O Concello de Monforte súmase hoxe ós actos de celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI

Monforte de Lemos, 28 de xuño de 2020. O Concello de Monforte súmase hoxe 28 de xuño ós actos de celebración do Día do Orgullo LGTBI que teñen lugar en todo o mundo.

Deste xeito, e tal como se veu facendo polo Equipo de Goberno do Concello en pasadas edicións, procedeuse a colocar no balcón da Casa Consistorial a bandeira arco iris, símbolo da comunidade LGTBI (lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais, así como todas as persoas que non están recollidas nas denominacións anteriores) para conmemorar o Día Internacional dos dereitos das persoas LGTBI. A bandeira permanecerá pendurada ó longo de toda esta semana, tal e como se veu facendo todos estes anos en que se conmemorou dende o Concello.

A través desta iniciativa, o Alcalde, José Tomé Roca, manifestou, en nome de todos os veciños e veciñas de Monforte “o noso apoio institucional e social a esta celebración do Día do Orgullo LGTBI, co obxectivo de facer visible á nosa sociedade a diversidade sexual, á vez que promovemos a igualdade, liberdade e o respecto de todas as persoas”.

“Dende o Concello de Monforte”, continuou o mandatario municipal, “condenamos a discriminación ou calquera outra forma de violencia, tanto física como verbal, e exercida contra calquera persoa ou colectivo, ben sexa por razóns de orientación ou identidade sexual ou ben sexa por calquera outro motivo que supoña un ataque ós dereitos fundamentais e liberdades das persoas”.

Neste senso, o Equipo de Goberno do Concello considera fundamental afondar na educación da cidadanía sobre diversidade sexual, a través de programas de concienciación e sensibilización que acheguen información á veciñanza e de actos simbólicos coma este que vimos de anunciar.

O Alcalde rematou sinalando que “dende o Concello de Monforte ratificamos o noso compromiso de facer dos nosos pobos e cidades espazos nos que os individuos podan desenvolver a súa sexualidade dunha forma íntegra e natural, independentemente da orientación ou identidade sexual propia”.

O Pleno aproba unha Declaración Institucional con motivo do día do Orgullo LGTBI

Na sesión ordinaria da Corporación Municipal de Monforte, celebrada na tarde de onte luns 27 de xuño aprobouse por unanimidade unha Declaración Institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI.

Antes da súa aprobación, o Alcalde procedeu á leitura desta declaración ante os membros do Pleno:

Declaración Día Internacional Orgullo LGTBI