O Concello de Monforte súmase ós actos de celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI+

Monforte de Lemos, 27 de xuño de 2020. O Concello de Monforte súmase ós actos de celebración do Día do Orgullo LGTBI+ que teñen lugar na xornada de mañá domingo 28 de xuño en todo o mundo.

Deste xeito, e tal como se veu facendo polo Equipo de Goberno do Concello en pasadas edicións, procedeuse a colocar no balcón da Casa Consistorial a bandeira arco iris, símbolo da comunidade LGTBI+ (lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais, así como todas as persoas que non están recollidas nas denominacións anteriores) para conmemorar o Día Internacional dos dereitos das persoas LGTBI+. A bandeira permanecerá pendurada ó longo de toda a próxima semana, tal e como se veu facendo todos estes anos en que se conmemorou dende o Concello.

A través desta iniciativa, o Alcalde, José Tomé Roca, manifestou, en nome de todos os veciños e veciñas de Monforte “o noso apoio institucional e social a esta celebración do Día do Orgullo LGTBI+, co obxectivo de facer visible á nosa sociedade a diversidade sexual, á vez que promovemos a igualdade, liberdade e o respecto de todas as persoas”.

“Dende o Concello de Monforte”, continuou o mandatario municipal, “condenamos a discriminación ou calquera outra forma de violencia, tanto física como verbal, e exercida contra calquera persoa ou colectivo, ben sexa por razóns de orientación ou identidade sexual ou ben sexa por calquera outro motivo que supoña un ataque ós dereitos fundamentais e liberdades das persoas”.

Neste senso, o Equipo de Goberno do Concello considera fundamental afondar na educación da cidadanía sobre diversidade sexual, a través de programas de concienciación e sensibilización que acheguen información á veciñanza e de actos simbólicos coma este que vimos de anunciar.

O Alcalde rematou sinalando que “ dende o Concello de Monforte ratificamos o noso compromiso de facer dos nosos pobos e cidades espazos nos que os individuos podan desenvolver a súa sexualidade dunha forma íntegra e natural, independentemente da orientación ou identidade sexual propia”.