Colacaranse carteis coa normativa de uso dos diferentes espazos así como coas limitacións de aforo establecidas.

No interior da instalación é obrigatorio o uso de máscaras en todos aqueles espazos non deportivos (recepción, corredores de circulación, vestiarios e cafetería).

É obrigatorio desinfectar as mans ó entrar na instalación facendo uso dos dispensadores de xel desinfectante que estarán a dispor das persoas usuarias.

Procurarase manter a distancia de seguridade de 1,5 metros co resto de persoas usuarias.

Normas específicas para usuarios/as da piscina:

•        É obrigatorio respectar os aforos establecidos para cada un dos vasos.

•        O acceso ó vaso grade realizarase, obrigatoriamente, pola marxe máis próxima á saída dos vestiarios. Do mesmo xeito a saída do vaso debera realizarse polo mesmo sitio, estando prohibido o acceso ou a saída do vaso por outra zona diferente á establecida.

•        Será o/a socorrista a persoa que controlará que se cumpran os aforos establecidos en cada un dos espazos.

•        Unha vez completo o aforo dalgún dos espazos o usuario non poderá acceder e terá que esperar á saída doutros usuarios/as.

•        Permítese a utilización do jacuzzi de xeito individual e por un tempo máximo de 5´por persoa.

•        Non se permite a utilización das saunas.

•        Non se poderá utilizar o material destinado a cursos de natación nin doutra índole, dispoñible na instalación. No caso de precisar material de adestramento cada usuario deberá levar o seu propio.

Normas específicas para usuarios/as do ximnasio:

•        É obrigatorio respectar o aforo establecido para o ximnasio.

•        Unha vez completo o aforo o/a usuario/a non poderá acceder ó ximnasio e terá que esperar á saída doutros usuarios/as.

•        É obrigatorio limpar as mans con xel desinfectante antes de entrar ó ximnasio.

•        É obrigatorio manter a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros, así como o uso de máscara en todo momento, incluído durante a práctica deportiva.

•        É obrigatorio a desinfección do material compartido despois de cada uso. Para iso establecese un punto de desinfección onde os usuarios/as terán á súa disposición todo o necesario para levar a cabo a desinfección do material utilizado.

•        É obrigatorio o uso de toalla.

Normas específicas para usuarios/as dos vestiarios:

•        É obrigatorio respectar o aforo establecido para os vestiarios.

•        Unha vez completo o aforo o/a usuario/a non poderá acceder ó vestiario e terá que esperar á saída doutros usuarios/as.

•        É obrigatorio o uso de mascara no interior dos vestiarios.

•        No interior dos vestiarios só se poderán utilizar para mudarse as zonas marcadas cun punto de cor verde.

•        Non se poderán deixar bolsas, mochilas ou calquera outro tipo de material persoal nas perchas ou enriba dos bancos. Todo o material persoal haberá que depositalo nunha das taquillas habilitadas. Para iso cada usuario deberá levar o seu cadeado que permita deixar a taquilla pechada.

•        É obrigatorio a desinfección do espazo ocupado no vestiario e da taquilla utilizada despois do seu uso. Para iso establecese un punto de desinfección onde os usuarios/as terán á súa disposición todo o necesario para levar a cabo a desinfección.

Normas específicas para usuarios/as da cafetería:

•      É obrigatorio respectar o aforo establecido para a cafetería.

•      O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupación de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Non está permitido o consumo en barra.

•      En canto ás agrupacións de persoas no interior do establecemento estarán limitadas a un máximo de cinco persoas, excepto no caso de persoas convivintes, en que non se aplicará esta limitación.

Decreto Modificación Protocolo uso Piscina Climatizada Municipal e Ximnasio