O ALCALDE MOSTRA A SUA SATISFACIÓN POLO ÉXITO DAS DISTINTAS ACTIVIDADES DO ENTROIDO

Monforte de Lemos,22 de febreiro de 2023. Éxito rotundo do desfile de entroido con mais de 1.200 participantes nun día sen choiva nin frío burlando as previsións climatolóxicas iniciais. O Alcalde amosou a súa satisfacción pola recuperación do entroido en Monforte a cotas anteriores á pandemia, constituíndo como xa era tradición, un dos desfiles mais concorridos da provincia. José Tomé quixo aproveitar a ocasión para felicitar aos gañadores e agradecer aos participantes a súa ilusión e traballo nas estupendas propostas que desfilaron este ano.

A Concelleira de Cultura, Marina Doutón, representando a Clara Campoamor, coa súa urna solicitando o sufraxio feminino, en un guino á defensa dos dereitos da muller, anunciou os premios, poucos minutos despois das 19:00 na Praza da Compañía, que estaba ateigada de público desfrutando da actuación da orquestra en directo.

O entroido deste ano xa está a punto de rematar con unha única cita por celebrar, o enterro da sardiña, que terá lugar hoxe mércores con saída da Praza de España ás 20:00 h ata ser ceibada no río Cabe na Ponte Vella.

Nesta edición de 2023, o Concello destinou 18.000 euros en premios, mantendo a mesma axuda que en 2022. Neste senso, o pasado ano, no que se recuperou a actividade logo do parón propiciado polo Coronavirus, o Concello incrementara o importe destes premios en 4.900 euros máis con respecto a 2020 (un 37,40% máis), ano en que se repartiran 13.100 euros en premios.

O Alcalde ven de expresar “a súa satisfacción pola recuperación do entroido Monfortino despois da anomalía vivida estes últimos anos por mor da pandemia. O 2023 ven a reafirmar a importancia desta tradición para a Comarca que volveu a participar con entusiasmo en todas as actividades programadas”. Tamén remarcou “o impulso económico que supón esta celebración capaz de reunir na cidade a un número importantísimo de persoas tanto de aquí como de fora que visitan Monforte para desfrutar dunha posta en escena divertida e colorista, na que non pode faltar a crítica e o bo humor”.

O número de participantes anotados foi de 1.250 persoas, distribuídas en 18 comparsas e 11 anotados na categoría individual que inclúe a participación de grupos ata 3 persoas. As rúas de Monforte enchéronse de cor e música e o público asistente desfrutou dunha xornada de humor e festa na que as condicións climatolóxicas axudaron a conseguir unha cita que non se repetía dende hai anos con esa cantidade de público.

Os premios repartíronse en diferentes categorías, según o número de participantes e tendo en conta criterios diversos de xeito que ademáis dos premios ás carrozas, tamén se valorou a comparsa ó mellor humor, á posta en escena e a critica de actualidade.

O martes de Entroido rematou como é habitual coa celebración dos premiados e do público na Praza da Compañía coa actuación da orquestra en directo que animou aos presentes a bailar e celebrar un día especial.

O Alcalde e o resto do Equipo de Goberno queren felicitar aos premiados e agradecer a todos os participantes o esforzo que fixeron para a realización das súas propostas e animan aos veciños a seguir participando nas actividades organizadas polo Concello que se desenvolven na cidade.