O Concello de Monforte conmemora mañá luns 14 o Día da Endometriose iluminando de amarelo a Torre da Homenaxe

Monforte de Lemos, 13 de marzo de 2022.  O Concello de Monforte súmase mañá luns día 14 de marzo ós actos conmemorativos do Día da Endometriose, unha enfermidade silenciada pero que afecta a moitas mulleres no mundo.

Para elo, como xesto simbólico e en sinal de apoio ás mulleres afectadas por esta enfermidade, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou que na noite do luns 14 ó martes 15 de marzo, o Concello procederá á iluminación da Torre da Homenaxe de San Vicente de cor amarelo.

A endometriose é unha enfermidade xinecolóxica crónica que afecta ás mulleres, na que se produce unha situación anómala: a implantación e o crecemento benigno de tecido do endometrio fora do útero, dando lugar a unha reacción inflamatoria. As zonas que poden verse afectadas por esta patoloxía con máis frecuencia son estruturas reprodutivas, xeralmente os ovarios, pero tamén pode atoparse nas trompas de Falopio, na vaxina e ata no peritoneo ou o tracto gastrointestinal e urinario.

A endometriose é unha das doenzas máis enigmáticas e controvertidas da xinecoloxía, por iso, non existe un tratamento idóneo para a mesma. As lesións que produce a endometriose teñen un pronóstico incerto, xa que poden permanecer estables, progresar, e incluso retroceder.

A pesar de que socialmente a endometriose continúa sendo unha gran descoñecida, estímase que afecta a ó redor do 10% das mulleres en idade fértil en Galicia -unhas 60.000, das cales 9.000 atópanse nun estadío severo desta doenza-,  1,5 millóns de mulleres en España e ó redor de 176 millóns en todo o mundo. Os expertos sinalan que é fundamental concienciar a mulleres e a sanitarios para estar atentos a calquera síntoma anómalo e así evitar que se atrase o diagnóstico, atraso que pode levar a un empeoramento da saúde e de vida da paciente.

Por esta razón, “dende o Concello de Monforte, sumámonos a esta iniciativa, respondendo ó chamamento da Asociación querENDO-Mulleres con endometriose, e queremos facela extensiva a toda a cidadanía iluminando de amarelo a Torre da Homenaxe, para facer visible esta doenza que afecta ó 10% das mulleres en idade fértil en Galicia”.