Por fin Monforte ten a razón

Monforte de Lemos, 18 de xullo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, amosa a súa satisfacción porque “por fin ven de resolverse o expediente de deslindamento entre os termos municipais dos concellos de Monforte de Lemos e Sober, na zona do Polígono do Reboredo, que levaba esperando dende 2018, o cal nos vai permitir ter a posibilidade de proxectar a expansión desta área industrial cara á zona norte, nos terreos que cedeu á Deputación de Lugo ó Concello de Monforte”.

Esta resolución foi publicada hoxe xoves 18 de xullo no Diario Oficial de Galicia, e recóllese no Decreto 168/2024, do 8 de xullo, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deli­beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 8 de xullo de 2024.

O Alcalde monfortino subliña que “levábamos dende o ano 2013 con este litixio aberto, e tiveron que pasar 11 anos para que finalmente a Xunta nos dera a razón en base ós informes preceptivos do Instituto Xeográfico Nacional de 2017 e 2018, os cales foron apoiados por parte da Deputación de Lugo en 2018 e da Comisión Galega de Delimitación Territorial , informes que son nos que finalmente se basea este expediente de resolución favorable ó noso Concello”.

En concreto, o Instituto Xeográfico Nacional decidiu no seu informe preceptivo do 28 de setembro de2017 e no seu informe complementario do 17 de abril de 2018, asumidos pola Deputación Provincial de Lugo e que a Comisión Galega de Delimitación Territorial da Xunta de Galicia informou favorable­mente por unanimidade, que a liña límite xurisdicional entre os concellos de Sober e Mon­forte de Lemos na zona litixiosa sexa a que se materializa na colocación dos marcos 2 a 3:

  1. Na zona do Polígono industrial O Reboredo, o límite oeste e sur do devandito polígo­no xeorreferenciado, axustado nalgunhas zonas sobre a ortofotografía do AMS de 1957. E na zona sur situada ao leste da estrada de Monforte de Lemos a Sober e a Neiras, os piquetes que existen ao norte dun camiño que, a xuízo do Instituto Xeográfico Nacional, constitúen o límite do polígono industrial e coinciden sensiblemente coa xeorreferenciación do camiño que aparece no citado polígono. Na zona do polígono construída levántanse as inflexións do muro que existe na actualidade.
  2. Nas zonas anterior e posterior do polígono industrial, o límite recollido na documenta­ción catastral existente actualmente entre ambos os dous municipios, que transcorre case na súa totalidade por eixes de camiños, axustada sobre a ortofotografía do AMS de 1957. A concreción xeométrica que constitúe a liña límite proposta polo Instituto Xeográfico Nacional neste expediente de deslindamento entre Sober e Monforte de Lemos, queda definida polas coordenadas dos puntos relacionados na táboa que figura no anexo I do mencionado decreto, no sistema xeodésico de referencia ETRS89, proxección UTM, fuso 29.

José Tomé salienta que “este expediente levaba paralizado na Xunta de Galicia dende o ano 2018, e tras 6 anos por fin hoxe esta resolución permitiranos incorporar estes terreos ó termo municipal do Concello de Monforte de Lemos, e avanzar no proxecto de ampliación de 164.846 m2, 16,5 hectáreas, de chan industrial na parte norte do Polígono do Reboredo, polo que é unha moi boa noticia para o noso polígono, as nosas empresas e para todos os monfortinos e monfortinas”.

 

Antecedentes

Con data do 11.12.2013 o pleno do Concello do Sober acordou incoar un expediente de deslindamento entre este o seu termo municipal e o Concello de Monforte de Lemos, na zona de Reboredo, seguindo o procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no seu Título I, sección segunda.

Con data do 6.5.2014 recíbese na Dirección Xeral da Administración Local a acta da comisión de deslindamento do 23.4.2014 e a documentación xustificativa da proposta de deslindamento do Concello de Sober.

Con data do 29.7.2014 recíbese na Dirección Xeral da Administración Local a acta de deslindamento do 19.6.2014 e a documentación xustificativa da proposta de deslindamen­to do Concello de Monforte de Lemos.

Con data do 3.12.2015 ten lugar a reunión entre as comisións municipais de deslinda­mento, os representantes da Xunta de Galicia e os técnicos do Instituto Xeográfico Nacio­nal. Esta reunión conclúe sen acordo sobre o obxecto do expediente e decídese de mutuo acordo a remisión á Xunta de Galicia de novas actas por separado das comisións de des­lindamento respectivas.

Con data do 8.4.2016 recíbese na Dirección Xeral da Administración Local a ratificación da acta de deslindamento do 23.4.2014 do Concello de Sober e con data do 2.5.2016 a nova acta de deslindamento do 28.4.2016 do Concello de Monforte de Lemos.

Con data do 25.10.2017 recíbese na Dirección Xeral da Administración Local o informe preceptivo do Instituto Xeográfico Nacional, emitido o 28.9.2017 segundo o previsto no artigo 44 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. O citado informe remitiuse aos respectivos concellos para a formulación de alegacións no prazo de dez días concedido para o efecto.

Con data do 24.2.2017 o Instituto Xeográfico Nacional emite o correspondente informe complementario e resolve as alegacións presentadas polas dúas entidades locais interesadas.

Con data do 21.6.2018 a Deputación Provincial de Lugo emite o correspondente infor­me, tras a remisión pola Dirección Xeral de Administración Local do expediente completo, no que manifesta a súa conformidade coa proposta do Instituto Xeográfico Nacional.

Con data do 14.3.2024 a Comisión Galega de Delimitación Territorial emite o preceptivo informe sobre o expediente de deslindamento, de acordo co sinalado polo Instituto Xeográ­fico Nacional.

Neste proceso, o Concello de Monforte de Lemos baseou a súa proposta para a localización dos marcos nº 2 e nº 3 na acta levantada entre os termos municipais de Sober e de Monforte de Lemos polo Instituto Xeográfico e Catastral os días 7 e 10 de setembro de 1934. O Con­cello de Monforte de Lemos completou a súa proposta con diversa documentación e planos segundo consta no expediente. Este concello sinala que o límite municipal non pode coin­cidir co límite do polígono industrial e ten que ir máis alá, xa que os terreos sobre os que se exerceron potestades administrativas e nos que se sitúa o polígono están en terreos que foron dispostos na súa totalidade polo Concello de Monforte de Lemos, sen que ninguén se opuxese á citada disposición.

 

Fundamentos xurídicos

O citado Decreto 168/2024, de 8 de xullo, sinala que no expediente de deslindamento dos termos municipais de Sober e Monforte de Lemos, obsérvase que existe un claro desacordo entre ambos os municipios. Este suposto de feito está comprendido dentro da definición que o Consello Consultivo de Galicia, seguin­do a doutrina do Consello de Estado, realizou no seu ditame número 35 do 17 de marzo de 2000, onde sinala que deslindar é identificar e distinguir os lindeiros reais que separan dous ou máis termos municipais, por non mediar acordo e existiren discrepancias ou con­tradicións sobre os lindeiros sinalados nunha acta de deslindamento anterior ou entre os declarados por actas precedentes e sucesivas no tempo.

Por todo elo, considérase necesaria a intervención do Consello da Xunta de Galicia para re­solver o conflito, ao abeiro do artigo 44.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

O Instituto Xeográfico Nacional no seu informe preceptivo, ante a falta de constancia no expediente de título xurídico ningún que recolla o acordo das partes ou que estableza como debe ser a liña límite entre os dous marcos do tramo en litixio, aplicou para funda­mentar a súa proposta os criterios establecidos pola reiterada xurisprudencia do Tribunal Supremo e da doutrina de Consello de Estado, que indican que para resolver os expedien­tes de deslindamento a Administración debe basearse:

  • En primeiro lugar, no que resulte de deslindamentos anteriores practicados de confor­midade entre os municipios interesados.
  • Cando non existen deslindamentos anteriores nos que apoiar unha solución ao tra­zado da liña discutida, deberá atender aos actos reveladores do exercicio de potestades administrativas na zona controvertida. É dicir, que só a falta de documentos expresivos de deslindamentos anteriores, deberán terse en conta aqueloutros documentos que, non sendo de deslindamento, indiquen ou reflictan de modo preciso a situación dos terreos en cuestión.
  • Por último, en defecto dos anteriores datos, deberá acudirse aos documentos referen­tes a predios ou herdades que se atopen situadas no terreo litixioso, e demais probas que contribúan a formar un xuízo sobre a cuestión exposta e das que poida deducirse con cer­teza a cal das partes favorece a posesión de feito (sentenzas do Tribunal Supremo do 23 de outubro de 1902, do 20 de marzo e do 15 de novembro de 1928, do 4 de xuño de 1941, do 30 de outubro de 1979, do 26 de febreiro de 1983 e do 10 de decembro de 1984, en­tre outras. Ditames do Consello de Estado 1245/93, 1625/93, 897/99, 2905/2002, entre outros).

A aplicación destes criterios xurisprudenciais leva a dar prevalencia á «Acta da opera­ción practicada para recoñecer a liña de termo e sinalar os marcos comúns aos termos municipais de Monforte de Lemos e de Sober, pertencentes ambos á provincia de Lugo», levantada polo Instituto Xeográfico e Catastral os días 7 e 10 de setembro de 1934, por tratarse do único título de xurisdición que figura na documentación deste expediente de deslindamento, e que é o fundamento da xeometría da liña límite litixiosa entre Sober e Monforte de Lemos inscrita no Rexistro Central de Cartografía (RCC) e no Mapa Topográ­fico Nacional (MTN).

Non obstante, hai que indicar que, en sentido estrito, tal xeometría non está apoiada pola citada acta de 1934 entre os termos municipais de Sober e de Monforte de Lemos, xa que este documento non recolle ningún acordo respecto da xurisdición, senón que sim­plemente constata que as comisións de deslindamento de ambos os concellos presentes cando o Instituto Xeográfico procedeu ao recoñecemento da liña límite, con motivo dos traballos de formación do Mapa Topográfico Nacional (MTN), só recoñeceron a posición sobre o terreo dos marcos nº 2 e nº 3, pero discreparon respecto do modo de unión entre estes. Por conseguinte, a liña límite que figura no Rexistro Central de Cartografía (RCC) e no Mapa Topográfico Nacional (MTN) debuxouse para os efectos exclusivos do peche planimétrico dos termos sen ningún efecto xurídico, e correspóndese co desenvolvemento do caderno topográfico de campo, mero documento técnico asociado a esta acta e que debería representarse no mapa co signo convencional de «liña provisional».

Deste xeito, o Instituto Xeográfico Nacional entende que, ao non poder sustentar a súa proposta na documentación específica sobre deslindamentos xurisdicionais, ten que fun­damentala en documentos que, seguindo coa doutrina xurisprudencial anteriormente cita­da, expresen dun modo preciso en que termo ou xurisdición se atopan os terreos en cues­tión, é dicir, haberá que atender outros documentos cos que se poidan demostrar os actos reveladores do exercicio de potestades administrativas na zona litixiosa.

Con base en toda a documentación achegada ao expediente polo Concello de Monforte de Lemos, o Instituto Xeográfico Nacional considera que esta entidade local exerceu os ac­tos reveladores do exercicio de potestades administrativas no que respecta á parte da zona litixiosa onde está situado o polígono industrial O Reboredo e, polo tanto, no que respecta a esta zona, entende que procede propoñer como liña límite entre os termos municipais de Monforte de Lemos e de Sober o límite oeste e o sur do citado polígono industrial.

Con respecto ás zonas anterior e posterior ao polígono industrial, o Instituto Xeográfico Nacional entende que procede propoñer como liña límite entre os termos municipais de Monforte de Lemos e Sober, o límite baseado na documentación catastral actual existente entre os devanditos municipios, aínda que non se trate, obviamente, dunha documentación de deslindamento xurisdicional.

O Instituto Xeográfico Nacional decidiu no seu informe preceptivo do 28.9.2017 e no seu informe complementario do 17.4.2018, asumidos pola Deputación Provincial de Lugo e que a Comisión Galega de Delimitación Territorial da Xunta de Galicia informou favorable­mente por unanimidade que a liña límite xurisdicional entre os concellos de Sober e Mon­forte de Lemos na zona litixiosa sexa a que se materializa na colocación dos marcos 2 a 3:

  1. Na zona do polígono industrial O Reboredo, o límite oeste e sur do devandito polígo­no xeorreferenciado, axustado nalgunhas zonas sobre a ortofotografía do AMS de 1957. E na zona sur situada ao leste da estrada de Monforte de Lemos a Sober e a Neiras, os piquetes que existen ao norte dun camiño que, a xuízo do Instituto Xeográfico Nacional, constitúen o límite do polígono industrial e coinciden sensiblemente coa xeorreferenciación do camiño que aparece no citado polígono. Na zona do polígono construída levántanse as inflexións do muro que existe na actualidade.
  2. Nas zonas anterior e posterior do polígono industrial, o límite recollido na documenta­ción catastral existente actualmente entre ambos os dous municipios, que transcorre case na súa totalidade por eixes de camiños, axustada sobre a ortofotografía do AMS de 1957.

 

Resolución da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

En base a todo o exposto, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes con data de 8 de xullo de 2024 dispuxo “resolver a cuestión suscitada entre os concellos de Sober e Monforte de Lemos sobre o deslindamento dos seus termos municipais no sentido de establecer que a liña límite xuris­dicional entre os ditos termos municipais na zona litixiosa sexa a que se recolle na proposta realizada polo Instituto Xeográfico Nacional e definida polas coordenadas que constan como anexo I a este decreto e tal e como se representa no ortofotomapa E: 1:5.000 do Instituto Xeográfico Nacional, que figura como anexo II deste decreto”.

Contra este decreto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso con­tencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.