Monforte de Lemos, 16 de marzo de 2022. Seguindo ca Programación de actividades que a Concellaría de Muller e Igualdade de Monforte, a través do Centro de Información á Muller, ten organizadas para conmemorar o 8 de Marzo “Día Internacional da Muller”, esta fin de semana terá lugar un Escape Room pola Igualdade.
Trátase dunha actividade gratuíta dirixida a público en xeral (menores de 12 anos teñen que vir acompañados dunha persoa adulta) que se desenvolverá no Centro Civico Social (Paseo do Malecón s/n) en grupos reducidos de 6 a 8 persoas previa inscrición no CIM, no 982416350 ou correo electrónico cim@concellodemonforte.com.
A inscrición realizaranse por orde de anotación ata rematar o número de prazas dispoñibles.
A actividade máis novidosa do programa arredor do 8M
O Escape room é un xogo cooperativo, unha ginkana de interior no que un grupo de persoas teñen que superar probas, descifrar códigos e enigmas para abrir cadeados e maletas e saír do espazo interior.
Nesta ocasión vaise desenvolver un Escape Room con temática de igualdade no que se propón unha viaxe ao pasado para representar a vida das mulleres e homes de mediados do século XX. Un personaxe disfrazado de mordomo presenta a mansión dos seus defuntos señores. A señora da casa era unha fervente activista polos dereitos das mulleres e fiel seguidora de Clara Campoamor na súa loita polo sufraxio universal.
Así, textos como o contrato de mestras de 1923, ou o decálogo da boa esposa e ambientación da época son a base dos códigos que as persoas participantes deben descifrar para chegar ao futuro, ao seu tempo presente.
Ao longo da actividade dentro da Sala amosaranse imaxes e obxectos que escenifican conceptos como a brecha salarial, a violencia de xénero e as redes sociais. Nesta viaxe evidénciase o conseguido ata a actualidade pero tamén a crúa realidade e o que nos queda por avanzar.
Datas e horarios
Venres 18 de marzo (tarde), realizaranse 3 sesións no seguinte horario:
-17:00 horas /18:30horas /20:00 horas
Sábado 19 e domingo 20 de marzo (maña e tarde), realizaranse 6 sesións cada día no seguinte horario:
-10:30 horas /12:00horas /13:30 horas
-17:00 horas /18:30horas /20:00 horas
Dada a situación sanitaria pola COVID-19 tomaranse ás medidas de hixiene e sanidade tales como, redución de número de participantes, grupos pechados, aforo, uso de xel hidroalcóholico, máscaras, tempo entre grupos para desinfección e limpeza da sala.
Esta actividade está financiada con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2021..