Monforte de Lemos, 9 de agosto de 2023. O Alcalde do Concello de Monforte, José Tomé Roca, visitou a XXIII Mostra de artesanía Artelemos 2023, que pecha hoxe pola tarde as súas portas, tras seis días de exitosa actividade.
O rexedor monfortino, estivo acompañado na súa visita pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luís Losada.
Tras visitar os 30 stands que formaron parte da mostra, o Alcalde recolleu as valoracións dos artesáns participantes na mesma “e todos eles nos comentaron de que lles foi moi ben nos días de duración do certame e que levaron a cabo numerosas ventas. De feito, practicamente todos os artesáns xa nos pediron que sigamos organizando e celebrando este certame, e que contemos con eles para participar na vindeira edición de 2024”.
“As estimacións que facemos dende o Concello, e tras o que nos comentan os artesáns participantes, é que superamos as cifras da edicións de 2019 e 2022, tanto en número de público asistente como de ventas acadadas”, resaltou o Alcalde. Neste senso, o incremento estes días no número de turistas e de visitantes á cidade, contribúe á mellora dos datos acadados, con respecto a edicións anteriores.
A edición máis exitosa dos últimos anos
En Artelemos 2023 participaron 30 profesionais da artesanía, 10 deles provintes da comarca de Lemos, 14 de diversos concellos de Galicia, como Vigo (2), Santiago de Compostela (3), A Coruña (2), Silleda (1), Ponteareas (1), Tui (1), Marín (1), Noia (1), Arcade (1) ou Ourense (1); e 6 de distintos puntos de España, como Ponferrada (3), Burgos (1), Toledo (1) e Murcia (1).
“Foron 7 artesáns máis que en 2022, o número máis alto de participantes das edicións que se levan celebrado, sen dúbida un dos factores que contribuíu o enorme éxito desta edición”, destacou José Tomé.
E doutra banda, o éxito de visitantes e ventas, destacou o Alcalde, “radica en que este ano o certame durou seis días, un día máis do habitual, pois nos últimos anos a duración era de cinco días, pero ante o éxito das vendas e o interese dos artesáns este ano dende o Equipo de Goberno decidimos ampliar os días de celebración do mesmo ata o mércores 9 de agosto, en vez de finalizar o martes como se facía nos últimos anos”.
Os obradoiros dirixidos a nenos e nenas, tamén resultaron ser todo un éxito, pois en todas as xornadas superáronse o número de prazas ofertadas para os mesmos.
Finalmente, as mostras de oficios e demostracións en vivo de diferentes produtos artesanais, a cargo de artesáns tamén contaron cunha alta participación e foron moi ben valoradas polo público asistente.
“Boa mostra do éxito de Artelemos, logo de dous anos de ausencia, é que moitos dos artesáns xa se comprometeron a participar na vindeira edición de 2024, e pedírnonos que sigamos organizando e celebrando este certame no lugar e nas datas en que o facemos”, concluíu o Alcalde. “Porque con esta Mostra contribuímos a dinamización dos oficios e dos produtos artesanais locais, o que nos serve tamén para reforzar a promoción turística tanto de Monforte, como da comarca de Lemos e a Ribeira Sacra no seu conxunto”.
O Equipo de Goberno do Concello aposta especialmente por unha Mostra de artesanía que o Equipo de Goberno recuperou no Nadal do ano 2015, tras anos de ausencia, dende que desaparecera a Fundación Comarcal Terra de Lemos, que a organizou entre os anos 1996 e 2011. Dende o ano 2015, Artelemos celebrase tódolos anos cun aumento progresivo de participantes e artesáns que avalan este tipo de eventos, e mostra delo é a ampliación, nun día máis, do calendario deste ano.
O obxectivo de Artelemos é achegar a artesanía local á xente na rúa, unha artesanía tradicional, e tamén máis moderna, cunha ampla variedade de disciplinas artesanais especializadas en coiro, olería de Gundivós, cestería, madeira, xoiería, gancho, entre outras especialidades. En definitiva, unha inmellorable ocasión para atopar pezas únicas e de gran calidade, xa que todos os artesáns participantes contan con acreditación profesional.