Monforte de Lemos, 27 de maio de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que o Concello ven de expedir a licencia de obra para que se inicien os traballos de construción da nova Comisaría da Policía Nacional en Monforte, logo de que os informes dos técnicos municipais validasen o proxecto presentado pola Dirección Xeral da Policía Nacional así como pola Inspectora Xefa de Monforte.
A finais de decembro de 2020, o Alcalde dera a coñecer a conclusión dos trámites entre o Concello de Monforte, o Ministerio do Interior e a Dirección Xeral da Policía, que supoñían a cesión gratuíta do inmoble municipal, coñecido como a antiga Casa de Socorro, ubicada nos números 73-77 da Avenida de Galicia, para que albergase a nova sede da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Monforte.
Neste senso, dende o principio do seu mandato, o Alcalde traballou e fixo as xestións necesarias para que a nova Comisaría de Policía se instalase nesta nova ubicación da cidade, e trala concesión da pertinente licencia de obra, séguense a dar os pasos necesarios para que se alcance este obxectivo.
O informe técnico emitido dende a oficina de urbanismo municipal recolle que a reforma deste edificio para destinalo a Comisaría Local da Policía Nacional é compatible coas Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal vixentes.
Logo desta concesión inicial de licencia de obra, dende a Dirección Xeral da Policía Nacional deberá presentarse, con carácter previo á execución de calquera tipo de obra, o correspondente Proxecto de Execución, que deberá axustarse o proxecto básico presentado. Do mesmo xeito, antes do comezo das obras, tamén se presentarán os oficios de nomeamento da dirección de obra e da dirección de execución material das obras.
O orzamento de contrata desta reforma ascende a 3.369.509,99 euros.
Características do inmoble cedido para a nova Comisaría da Policía Nacional
O inmoble que o Concello cedeu gratuitamente para albergar a nova Comisaría da Policía Nacional coñecese como antiga Casa de Socorro e está ubicado nos números 73-77 da Avenida de Galicia.
Conta cunha superficie de terreo duns 2.282 metros cadrados, sobre os que se ubica unha superficie construída de 1.882 m2. O edificio está composto por un semisótano, unha planta baixa, unha planta alta e unha planta baixo cuberta.
A planta semisótano ten unha superficie construída de 244 m2, e destínase a garaxe, así como a outros usos que permita a lexislación. A planta baixa conta con 619 m2, a planta alta posúe unha superficie construída de 619 m2, e a planta baixo cuberta ocupa uns 340 m2. Estas tres plantas contan con diferentes habitacións, servizos e dependencias, que serán reformadas a fin de acoller as novas dependencias policiais.
Logo dun estudo pormenorizado da situación desta antiga Casa de Socorro, e atendendo as necesidades da nova Comisaría da Policía Nacional, para levar a cabo a reforma da mesma, optouse pola seguinte distribución:
- Planta Sótano: Situaranse nesta planta dúas zonas claramente diferenciadas: un Área de detención, situada no espazo existente de sótano ó redor do patio interior nº 2 e unha Galería de tiro, proxectada nunha nova zona dentro da parcela e cuxa cuberta se aproveitará como zona de aparcamento exterior.
- Planta Baixa: Nesta planta situaranse as Oficinas de atención ó público: Expedición de DNI-pasaporte, oficina de denuncias e atención ó cidadán; e o Grupo de seguridade cidadá.
- Planta Primeira: Recolleranse nesta planta as zonas máis privadas da comisaría: Xefatura de comisaría; Grupo operativo local; Grupo local de información (SITEL); Grupo local de policía científica; e vestiarios así como aseos masculinos e femininos.
- Planta Baixo Cuberta: Esta zona recolle os usos máis privados da nova comisaría: vivenda; e salas técnicas.
A reforma contempla ademais a implantación no patio interior nº 2 dunha nova escaleira, que comunicará as plantas sótano, baixa e primeira, resolvendo a evacuación en caso de incendios; e un ascensor, que comunicará todas as plantas do edificio, permitindo resolver a accesibilidade do mesmo.
Tamén se prevé o reforzo do forxado de teito da planta sótano e a reconstrución completa do taboleiro de cuberta.
Finalmente, no proxecto contémplase a urbanización da zona de aparcamento, situada sobre a cuberta da galería de tiro. Neste senso, a dotación de aparcamentos correspondente a calquea ordenanza con uso residencial, industrial ou dotacional, deberá cumprir con unha serie de condicións tales como que as prazas deberán ter unha superficie rectangular mínima de 2,20x4,50 m., cunha superficie de aparcamento non inferior a 20 m2; se o número total de prazas é igual ou superior a 50, deberá contar cun 2% como mínimo para usuarios con discapacidade e cunha superficie por praza de 3,30x4,50 m.
O Alcalde monfortino, amosou a súa satisfacción por seguir dando pasos firmes para que “a Comisaría da Policía Nacional de Monforte conte cunhas novas instalacións, modernas funcionais e ó servizo dos cidadáns, en definitiva, que conte cunha sede propia, que estou seguro de que afianzará a presencia da Policía Nacional no noso concello”.