-A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, acudiu en representación do Alcalde de Monforte, ás xornadas organizadas polo Instituto Daviña Rey orientadas a ofrecer unha visión práctica do mundo da Formación Profesional.
-Esta iniciativa que organiza por primeira vez o Daviña Rey, pretende achegar ós mais novos, unha visión ampla do mundo da Formación Profesional, incluíndo unha exposición de traballos nos que se poñen en práctica os coñecementos adquiridos nas diferentes modalidades de aprendizaxe impartidas no Instituto.
-Prada, que acudiu acompañada do Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, desfrutou da xornada, visitando os distintos stands que forman parte da mostra, acompañada da Directora do Centro, Dona Raquel Aira e profesores e alumnos do Daviña Rey .
Monforte de Lemos, 19 de marzo de 2025. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, en representación do Alcalde, José Tomé Roca, que non puido asistir por atoparse de viaxe de traballo, acompañada polo Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, participaron hoxe mércores, dunha visita guiada pola exposición que organiza o Instituto de Educación Secundaria Francisco Daviña Rey.
A iniciativa, tal e como lle explicou a Directora do Centro á Tenente Alcalde, pretende achegar o mundo da Formación Profesional ós mais novos, a través dunha feira, que reproduce diferentes obradoiros, con stands de exposición de traballos realizados por alumnos, nos que se pode valorar e apreciar a posta en práctica dos coñecementos adquiridos, nas diferentes especialidades, que se imparten no Instituto.
Profesores e alumnos, foron explicándolle a Gloria Prada e a José Luis Losada, en qué consiste cada grao de formación que se imparte no Daviña Rey, a través de diferentes traballos, que materializan con casos prácticos algúns dos coñecementos adquiridos.
Na visita, que durou algo mais de dúas horas, a Tenente Alcalde participou de varias das actividades que, os alumnos das distintas familias profesionais, tiñan preparadas para os visitantes. Dentro da rama sanitaria, colaborou cos rapaces nunha simulación de cita do odontólogo, na medición da presión arterial e mesmo nunha demostración de reanimación cardiopulmonar, tanto en adultos como en bebés.
Gloria Prada e José Luis Losada tamén seguiron con atención, as explicacións que lles deron os profesores e alumnos na simulación dun ciberataque ou nas aplicacións das novas tecnoloxías a material didáctico para nenos e nenas, que fan mais amena a aprendizaxe.
Non puido faltar nesta xornada, a visita ó taller mecánico, onde os rapaces poñen en práctica coñecementos de mecánica, electricidade e electrónica aplicados á rama automobilística e tamén tiveron ocasión de participar nos talleres que se organizaron dende a rama de servizos socioculturais e á comunidade, descifrando mensaxes en linguaxe de signos ou coa creación de figuras con elementos da natureza.
Gloria Prada, que durante o percorrido lle expresou á directora a satisfacción pola iniciativa posta en marcha, agradeceu a invitación a visitar os obradoiros que organizaron no Daviña Rey e animou ó equipo directivo a facer extensiva a mostra ó público en xeral para que se poida coñecer de primeira man o labor educativo profesional que se desenvolve no Instituto, considerando que a experiencia é tamén de gran valor para os alumnos, que tal e como lle transmitiron á Tenente Alcalde, viven esta experiencia con gran ilusión e motivación.
A Directora do Centro, que agradeceu a visita Institucional do Concello de Monforte, trasladoulle á Tenente Alcalde a súa intención de continuar nos vindeiros anos coa organización da mostra que comezou este ano por primeira vez dada a boa acollida que están a experimentar tanto polos alumnos dos centro de Monforte que realizan a visita como polos propios alumnos do centro Daviña Rey que desfrutan da experiencia con entusiasmo e orgullo.