O Concello pagará 150.000 euros polo custo de explotación da nova potabilizadora

Esta mañá celebrouse no Concello unha Xunta de Portavoces na que se abordou o custo de explotación da nova potabilizadora. Na reunión tamén estiveron presentes o secretario, a interventora e o enxeñeiro municipal.

 

O alcalde informou ós portavoces municipais, Julia Rodríguez (PP), José Tomé (PSOE) e Mª Xosé Vega (BNG), sobre as conversas que mantivo coa empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga en relación a esta cuestión.

 

Severino Rodríguez explicoulles que a petición económica da empresa en concepto de custo de explotación da nova potabilizadora ascendía a 714.000 €.

 

O alcalde sinalou que, diante dunha cifra tan esaxerada, encargoulle ó enxeñeiro municipal a realización dun estudo sobre o custo de explotación, estudo no que se valora o mesmo en 150.556,03 euros, cantidade ofrecida polo Concello á concesionaria.

 

O alcalde explicoulle ós portavoces que esta cantidade xa está contemplada no orzamento municipal e que, baixo ningún concepto, suporá algún tipo de incremento no recibo que pagan os cidadáns.

 

Severino Rodríguez tamén lles indicou que o contrato con Aqualia establece que, cando o Concello entregue unha nova infraestrutura, valorarase o custo da mesma para aboar o seu importe.

 

A nova potabilizadora é máis grande que a antiga, realiza procesos de tratamento moito máis complexos e avanzados, e consume unha maior cantidade de enerxía eléctrica.  

Archivos Adjuntos: