Monforte de Lemos, 1 de abril de 2022. Como xesto simbólico e en sinal de apoio ás persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), o Concello de Monforte iluminará mañá sábado 2 de abril no serán a Torre da Homenaxe de cor azul con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.
A campaña deste ano, a través do lema “Unha feliz viaxe pola vida” pon o foco no dereito das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e as súas familias a gozar dunha vida feliz.
O Alcalde, José Tomé Roca, sinala que “estímase que 7 millóns de persoas teñen trastorno do espectro do autismo en Europa, e en España, máis de 470.000. Para elas, o acceso á educación e ó emprego non son solo un dereito, senón tamén factores clave para a súa calidade de vida, e como resalta o lema deste ano, estas persoas tamén teñen todo o dereito a ter unha vida feliz. Por iso dende o Concello de Monforte sumámonos a esta campaña, co obxectivo de darlle visibilidade e apoio ás persoas, e ás súas familias, que padecen este trastorno”.
Cada ano miles de edificios emblemáticos de todo o planeta ilumínanse de azul para apoiar e dar visibilidade ás persoas con TEA e ás súas familias. Trátase dunha campaña mundial promovida por Autism Speaks (Light It Up Blue, #LIUB), e apoiada por Autismo Europa, Autismo España e Autismo Galicia.
No pasado ano 2020 ilumináronse en España máis de 400 monumentos; en Galicia foron 50 edificios e monumentos, entre outros, ademais da Torre da Homenaxe de Monforte, a Torre de Hércules, o CGAC, As Burgas ou a Cidade da Cultura entre outros moitos.
Este ano 2022, as diferentes asociación implicadas buscan o reto de chegar a 450 entidades iluminadas en España.