Paseos en barca polo Río Cabe

Monfortinos e visitantes xa poden disfrutar dos tradicionais paseos en barca polo río Cabe. Deste xeito, do 15 de xuño ó 15 de setembro o río Cabe será escenario dunha interesante e ao mesmo tempo divertida e refrescante proposta no verán da cidade.

Os Paseos en Barca polo Río Cabe xa son durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro un referente na programación cultural da cidade e grande foco de atracción para a poboación local e para moitas persoas que nos visitan nesta época.

Club de Montaña e Piragüismo Quixós encárgase da xestión desta actividade, tanto do mantemento e condución das barcas como dos cobros e atención ós pasaxeiros.

O punto de inicio dos percorridos será o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo, dunha duración de media hora, custará 3,25 euros como en anos anteriores. Por razóns de seguridade, só se permiten seis persoas como máximo en cada barca.

Estas pequenas travesías en barca poderán facerse de luns a venres entre as 18 horas ata as 22 horas e as fins de semana e os festivos, tamén en horario de mañá desde as 11 e ata as 14 horas do mediodía e pola tarde de 18 a 22 horas.

Para o Alcalde estas travesías, que veñen sendo unha tradición dende hai anos, “permiten gozar dunha perspectiva diferente da nosa cidade e que soamente é posible ter dende o río. Pese a que Monforte se construíu de costas a el, os veciños sempre tiveron a tradición de usalo para labores cotiás, como lavar a roupa, especialmente na zona do Malecón, onde había lavadoiros colectivos”. Para José Tomé Roca os paseos en barca permiten ter outra dimensión do río; máis alá de velo só desde fóra e engadiu que “é un percorrido fermoso, cómodo e sen correntes, moi axeitado para realizar nesta época do ano”.

O goberno municipal levou a cabo actuacións de melloras medioambientais, de supresión de vertidos e de limpeza de fangos entre outras actuacións, para mellorar a calidade das augas do Cabe e mostrar unha boa imaxe do noso río Cane, tanto para os propios monfortinos como tamén para os turistas que visitan a cidade.