O Plan Único de Monforte suporá un investimento na cidade de 757.657,68 euros, a través de 6 programas de actuación

Monforte de Lemos, 26 de abril de 2019. O Equipo de Goberno Municipal informa que a Xunta de Goberno de Monforte acordou incluír no Plan Único 2019 da Deputación de Lugo con cofinanciación municipal, 6 programas de investimento a través dos cales mobilízanse 757.657,68 euros, dos que 500.000 euros son aportación da Deputación, que representan o 66%, e 257.657,68 euros son aportación do Concello, que supoñen o 34%.

Os 6 programas que se levarán a cabo dacordo a este plan son os seguintes.

Programa de Investimentos

En primeiro lugar, o programa ó que vai destinado o maior número de recursos, é o Programa de Investimentos no que se inclúen as seguintes obras:

- Renovación de pavimento e sinalización horizontal da rúa Benito Vicetto no treito que vai dende o cruce coa rúa Malvarón (fronte ó Zurich) ata a rotonda inferior da Nacional 120, cuxo custe ascende a 52.227,75 euros.

- Pavimentación da rúa Lagares dende Roberto Baamonde (Farmacia da Marina) ata a rúa Calvo Sotelo. Inclúe tamén o acceso á pasarela de ADIF entre Calvo Sotelo e As Cruces, ascendendo o importe deste proxecto a 33.969,11 euros.

- Obras de pavimentación e mellora da rúa Chamoso Lamas dende As Cruces ata a rúa Valle-Inclán, dando continuidade á pavimentación que se realizou en 2018 entre Ríoseco e As Cruces, que inclúe tamén a substitución das farolas antigas de luminaria redonda que hai nesta entre o transformador e Valle-Inclán, ascendendo o importe destas obras a 51.650,68 euros.

- Nova pavimentación da rúa Santa Clara dende a zona de adoquín ata o cruce coa rúa da Veiga, incluíndo tamén o treito da propia rúa Veiga dende Santa Clara ata a ronda María Emilia Casas, por un importe de 38.986,54 euros.

- Obra de mellora da rúa Amador López Espinosa entre rúa Ourense e a vía de servizo da Ronda Urbana, por un importe de 12.434,17 euros.

- Proxecto de arranxo de 8 pistas na periferia rural de Monforte que inclúe os seguintes camiños:

  1. Pista de acceso ós servizos veterinarios á ronda María Emilia Casas Baamonde.
  2. Pista Díaz Valiño.
  3. Marcial Valladares.
  4. As Cruces-Rioseco.
  5. Pista dos Cotos.
  6. Pista do Muro.
  7. Camiño de Guntín.
  8. Adegando (zona do Malvarón).

O importe deste proxecto ascende a 40.387,19 euros.

- Arranxo de pistas en 6 parroquias de Monforte, concretamente en Chavaga, Distriz, A Parte, Rozabales, Sindrán e A Vide. A mellora destes camiños ascende a 33.405,91 euros.

- Proxecto de eliminación de barreiras arquitectónicas, reordenación e renovación do pavimento da nova beirarrúa que discorre dende a entrada ó Hospital na marxe dereita da rúa Corredoira ata a rotonda da Ronda María Emilia Casas, cun custe de 47.967,32 euros.

En resumo, estes 8 proxectos do Programa de Investimentos teñen un custe de 310.028,68 euros.

Programa de Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

Neste programa invístense 229.820,75 euros, dos cales a Deputación aporta 23.744,62 euros, o que representa o 10,3%, e o Concello aporta 206.076,43 euros, o que supón o 89,7%, que supoñen as mesmas cifras que no ano 2018.

Esta é unha pequena parte do investimento que o Concello fai anualmente en servizos sociais, dado que no conxunto do ano o Concello inviste en servizos sociais 1.171.342,52 euros, aproximadamente 400.000 euros máis que fai 4 anos.

Programa Fomento do Emprego

Con este Programa, denominado Depuemprego, contrataranse 4 persoas durante 9 meses distribuídos do seguinte xeito: 2 auxiliares administrativos, 1 oficial de xardinería e un oficial electricista, para o que se destinarán 67.896,40 euros do Plan Único.

Programa de Actividades Culturais

Este programa inclúe actividades de rúa, actividades musicais, o Certame municipal de teatro para centros de ensino, a Feira do libro, e a promoción de Monforte entre outras actividades, que ascende a 72.500 euros.

Programa de Actividades Deportivas

Neste programa inclúense varias actividades deportivas, pero a máis relevante é a axuda ós gastos de organización da Carreira Popular, ó que se dedican 20.598,58 euros sendo aportados 10.000 euros pola Deputación e 10.598,58 euros a aportación do Concello.

Programa de Actuacións/Eventos Turísticos

Este programa inclúe promoción do Concello de Monforte, actividades turísticas e axuda a sufragar os gastos da Feira Medieval.

Para este programa valorado en 56.821,27 euros, a Deputación aporta 50.000 euros e o Concello contribúe con 6.821,27 euros.

En verbas do Alcalde, José Tomé Roca “entre o que aporta a Deputación a través do Plan Único e os fondos que aporta o Concello de xeito voluntario, permite facer investimentos por valor de 757.657,68 euros, dedicando o 55,67% a investimentos, un 26% en actividades, un 13,58% en Depuemprego e un 4,75% no SAF.”

Na mesma liña, salientou que “isto demostra un esforzo importante do Concello, aportando máis dun terzo dos recursos que se mobilizan entorno a estes programas que se executan cofinanciados conxuntamente entre a Deputación e o Concello, co obxectivo de mellorar as rúas da cidade e as pistas do rural, así como a axuda ás persoas, fomentado o emprego, dinamizando as actividades culturais e deportivas, así como os eventos turísticos e a promoción de Monforte“.