Monforte de Lemos, 30 de xuño de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer a Carlos Fitz-James Stuart e Martínez de Irujo, ao XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba, as peculiariedades da viticultura heróica e dos viños de Ribeira Sacra, dentro dos actos programados na visita oficial do Conde a Monforte.
Este acto consistiu nunha visita á adega Algueira da Ribeira Sacra onde os representantes nobiliarios e do Concello de Monforte participaron nunha cata comentada e unha degustación con produtos típicos da zona.
Deste xeito, o Conde coñeceu a través dunha proxección audiovisual, as características que son propias da viticultura heroica que é a que define os viños de Ribeira Sacra. Tamén se interesou polo proceso de recolección das uvas así como o proceso de elaboracións dos caldos propios desta Denominación de Orixe.
Ademais do Alcalde, no acto tamén participaron o acompañante do Conde nesta visita oficial, Javier del Arco, integrante da Real Cofraría de Nobres da Nosa Señora do Portillo, a secretaria persoal do Conde, Dolores Moralí, a historiadora Margarita Saéz, o Deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os concelleiros e concelleiras de Servizos, José Luis Losada, de Deportes, José Manuel Mougán, de Consumo, Regina López e de Muller e Igualdade, Margarita López.
Previamente, na mañá deste domingo, José Tomé Roca, como Presidente da Deputación de Lugo, mantivo un encontro con Carlos Fitz-James Stuart no Pazo de San Macos, quen asinou no Libro de Ouro e foi agasallado cun libro sobre a historia da sede provincial e cunha placa gravada da sede da institución provincial.
Esta visita institucional de 3 días a Monforte de Lemos, cuxo acto central foi o nomeamento onte sábado do Conde de Lemos como Fillo Adoptivo de Monforte de Lemos, simboliza con este xesto, a relevancia histórica e cultural da Cidade do Cabe e da provincia de Lugo, e supón o fortalecemento dos lazos de unión e colaboración entre o Concello monfortino e unha das casas nobres máis antigas e prestixiosas de España, a Casa de Alba.