Aberto o prazo para solicitar subvencións do programa de rehabilitación de edificios residenciais

O DOG nº136 do 21 de xullo de 2015 publica a Convocatoria das Subvencións do Programa de Rehabilitación Edificatoria para o presente ano. As axudas están destinadas á execución de obras e traballos de mantemento e intervención en edificios de tipoloxía residencial colectiva, que estean finalizados antes de 1981, que polo menos o 70% da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial e que, cando menos, o 70% das súas vivendas constitúa o domicilio habitual das persoas moradoras. Con todo, hai excepcións para os edificios que non cumpran estes requisitos, e tamén poderán ser receptores aqueles que presenten graves danos estruturais ou que se destinen na súa totalidade ó alugamento.

A contía máxima da subvención será de 11.000 euros por vivenda e por cada 100 metros cadrados de superficie útil de local ou 12.100 euros cando se trate de edificios declarados Ben de Interese Cultural.

O prazo para presentar as solicitudes remata o 21 de agosto de 2015. As obras obxecto desta convocatoria deberán estas finalizadas antes do 30 de novembro de 2015. A solicitude pode presentarse por vía electrónica no enderezo https://sede.xunta.es ou en soporte papel empregando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.