O Alcalde e a Subdelegada do Goberno coordinan o dispositivo de seguridade para as vindeiras Festas Patronais de Monforte

-José Tomé Roca trasladou a Isabel Rodríguez e ós representantes dos distintos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado as necesidades do Concello en relación coa seguridade e a orde para as vindeiras Festas Patronais de Monforte, que se celebrarán do 11 ó 16 de agosto, e para as que se prevé unha gran afluencia de persoas, especialmente no momento das actuacións musicais.

-A coordinación da seguridade para as Festas Patronais tivo lugar no transcurso da reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade, celebrada na Sala de Xuntas do Concello de Monforte. O Alcalde valorou positivamente o resultado da reunión e “sobre todo o espírito de colaboración e a implicación de todos os corpos e forzas de seguridade do Estado”.

-Isabel Rodríguez avanzou que haberá presenza permanente dos Corpos e Forzas de Seguridade para a prevención, o control e a seguridade dos monfortinos, así como dos numerosos visitantes que cheguen a Monforte. Igualmente, Alcalde e Subdelegada fixeron un chamamento á colaboración cidadá para que a época estival discorra coa máxima normalidade posible.

-Tamén anunciou o rexedor monfortino que nos vindeiros días, terá lugar a celebración dunha mesa técnica cos distintos representantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, para perfilar detalles de última hora da colaboración que se estableza respecto do dispositivo a despregar durante as Festas Patronais.

Monforte de Lemos, 5 de agosto de 2024. A Sala de Xuntas do Concello de Monforte acolleu na mañá de hoxe a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade. Á xuntanza asistiron o Alcalde, José Tomé Roca, a Subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez, que co-presidiron a xuntanza, e estiveron acompañados polos representantes dos distintos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado: representantes da Policía Nacional en Monforte, do subsector de tráfico da Garda Civil, o representante da D.X. de Emerxencias, o representante de Protección Civil, representante dos Bombeiros, así como da Policía Local.

A xuntanza tivo por obxectivo analizar e organizar o dispositivo de seguridade con motivo das Festas Patronais da cidade, que darán comezo o domingo 11 de agosto e que se estenderán ata o venres 16 de agosto, e para as que se prevé unha gran afluencia de persoas, especialmente no momento das actuacións musicais.

José Tomé e Isabel Rodríguez avanzaron que haberá presenza permanente dos Corpos e Forzas de Seguridade para a prevención, o control e a seguridade dos veciños e veciñas, así como dos numerosos visitantes que cheguen a Monforte neses días, co obxectivo de conseguir o mellor desenvolvemento destas festas populares, destacando o magnífico resultado que esta colaboración institucional supuxo nas celebracións de pasadas edicións.

Dispositivos de seguridade durante as Festas Patronais

A xuntanza abordou en primeiro lugar os diversos dispositivos de seguridade que o Concello de Monforte precisará para as Festas Patronais de Monforte. Con respecto ao dispositivo que se porá en marcha, a subdelegada e o Alcalde detallaron a elaboración dun plan coordinado, en colaboración da Policía Nacional e a Policía Local, que ten como fin velar pola tranquilidade da cidadanía, garantir a orde pública e poder dar unha resposta rápida e eficiente no caso de que se producise calquera incidente.

Polo que respecta á Garda Civil, efectivos da mesma prestarán a súa colaboración na periferia da cidade, así como nos seus principais puntos de acceso, coa finalidade de levar a cabo controles de velocidade, alcoholemia e outras substancias que alteran a correcta condución de vehículos.

Na seguridade das Festas Patronais tamén colaborará unha patrulla da Policía Autonómica que centrará o seu traballo na prevención do consumo excesivo de alcol nas zonas cunha maior presencia de persoas.

O Alcalde tamén sinalou que durante o transcurso das Festas Patronais o Concello contará coa colaboración do Consorcio de Bombeiros para previr calquera eventualidade relacionada con algún tipo de incendio, especialmente nos días en que se botarán os Fogos artificiais de San Vicente, o xoves día 15, e os Fogos do Río, o venres día 16.

O Alcalde valorou positivamente o resultado da reunión e “sobre todo o espírito de colaboración e a implicación de todos os corpos e forzas de seguridade do Estado”. E tamén anunciou que nos vindeiros días, terá lugar a celebración dunha mesa técnica cos distintos representantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, para perfilar detalles de última hora da colaboración que se estableza respecto do dispositivo a despregar durante as Festas Patronais.