O Alcalde da a coñecer o proxecto de reparcelación da “Zona D” de Monforte

-José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, deu a coñecer os principais datos do Proxecto de Reparcelación da “Zona D” que se corresponde cos terreos ubicados no centro da cidade, inmediato ao rio Cabe, e enfronte do Colexio da Compañía.

- O Alcalde remarcou o seu convencemento de que a “Zona D” resultará moi ben acollida polos veciños e veciñas de Monforte, tendo en conta a excelente experiencia vivida coa “Zona C” e dada a importancia da zona afectada, a pesar de que o ámbito de actuación é mais reducido.

-O custe total de todo o proxecto é de 376.744,67 euros dos que pode haber algunha modificación durante a fase de exposición pública e alegacións e o Equipo de Goberno espera que as obras poidan estar rematadas, no horizonte do próximo ano.

- A superficie total afectada por esta urbanización é de 3.274 m2 que se corresponden con 1932 m de suelo privado e 1342 m de terreo publico dos que 791 correspóndense coa tira do zona verde pegada ao muro de peche cunha lonxitude de 41,5 m e 561 m do vial que descorre fronte á pérgola.

Monforte de Lemos, 5 de marzo de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou aos medios na mañá do sábado día 4, o proxecto de reparcelación da “ZONA D”, que se corresponde cos terreos ubicados no centro da cidade inmediato ao Rio Cabe, e enfronte do Colexio da Compañía.

É unha zona en forma de rectángulo recortado que inclúe os terreos que están ubicados entre o Paseo do río, as traseiras dos edificios da Rúa Avda. de Galicia, as traseiras dos edificios da Rúa Cardenal e unha pequena parte do Parque dos Condes que se corresponde co lugar onde está ubicado o muro de peche e a pérgola.

Tal e como declarou o Alcalde “esta é unha nova acción que responde a seguir cumprindo co compromiso que este Equipo de Goberno e eu, como Alcalde, teño cos veciños e veciñas de monforte, de seguir mellorando o urbanismo da cidade, en todos os ámbitos, por iso,  imos dar un novo paso na mellora e posta en valor dun espazo que neste momento está en parte degradado, que coincide coas traseiras do edificio do Banco de Bilbao e do edificio do supermercado Árbol”.

José Tomé explicou que unha vez rematadas as obras da Zona C, “o Equipo de Goberno vai a comezar a tramitación doutro ámbito territorial, próximo ao anterior, co convencemento de que lle vai a dar unha nova imaxe a esa zona de Monforte”.

Trátase da urbanización da chamada “ZONA D” que suma unha superficie de 3.274 m2 pertencentes a 33 propietarios coñecidos dos que o Concello ten datos, mais os herdeiros dunha situación indivisa que se descoñece cantos son, mais a unha comunidade de garaxe.

O rexedor explicou que esto vai a permitir eliminar unha pequena bolsa de maleza e abrir un novo vial que comunica a Rúa Cardenal co Paseo do río e que vai a xerar novas parcelas para edificar con baixo impacto, por outro lado, engádese tamén unha zona verde e o conxunto, tal e como remarcou José Tomé “vai a permitir cambiar a fisionomía da cidade e poñer en valor esa zona que se atopa moi próxima ao Monumento da Nosa Sra. Da Antiga”.

O Alcalde tamén explicou que esta área de reparto ou polígono a urbanizar, foi aprobado nunha modificación puntual das normas subsidiarias do planeamento que tivo a súa aprobación definitiva o 12-04-00 e que foi publicada no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o día 26 de abril  baixo a modalidade do sistema de compensación que legalmente lle correspondería desenrolar aos propietarios dos terreos.

Pasados mais de 20 anos desde a súa aprobación, esta área de reparto non se urbanizou, polo que, este Equipo de Goberno tomou a decisión de modificar o sistema de compensación polo de cooperación, que foi aprobado no Pleno do Día 29 de Novembro de 2021, sen que no trámite e disposición pública se producira ningunha alegación.

Este cambio do sistema permítelle ao Concello tomar a iniciativa para proceder á urbanización deste novo espazo urbano, que da á fachada do Parque dos Condes.

O Alcalde quixo remarcar que no Pleno do día 29 de novembro de 2021 ó que fixo referencia, a modificación de compensación a cooperación foi aprobada por 11 votos do Grupo de Goberno e con 6 abstencións do PP, BNG e Esperta Monforte.

O proxecto de reparcelación vaise aprobar na Xunta de Goberno do próximo luns e vai ter un custe de 376.744,67€ , aínda que cando chegue a fase do proxecto construtivo e debido a posibles cambios durante a fase de exposición pública e alegacións, pode resultar algunha variación no orzamento. En todo caso, en termos xerais rondará os 400.000€ que se financiarán con fondos propios municipais.

Esta actuación afecta a 4 parcelas de a lo menos, 35 propietarios, ao que lle hai que sumar unha zona de terreo público. A propiedade do terreo afectada correspóndese con 1932 m de suelo privado e 1342m de terreo publico dos cales 791 correspóndense coa tira do zona verde pegada ao muro de peche cunha lonxitude de 41,5 m e 561 m do vial que descorre fronte á pérgola.

-    Cando a urbanización estea rematada o reparto dos novos terreos serán:

-    Zonas verdes: 541 M2

-    Viales: 1.550M2

-    Edificables: 1.182,95M2 dos cales 1.126 poden dar lugar a baixos e 3.958 a uso de vivenda.

-    As alturas modificables serán de baixo + 3 na zona que linda co Banco de Bilbao, e de baixo+ 1 na zona que linda co Paseo do río.

Tomé rematou a presentación, co desexo de que os propietarios cooperen co Concello para levar as obras a cabo o antes posible e que poidan estar rematadas, no horizonte do próximo ano 2024. Tamén remarcou o seu convencemento de que de que a “Zona D” resultará moi ben acollida polos veciños e veciñas de Monforte, tendo en conta a excelente experiencia vivida coa Zona C  a pesar de que o ámbito de actuación é mais reducido pero non menos importante pola zona á que afecta.