As Oficinas de Turismo e de atención ó Peregrino do Concello de Monforte rexistran en 2021 os mellores datos de afluencia da súa historia

Monforte de Lemos, 17 de xaneiro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de facer balance en rolda de prensa dos datos obtidos nas dependencias turísticas xestionadas polo Concello, en canto a número de visitantes rexistrados nos últimos anos tanto na Oficina de Turismo como na recentemente aberta Oficina de Atención ó Peregrino. Ambas dependencias alcanzan en 2021 os mellores datos da súa historia en canto a persoas atendidas.

Neste senso, o rexedor municipal destacou que “o verdadeiramente salientable é que, poñendo un paréntese en 2020, os datos do ano 2021 son mellores que os dos anos 2017, 2018 e 2019, anos nos que non existía a pandemia, e tendo en conta ademais que en 2021 a incidencia da pandemia seguiu afectando ó sector turístico, especialmente nos primeiros meses do ano, e hoxe en día desgraciadamente ségueo facendo e aínda condiciona as nosas vidas”.

Máis de 20.000 persoas atendidas en 2021 na Oficina municipal de Turismo de Monforte

Os datos relativos á persoas atendidas na Oficina de Turismo do Concello de Monforte, por ano son os seguintes:

  • En 2017: 14.922 persoas
  • En 2018: 14.851 persoas
  • En 2019: 15.237 persoas
  • En 2020: 9.127 persoas
  • En 2021: 20.454 persoas

Os baixos datos que se dan no ano 2020, veñen causados pola maior incidencia do Coronavirus, que obrigou a parar moitas actividades relacionadas coa interactuación presencial e que cortou o fluxo de visitantes e turistas durante moitos meses dese ano e tamén en períodos de 2021.

“Sen embargo”, destacou o Alcalde, “o verdadeiramente salientable é que, poñendo un paréntese en 2020, os datos do ano 2021 son mellores que os dos anos 2017, 2018 e 2019, anos nos que non existía a pandemia, e tendo en conta ademais que en 2021 a incidencia da pandemia seguiu afectando ó sector turístico, especialmente nos primeiros meses do ano, e hoxe en día desgraciadamente ségueo facendo e aínda condiciona as nosas vidas”.

Porcentualmente, en 2021 atendeuse a un 124,10% máis de visitantes que en 2020, un 34,24% máis que en 2019, un 37,72% máis que en 2018 e un 37,07% máis que en 2017.

Tamén e salientable a incidencia por meses, especialmente os relacionados co período estival. E neste aspecto o rexedor municipal subliñou que “estamos ante os mellores datos de afluencia turística da historia da Oficia de Turismo de Monforte,  cifra nunca antes alcanzada dende que temos rexistros estatísticos de visitantes nesta oficina”.

En concreto estes datos históricos destacan no período que vai dende os meses de xuño a outubro, ambos incluídos, e nos últimos 3 anos.

Así, en 2019, a afluencia por meses foi de 1.013 persoas en xuño, 2.352 en xullo, 4.420 en agosto, 1.967 en setembro e 1.002 en outubro. É dicir, no período de xuño a outubro, foron un total de 10.654 os turistas atendidos en 2019.

En 2020, coa incidencia da pandemia presente ó longo de todo o ano, acudiron á Oficina de Turismo 136 persoas en xuño, 2.124 en xullo, 3.975 en agosto, 1.221 en setembro e 725 en outubro. É dicir, no período de xuño a outubro, foron un total de 8.181 os turistas atendidos en 2020.

Finalmente, en 2021 alcanzáronse as 18.221 persoas atendidas nestes 4 meses: 1.178 persoas en xuño, 4.285 en xullo, 7.235 en agosto, 3.518 en setembro e 2.005 en outubro, sendo en cada un destes meses, as cifras máis altas acadadas nos últimos anos en cada caso.

Polo tanto, podemos afirmar que o período xuño-outubro de 2021 aporta un dos mellores datos de afluencia da historia da Oficina de Turismo de Monforte: con respecto a 2020, supón un 122,72% máis de persoas atendidas, e con respecto a 2019, un 71,02% máis.

“Creo que son uns excelentes resultados turísticos, especialmente os dos meses de xullo (4.285 persoas) e agosto (7.235) de 2021, a pesar de que a incidencia da pandemia nos obrigou a cancelar eventos tan importantes como o Festival do Viño, o Verán Cultural ou as Festas Patronais, o que significa que a xente apostou polo turismo de interior, apostou polo turismo seguro da Ribeira Sacra, e estes datos confirman a satisfacción que mostraban os hostaleiros” salientou Tomé Roca.

 

Outros datos de interese sobre a Oficina de Turismo

Dende que a actual empresa adxudicataria se fixo cargo dos servizos de atención turística municipal, é dicir, dende xullo a decembro de 2021 atendeuse na Oficina de Turismo a 18.224 persoas, sendo os meses de maior afluencia xullo e agosto.

En canto a procedencias, Madrid é a comunidade que mais turistas aportou en todos os meses seguida de Galicia, Pais Vasco, Castela e León, Extremadura ou Valencia.

Respecto ó turismo internacional, Portugal e Francia ocupan o primeiro posto en canto a visitantes, seguidos de Bélxica, Italia, Reino Unido, Andorra ou países de América Latina como Bolivia, México ou Arxentina.

A Oficina de Atención ó Peregrino de Monforte alcanza porcentaxes históricos de visitas

Esta Oficina do Peregrino abriu as súas portas o pasado mes de setembro de 2021. Antes da súa apertura, os peregrinos e persoas interesadas no Camiño de Inverno eran atendidos na Oficina de Turismo.

Así, os datos de atención especificamente relacionados con peregrinos do Camiño de Inverno ata a apertura da Oficina do Peregrino son:

  • Ano 2017: 172 persoas atendidas.
  • Ano 2018: 297
  • Ano 2019: 412
  • Ano 2020: 159
  • Ano 2021 ata o 14 de setembro: 322
  • Ano 2021 dende o 14 de setembro (cando se abre a Oficina do Peregrino) ata decembro: 1.450
  • Total ano 2021: 1.772

Destes datos, pódese observar o influxo negativo da Covid-19 no ano 2020 e nos primeiros meses de 2021.

O Alcalde destacou ademais que “queda claro o aumento destacado que se produciu dende a apertura da Oficina do Peregrino en setembro, e que permite acadar en 2021 os mellores datos acadados en canto a atención á peregrinos e persoas interesadas no Camiño de Inverno”.

O Alcalde aclarou, ante este aumento tan destacado en 2021, que a Oficina do Peregrino rexistra tanto a atención ós peregrinos que acoden a selar a súa Compostela ou a pedir información, como a atención a persoas interesadas en coñecer o Camiño de Inverno. En ambos casos, a aceptación e a valoración da Oficia do Peregrino é moi destacable.

Das 1.450 visitas rexistradas dende a apertura da Oficina do Peregrino, 1.080 foron público interesado do Camiño e 370 especificamente peregrinos.

En concreto, no que atinxe a peregrinos, o 81% do total (300) son de orixe nacional. Dentro de España, a comunidade que máis peregrinos aporta é Galicia (64), seguida de Cataluña (38) e Madrid (33).

En canto a peregrinos procecentes doutros países, a maioría proveñen do ámbito europeo destacando a Portugal (15), Malta (13) e Alemania (6) pero tamén hai unha importante presenza do continente americano con Porto Rico (7) e Estados Unidos (6).

Finalmente, o 93% (345) dos peregrinos realizaron o Camiño a pé mentres que só un 7% (25) fíxoo en bicicleta. Isto é debido quizais ó perfil desta ruta con etapas de gran desnivel e tramos con calzadas de pedra que só ciclistas experimentados conseguen sortear.

A gran maioría dos peregrinos do Camiño de Inverno fixeron con anterioridade algún outro Camiño, sendo un perfil de peregrino veterán, co Camiño Francés en primeiro lugar co 54,39% (229), seguido polo Camiño Primitivo co 26,85% (113) e o Camiño Portugués co 18,76% (79).

Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra están de moda

Tras valorar estes datos, proporcionados pola empresa xestora da Oficina de Turismo do Concello e da Oficina de atención ó Peregrino, o Alcalde salientou “que podemos afirmar sen ningunha dúbida que estamos ante os mellores datos da historia en canto a número de usuarios dos nosos servizos turísticos. Estes datos demostran que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra están de moda, e se constitúen hoxe coma un dos principais destinos turísticos do interior de Galicia”.

Neste senso, José Tomé Roca recordou que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra son actualmente un dos destinos turísticos máis solicitados de Galicia, “o que da boa mostra do noso potencial e do actual incremento da afluencia turística que estamos tendo nos últimos anos. Proba diso, é que a Ribeira Sacra ocupa o primeiro posto no ranking dos 10 lugares únicos en Galicia”.

O rexedor monfortino subliñou que o “enorme potencial cultural, gastronómico, patrimonial e turístico de Monforte de Lemos e da Ribeira Sacra, están a obter excelentes cifras de afluencia turística como as que acabamos de salientar, que son froito dun traballo intenso e ben feito dende hai anos por este Equipo de Goberno. Por iso, a nosa aposta seguirá sendo firme e decidida, porque somos conscientes de que é un motor económico e de desenvolvemento e promoción, de presente e de futuro para o noso Concello e para a Ribeira Sacra”.

Finalmente, o Alcalde manifestou  que “se a pandemia nos deixa volver á normalidade, no 2022 volveremos a alcanzar cifras históricas, xa que a recuperación de grandes eventos como o Entroido, a Feira Medieval, o Festival do Viño ou as nosas Festas Patronais, e outros eventos, contribuirán decisivamente a captar visitantes e turistas para Monforte”.