O Alcalde inaugura o curso de verán da USC no que a Ribeira Sacra é a protagonista

Monforte de Lemos, 15 de xuño de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na mañá de hoxe o Curso de Verán Interxeracional, que  leva por título “Auga, Terra, Lume e Ar: A Ribeira Sacra” e que está organizado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

No acto, celebrado no Centro Cívico Social monfortino, o Alcalde e Presidente da Deputación estivo acompañado pola Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mª do Mar Lorenzo Moledo, e pola directora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, Mª Esther Olveira Olveira. Ó acto tamén acudiron os alcaldes de Sober, Pobra do Brollón e Pantón, así como a 1ª Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada.

O curso celébrase dende hoxe e ata o vindeiro venres 18 de xuño, e nel finalmente inscribíronse 36 alumnos e alumnas procedentes das provincias de Lugo e A Coruña.

Na súa intervención, o Alcalde salientou que “a temática arredor da que xira este curso fai que teña todo o sentido a súa celebración na nosa cidade, porque Monforte é a capital da Ribeira Sacra, que como todos saben aspira a ser Reserva da Biosfera e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. E a pesar do aprazamento, que tivo lugar hai un par de semanas na resolución da súa candidatura, estou seguro de que finalmente o conseguiremos”.

Neste senso, o rexedor municipal destacou a importancia actual da Ribeira Sacra “que é paisaxe e natureza únicos, é a maior concentración de Románico de Europa -precisamente a través da Deputación de Lugo, acabamos de entrar na Transrománica do Consello de Europa-; a Ribeira Sacra é excelente gastronomía, é viticultura heroica que produce excelentes caldos, é turismo sustentable, tranquilo de calidade e de experiencias, en definitiva, é un dos maiores tesouros escondidos da Península Ibérica”.

Tomé Roca recordou que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra son actualmente un dos destinos turísticos máis solicitados de Galicia, “o que da boa mostra do noso potencial e do actual incremento da afluencia turística que estamos tendo nos últimos anos. Proba diso, é que a Ribeira Sacra ocupa o primeiro posto no ranking dos 10 lugares únicos en Galicia”.

O rexedor monfortino incidiu na súa intervención no enorme potencial cultural, gastronómico, patrimonial e turístico da Ribeira Sacra, e destacou que “Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra están de moda, froito dun traballo intenso e ben feito dende hai anos, e cursos coma este tamén contribúen a dar a coñecer os importantes valores que posúen estas terras”.

Finalmente, o Alcalde desexou ós asistentes que “os que non coñezan a Ribeira Sacra, espero que a descubran, non só grazas ó completo e variado programa teórico que conforma estas xornadas, senón tamén a través das viaxes formativas que levarán a cabo estes días. Estou seguro de que entenderán porqué, como eu sempre digo, a Ribeira Sacra é un anaco do paraíso no interior de Galicia.”

 

PROGRAMA

Martes 15 de xuño

9:00-9:30- Inauguración do Curso.

9:30- Auga para a vida, Mª Teresa Rodríguez López, Profesora Departamento de Zooloxía, Xenética e

Antropoloxía Física da USC.

10:30- A xeografía da Auga, Augusto Pérez Alberdi, Catedrático Emérito da USC, Área Xeografía Física.

12:00- Auga! A enxeñaría do ouro, Iván Álvarez Merayo, Arqueólogo independente, impulsor e guía do Xeo-parque Montañas do Courel.

13:00- A Auga das Deusas e Deuses, Antonio Rodríguez Colmenero, Profesor Emérito USC, Área de Historia Antiga.

16:30- Auga para o espírito, Carlos Baliñas López, Titular de Universidade do Departamento de Historia Medieval e Moderna da USC.

17:30- Auga para o corpo e a mente, Benigno Amor, Xerente Asociación de Balnearios de Galicia.

18:30- Saída para Doade.

19:00- A nosa Auga. Serán polo canón do Sil. Viaxe en catamarán, Doade. Carolina Casal Chico, Co-directora Curso de Verán.

Mércores 16 de xuño

09:30- Terra, territorio e paisaxe, Roxelio Pérez Moreira, Profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola USC.

10:30- E haberedes de plantar viño... O poder da Terra, Victor Rodríguez Muñiz, , doutor en Historia pola UdV. Técnico de Breogán Arqueoloxía.

12:00- A D.O. Ribeira Sacra. O don da Terra, José Manuel Rodríguez González, Presidente da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

13:00- Terra e viño para os sentidos: A Cividade, Xesús Verao Pérez e Brais Verao López, Membro do panel de cata do Consello Regulador Denominación de Orixe, Adega Lobeiras, produtor da D.O. Ribeira Sacra;Adega Cividade, productor da D.O. Ribeira Sacra.

16:30- Terra para non volver pasar fame. A educación ambiental e a cultura da sustentabilidade, Mª Dolores Vázquez Castro, Profesora Departamento de Bioloxía Funcional da USC, Área de Ecoloxía.

17:30- A Terra e o tempo: Os Conventos, Xurxo M. Ayán Vila, Arqueólogo do CSIC, especialista na Área de Conventos.

18:30- Saída para Pobra de Brollón.

19:00- Cores e Sabores. Bebendo e sentido a Terra. Visita ao Castro de san Lourenzo en Cereixa, con Xurxo Ayán, director do xacemento.

Xoves 17 de xuño

09:30- Lume. A Ribeira Sacra a ceo aberto, Manuel Andrade Baliño, Profesor Departamento de Matemática Aplicada USC.

10:30- Saberes e sabores... O Lume da vida, Manuel Fernández Pérez, Chef Restaurante Manuel Bistró, Monforte de Lemos.

12:00- Lume milenario. A oleiría de Gundivós, Elías González, Oleiro de Gundivós e responsábel do proxecto Centro Oleiro de Gundivós.

13:00- Eu son a luz do mundo... O que me siga non camiñará na escuridade. A cosmovisión da arte románica na Ribeira Sacra, Carolina Casal Chico, Investigadora da Rede de Estudos Medievais USC.

16:00- Saída para O Saviñao.

16:30- Seguindo á Igrexa das Bernardas (Ferreira de Pantón). Carolina Casal Chico, co-directora Curso de Verán.

17:30- Seguindo a Luz dos Astros pola Ribeira Sacra. Visita a San Miguel de Eiré (Ferreira de Pantón), Carolina Casal, co-directora Curso de Verán.

18:30-A música das Esferas. Concerto en San Miguel de Eiré (Ferreira de Pantón), Francisco Luengo Fernández, Musicólogo, instrumentista e luthier.

Venres 18 de xuño

09:30- Mesa redonda: Ar para a Ribeira Sacra, Relatores: Antonio Dieter Moure, Asociación o Sorriso do Daniel e Paula Vázquez Verao, Asociación Colado do Vento. Moderadora: Esther Olveira Olveira, directora do Programa Universitario de Maiores,IV CICLO e Prof. Do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC.

10:30- Mesa redonda: O Ar e os ventos frescos da comunidade, Xurxo Martínez González, Asociación Vilachá de Salvadur e Lucas Vázquez, Asociación Cultural Segredos de Pantón. Moderadora: Carolina Casal Chico, Investigadora da Rede de Estudos Medievais USC.

11:30- Ar e respiro para a Ribeira Sacra, Alexandra Seara Sobrino, Xerente Consorcio Turismo Ribeira Sacra.

12:30- Mesa redonda: Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade. Ar novo e vital para unha paisaxe cultural única. Relatores: Ana Goy Diz, Catedrática de Universidade Departamento de Historia da Arte da USC, Directora Científica Candidatura Patrimonio da Humanidade Ribeira Sacra e Mario Crecente Maseda, Crecente e Asociados, Coordinador Candidatura Patrimonio da Humanidade Ribeira Sacra.

13:30- Clausura do Curso de Verán Auga, Terra, Lume e Ar.