O Alcalde da a coñecer os actos que o Concello organiza arredor do 8 de marzo “Día internacional da Muller”

Monforte de Lemos, 2 de marzo de 2022. O Concello de Monforte e o CIM non son alleos á importancia que ano a ano adquiren as actividades que se organizan arredor do día 8 de marzo, día Internacional da Muller.

Deste xeito, e dentro do calendario anual de actividades que o Concello está a recuperar para volver á normalidade, o Alcalde da cidade, José Tomé Roca, deu a coñecer o programa deseñado polo Concello arredor do 8 de marzo, Día internacional da muller. Na presentación, estivo acompañado polas Concelleiras de Muller e Igualdade, Margarita López, e de Cultura, Marina Doutón, así como a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada.

O rexedor municipal iniciou a súa intervención destacando que “dende o Equipo de Goberno de que eu presido sempre traballamos xunto ó movemento feminista, e seguiremos a traballar para facer realidade a igualdade entre homes e mulleres, para avanzar nos dereitos e liberdades das mulleres. O noso obxectivo é sentar as bases para que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva, facendo actividades e propostas transformadoras que contribúan a eliminar na nosa sociedade as estruturas machistas e patriarcais que desgraciadamente seguen presentes no fondo de toda estrutura social y política das nosas vidas”.

A continuación, Tomé Roca deu conta da axenda de actividades que dende o Concello se veñen planificando nos últimos meses con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, ideadas dende a Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Monforte, en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM).

 

Campaña informativa e de concienciación, “Monforte pola igualdade”

Baixo o lema “Monforte pola igualdade”, esta campaña desenvolverase do 5 ó 25 de marzo, e que consistirá na colocación de carteis por distintas zonas da cidade (Paseo do Malecón, Rúa Cardeal e Compañía) con mensaxes visuais e atractivas sobre o empoderamento das mulleres, a igualdade real, a corresponsabilidade e a rotura coas brechas de xénero que seguen persistindo na sociedade.

Tal e como se fixo dende o Concello en campañas como o 25-N,  instalarase un vinilo no Bus Urbano municipal impreso co lema da campaña, contribuíndo así a visibilizar e reforzar a mensaxe que se busca trasladar á sociedade, que é concienciar a poboación sobre a necesidade de acadar unha Igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

Iluminarase de cor malva e faremos unha proxección dixital na Torre da Homenaxe co lema da Campaña “Monforte pola Igualdade”, o propio día  8 de marzo, das 19:30 h. ás 00:00 horas, co obxectivo de impactar na poboación monfortina para que adquira conciencia e sensibilidade co motivo da conmemoración do 8M.

 

Martes 8 de marzo, acto central do Día Internacional da Muller

O martes 8 de marzo, ás 12:00 horas, e como é tradición, a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López Rodríguez procederá á Lectura do Manifesto na Praza do Concello.

Posteriormente, terá lugar unha actuación musical por parte de Iara Rodríguez González e Lujie Prieto Robisco, alumnas de violín do Conservatorio Municipal ‘Mestre Ibañez’ que interpretarán un fragmento do “Canon en Re Mayor ” de Johann Pachelbel.

 

 

Obradoiros para o alumnado de Secundaria

Dando continuidade aos obradoiros impartidos no mes de novembro, neste trimestre desenvolverase un Obradoiro destinado ó alumnado de Educación Secundaria titulado “Para que non doa” no que se traballaran as relacións emocionais dende unha perspectiva non sexista, as dependencias emocionais e o que ten que ver coas formas de respecto e boa relación co obxectivo de que o alumnado cuestione os mitos e falsas crenzas en torno o namoramento e o amor, diferencien entre relacións igualitarias e relacións violentas, de dependencia…e reflexionen sobre os modelos impostos nas relacións afectivas.

A encargada de levar a cabo este obradoiro será a psicóloga clínica Paula Sánchez, a cal exporá de forma dinámica e audiovisual contidos teóricos a través de exemplos facilmente recoñecibles, reais e sinxelos para a mocidade facilitándolles as ferramentas claves para que camiñen cara a relacións baseadas na igualdade.

A actividade vai dirixida ao alumnado de 3º da ESO e cada sesión terá unha duración de 100 minutos, desenvolvéndose os días 4, 16 e 18 de marzo.

 

Escape Room pola igualdade, principal actividade deste ano

O Alcalde anunciou a que será a actividade máis novidosa no programa deste ano, e que vai dirixida tanto ó alumnado de 6º de educación primaria como a público en xeral.

Trátase dun Escape Room en Igualdade de Xénero. O “Escape  room” é un xogo cooperativo, unha  ginkana de interior que se recrea nunha sala especial, na que un grupo de persoas teñen que superar probas, descifrar códigos e enigmas para abrir candados e maletas, e poder saír deste espazo interior.

 No caso, do alumnado de 6º de Primaria o obxectivo con esta actividade será que os nenos e nenas se coñezan a unha serie de mulleres de especial relevancia, mulleres fortes en todos os eidos da sociedade, que souberon adiantarse ó seu tempo e rachar cos estereotipos de xénero do momento que lles tocou vivir. A través destes exemplos, traballarase na promoción da igualdade e na eliminación dos estereotipos de xénero.

Cada sesión desta actividade terá unha duración de 100 minutos, desenvolvéndose en cada un dos centros participantes, os días 8, 9, 10 e 11 de marzo.

Esta novidosa actividade de Escape Room tamén será ofertada a públicos de todas as idades, que poderán  participar en grupos de 6 a 8 persoas, e debendo os menores de 12 anos ir acompañados.

Nesta ocasión, con este “Escape Room pola igualdade” proporase ós participantes unha viaxe ó pasado para representar a vida das mulleres e homes de mediados do século XX. Para elo, recrearase unha mansión daquela época na que unha personaxe disfrazada de mordomo será a encargada de introducir ós asistentes na mesma.

Nesta mansión, descubrirán que a señora da casa era unha fervente activista polos dereitos das mulleres e fiel seguidora de Clara Campoamor na súa loita polo sufraxio universal.

Os participantes nesta actividade, deberán descifrar códigos ocultos en textos como o contrato de mestras de 1923, ou o decálogo da boa esposa, para poder chegar ó futuro, ó noso tempo presente.

Ó longo da actividade, dentro da Sala amosaranse imaxes e obxectos que escenifican conceptos como a brecha salarial, a violencia de xénero e as redes sociais. Nesta viaxe descubriran o conseguido ata a actualidade pero tamén o que queda por avanzar en materia de igualdade.

O Centro Cívico Social acollerá esta actividade para grupos reducidos de 6 a 8 persoas, polo que será necesario inscribirse previamente no CIM, no 982 416 350 ou correo electrónico cim@concellodemonforte.com. A inscrición realizaranse por orde de anotación ata rematar o número de prazas dispoñibles.

O Escape Room pola Igualdade para todos os públicos terá lugar o venres 18 de marzo, en 3 sesións pola tarde, e o sábado 19 e domingo 20, con 3 sesións de mañá e 3 de tarde cada un deses días.

Dada a situación sanitaria actual pola COVID-19 tomaranse ás medidas de hixiene e sanidade  tales como, redución de número de participantes, grupos pechados, aforo, uso de xel  hidroalcóholico, máscaras e tempo entre grupos para desinfección e limpeza da sala.

 

Tres obras de teatro

Como cada ano tamén o teatro será protagonista en Monforte os xoves 17 e 24 de marzo, e o xoves 7 de abril, coas representacións, respectivamente, das obras “Comando Comadres” da compañía Matrioskha Teatro, de “Cigarreiras” da compañía Contraproducións, e de “Tabú”, da compañía Tarabela Creativa.

O horario das tres obras será ás 20.15 horas e terán lugar no Edificio Multiusos. A primeira das obras terá entrada gratuíta, e as outras dúas terán unha entrada de 5€ para persoas adultas e 3€ para persoas desempregadas e xubiladas.

Todas estas actividades están financiadas polo Concello de Monforte e con cargo ós fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2021.

 

O Alcalde concluíu a súa intervención destacando que “organizamos un amplo e completo abano de actividades, dentro da noso plantexamento de recuperar o calendario de actividades anual normal no noso Concello, como así o estamos facendo. Son actividades dirixidas a todos os estamentos da nosa sociedade, porque dende o Equipo de Goberno do Concello queremos unha sociedade paritaria e participativa, na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito, unha sociedade que camiñe cara á igualdade real e efectiva.

Neste senso, o rexedor monfortino animou “a todos os monfortinos e monfortinas a que participen nestas actividades e quero convocalos especialmente a que nos acompañen o vindeiro martes 8 de marzo na Praza do Concellos para celebrar o Día Internacional da Muller”.

“O noso obxectivo é acadar unha sociedade igualitaria, onde non teñan cabida as discriminacións por razón de xénero nin as violencias machistas. Espero que chegue o día en que non sexa necesario reivindicar  nada disto” subliñou o rexedor monfortino.