Monforte de Lemos, 22 de febreiro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurará mañá venres 23 de febreiro ás 7 da tarde, a exposición que o Concello organizou sobre o traballo fotográfico de Juan e Javier Nuevo, que foron unha referencia no retrato social e de época durante gran parte do século XX na cidade, rexentando durante anos o establecemento de fotografía Foto Nuevo.
Esta exposición, foi posible logo das xestións levadas a cabo polo executivo de José Tomé, coas fillas de Javier Nuevo, María Carmen e Isabel Nuevo Núñez.
Neste senso, o Alcalde, en nome de todos os veciños e veciñas de Monforte, quere “agradecer ás fillas de Javier Nuevo, María Carmen e Isabel Nuevo Núñez, a cesión gratuíta deste material de valor histórico, que enriquece a historia de Monforte”.
Esta exposición sobre o material fotográfico cedido, que leva por título “Foto Nuevo. Unha ollada cada ao pasado”, permanecerá aberta na Casa da Cultura dende este venres 23 de febreiro e ata o 20 de marzo de 2024.
A mostra estará composta por máis de 60 fotografías en distintos tamaños, que abordarán fundamentalmente 4 temáticas: rúas e monumentos de Monforte, fotografías de sociedade, relixiosas, e instantáneas utilizadas para elaborar postais.
“Son series fotográficas”, destaca o Alcalde, “que constitúen estampas do quefacer diario dos barrios, das rúas e dos monumentos de Monforte de gran parte do pasado século XX”. Destacan, neste aspecto, as fotografías do Colexio de Nosa Señora da Antiga, do Conxunto monumental de San Vicente do Pino, da Ponte Vella ou do río Cabe.
Na cesión levada a cabo por María Carmen e Isabel Nuevo Núñez ó Concello monfortino, inclúense 276 fotografías dixitalizadas, 19 placas de grafía en negativo de cristal, 179 negativos fotográficos de diferentes tamaños e 2 carretes fotográficos revelados con 60 negativos, cun total de máis de 500 fotografías.
José Tomé “anima tanto ós monfortinos e monfortinas, como aquelas persoas que nos visiten a que acudan a visitar esta exposición porque descubrirán a través dela como era o Monforte de principios e mediados do século XX, como era a sociedade e os seus costumes e tradicións, en definitiva, como era o noso pasado recente a través do ollar dos fotógrafos Juan e Javier Nuevo”.