Actualidade

TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 21 DE MARZO DE 2024 -COMPAÑÍA HUMANA con IPHIXENIA NA PORTA DO SUPER

O xoves 21 de marzo ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar a cuarta cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2024 en Monforte de Lemos.

A compañía COMPAÑÍA HUMANA poñerá en escena a obra IPHIXENIA NA PORTA DO SÚPER, obra escrita por Gary Owen, dirixida por Sara Rey e interpretada por Alba Caneda.

Iphixenia na porta do súper é unha revisión contemporánea do mito clásico de Eurípides. Unha brillante versión premiada como mellor texto do 2015 nos UK Theatre Awards for Best New Play. Estreada xa en varios países cun éxito rotundo, a súa adaptación ó español consagrou á actriz María Hervás conseguindo o premio Max á Mejor Actriz Protagonista, Mejor Espectáculo Revelación e Mejor Versión Teatral.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

TEATRO NO EDIFICIO MULTIUSOS /XOVES 11 DE ABRIL DE 2024 -GRUPO DE TEATRO DA UNIVERSIDADE LABORAL DE OURENSE con O SOÑO DOS VAGALUMES

A programación de teatro para adultos do Concello de Monforte de Lemos correspondente ó primeiro semestre de 2024 continúa coa programación da obra O SOÑO DOS VAGALUMES do GRUPO DE TEATRO DA UNIVERSIDADE LABORAL DE OURENSE o xoves 11 de abril ás 20:15 no Edificio Multiusos, obra dirixida pola alaricana Ángeles Álvarez e interpretada por máis de vinte persoas vencelladas a ese centro educativo.

A obra está inspirada no libro das Marías de Santiago, relatando a historia de Maruxa e Coralia Fandiño, dúas irmás que sufriron a represión franquista. Esta representación pretende ser unha aproximación á memoria histórica e a violencia sistemática contra as mulleres ó longo dos anos.

A entrada é gratuíta.

TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 25 DE ABRIL DE 2024 - VOLTA E DALLE TEATRO con FALAR POR FALAR

O 25 de abril ás 20:15 h e no Edificio Multiusos o Concello de Monforte programa unha nova cita co teatro para adultos no primeiro semestre de 2024 dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia.

A compañía VOLTA E DALLE TEATRO presenta FALAR POR FALAR, obra escrita e dirixida por Carlos Santiago e interpretada por Carlos Santiago e Victor Mosqueira.

Todo indica que o futuro da lingua galega é incerto. Malia os niveis de protección legal do idioma, e case dous séculos de rexurdimento civil e literario, o descenso de falantes é evidente, con grande incidencia nas novas xeracións de galegas e galegos. Pero alén e aquén das análises socio-lingüísticas, a lingua segue viva e reclama o seu lugar natural nas nosas vidas. Atravesada por conflitos de longa data e certamente mareada polos avatares da política, a lingua espera sempre por nós nalgún punto do camiño. Moita xente mamouna no berce, outra demorou en romper a falala, e hai quen nunca a falou nin nunca a falará. Por iso "Falar por Falar" proponnos un achegamento á realidade da lingua, desde a propia vivencia dos falantes e os non falantes.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

X CONCURSO DE AXUDAS PARA A CONFECCIÓN DE TRAXES MEDIEVAIS -XX Feira Medieval de Monforte de Lemos

O Concello de Monforte convoca dentro da XX Feira Medieval 2024 o X CONCURSO DE AXUDAS PARA A CONFECCIÓN DE TRAXES MEDIEVAIS.

O concurso desenvolverase do 29 de xaneiro ó 8 de febreiro de 2024.

O obxectivo deste concurso é aumentar a participación da veciñanza nos diferentes actos da Feira Medieval que terá lugar os días 30 e 31 de marzo de 2024. Os/as veciños/as interesados/as en participar neste concurso de axudas para a confección de traxes medievais deberán chamar entre o 29 de xaneiro e o 8 de febreiro ás radios Principal Cadena Ser, Radio Monforte e Onda Cero Monforte durante a emisión local de luns a venres e contestar a unha pregunta formulada polo/a locutor/a referida a Monforte. O número máximo de persoas participantes será de 60 e non poderán participar aquelas que xa recibiran a axuda nos concursos de confección de traxes medievais dos últimos tres anos. As radios colaboradoras emitirán unha lista o 9 de febreiro das persoas que acertasen as preguntas co seu nome e teléfono de contacto, estas persoas pasarán polo concello do 13 ó 20 de febreiro a realizar unha solicitude formal no rexistro municipal para que sexan subvencionadas cunha cantidade máxima de 50,00 € por persoa. Subvención que deberá ser empregada na confección e elaboración dun traxe medieval que se lucirá nos actos da feira medieval os días 30 e 31 de marzo de 2024.

 

O concello, despois do informe do Departamento de Cultura no que se porá de manifesto que os solicitantes coincidan coas persoas que acertaron a pregunta no programa de radio e que non houberan participado en concursos anteriores, ditará unha resolución acordando conceder a condición de beneficiarios ós que cumpran os requisitos, unha vez verificado que non exista impedimento legal para recibir a subvención.

Os beneficiarios da axuda, terán que xustificar a súa participación na Feira Medieval durante os días 30 e 31 de marzo presentándose co seu traxe na Oficina de información da Feira Medieval sita na praza de España. Unha vez celebrada a Feira Medieval, os beneficiarios da subvención e entre o 1 e o 9 de abril deberán presentar ao seu nome no rexistro do Concello de Monforte a factura xustificativa do gasto da tenda colaboradora coa Feira Medieval onde realizou o seu traxe, polo importe concedido como mínimo, no que conste o pago e o concepto. Unha vez comprobado que a factura reúne todos os requisitos legais e que os beneficiarios participaron na XX Feira Medieval o concello emitirá unha resolución recoñecendo a obriga a favor dos beneficiarios e procederá ao pago das axudas. Os participantes neste concurso non poderán participar no Concurso de Traxes Medievais convocado polo Concello.

As tendas colaboradoras co Concello de Monforte no concurso de axudas para traxes medievais son:

- GNOMOS –Hermida Balado 10.
- NITA VEIGA – Cardeal 6 –só adquisición de teas.
- TEXIDOS PHILDAR –rúa Doutor Casares nº 12.
- RETALES MERCE – doutor Teijeiro 38.
- COSER COSIENDO – rúa Calvo Sotelo 7.
- TERESA LAMELA COSTURA – rúa Doutor Casares 66.

A inscrición no concurso de axudas para a confección de traxes medievais implica a autorización ó Concello de Monforte de Lemos de todos os participantes inscritos, da recollida e tratamento dos Datos Persoais dos participantes que teñen como finalidade a xestión do concurso convocado polo Concello como a publicación dos gañadores. A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das bases.

Para calquera cuestión ou aclaración adicional poderán dirixirse á Concellería de Cultura do Concello de Monforte de Lemos (Campo de Santo Antonio, s/n,. Teléfono 982402501)

 

Arquivos para descarga:

Bases

Anexo I - Participación confección de traxes

Anexo II - Presentación factura xustificativa