Monforte de Lemos, 10 de febreiro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que “na mañá de hoxe foi constituída a Xestora da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Monforte, para dar así cumprimento ó acordado no Pleno da Corporación Municipal do 27 de xullo de 2020, no que se aprobou o novo regulamento da Agrupación municipal de Protección Civil, regulamento que está adaptado á lexislación vixente”.
Tal e como se recolle en dito Regulamento, e de acordo coa lexislación vixente, procedeuse ó nomeamento dunha Xestora para iniciar o funcionamento da nova Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, adaptada á nova normativa.
Na xuntanza para a constitución da Xestora estiveron presentes o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, a 1ª Tenente de Alcalde e responsable de persoal, Gloria Prada Rodríguez, o Secretario do Concello, José Antonio Mourelle Cillero, así como as persoas designadas para traballar en devandita Xestora, e que son as que seguen:
- Presidente: Tomás Losada González
- Secretario: Manuel Fernández Álvarez
- Tesoureiro: Dositeo Piñeiro Rodríguez
- Vogais:
- Pablo García Freire
- Carlos García Expósito
- Antonio Iglesias Rodríguez
Os membros da Xestora tomaron así posesión do seu cargo na mesma, levantando a correspondente Acta o Secretario do Concello.
Coa constitución da nova Xestora, cuxos membros comezarán a traballar xa dende hoxe, está previsto que se abra o prazo para que todas aquelas persoas interesadas en formar parte desta Agrupación de Voluntarios poidan solicitalo cubrindo a correspondente instancia e presentándoa no Rexistro xeral do Concello de Monforte ou a través da Sede Electrónica do mesmo. Para formar parte da Agrupación como voluntarios, as persoas interesadas terán que ser maiores de 16 anos e non estar inhabilitados para a función pública.
Da mesma maneira, a Xestora traballará para organizar o funcionamento da futura Agrupación, e unha vez concluída esta fase, procederá a celebrarse unha asemblea para a elección da nova directiva da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil monfortina, unha vez superado o período de solicitude de pertenza a dita Agrupación.
Tal e como recolle o seu Regulamento, o cometido da futura Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Monforte é, en coordinación co Concello, “garantir a coordinación preventiva e operativa respecto da protección das persoas e bens ante os danos que sexan producidos por situacións de emerxencia nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública, sen esquecer todo tipo de emerxencias menores, mediante actuacións que permitan evitar as mesmas, reducir os seus efectos, reparar os danos e, no seu caso, contribuír a corrixir as causas produtoras das mesmas”.