Intensa fin de semana de actividades culturais en Monforte

Monforte de Lemos, 22 de agosto de 2019. O Equipo de Goberno do Concello de Monforte segue a traballar e desenvolver o completo programa do Verán Cultural da cidade.

Deste xeito, tres son as actividades destacadas que terán lugar dende mañá venres e ata o domingo.

Proxección da película “Campeones”

O cine ó ar libre será o protagonista da noite do venres 23 en Monforte. Deste xeito, a praza de España acollerá, a partires das 22.30 horas, a proxección gratuíta da exitosa película “Campeones”, unha comedia dramática dirixida en 2018 por Javier Fesser, e protagonizada entre outros polo actor galego Javier Gutiérrez.

Concerto de David Prado e Sr. Jingles

A xornada do sábado 24 terá unha dobre cita coa música. De novo a praza de España e a partires das 22:30 horas, serán David Prado e o grupo Sr. Jingles os que amenicen a noite monfortina. Este evento, conta coa colaboración da Deputación de Lugo.

David Prado, artista lucense que chega a Monforte para presentar o seu último traballo “El viaje perfecto” no que engloba os puntos cardinais do amor, a felicidade e o desamor.  No álbum predomina un pop máis fresco e experimental dos últimos anos, e o son do hammond e moog impoñen o seu ritmo e a súa pausa.

Sr. Jingles: “actitude, compromiso e rock & roll” son palabras que definen perfectamente a Sr. Jingles, a banda liderada por Ramiro Núñez, cantante, músico e compositor nacido en 1983, en O Barco de Valdeorras (Ourense). Con influencias de primeiras figuras nacionais do rock clásico como Carlos Tarque, M-Clan ou da escea indie como Vetusta Morla, Sr. Jingles dispara un rock contundente, cheo de enerxía, con bos riffs de guitarra e letras cargadas de significado.
O seu álbum de debut “El Grito Wilhelm” é unha alegoría da protesta e a denuncia social, unha chamada á cordura expresada en 12 cancións onde o autor fala de temas cruciais para toda a sociedade: a guerra, a violencia de xénero, as drogas, a política, ou o cine. O seu primeiro single “Fénix” sonou xa na Cadena 40 Principales de Vigo ou en Onda Cero Lugo. 

 

Concerto da Banda de Música de Sober

O domingo 25, dentro do programa “Musiqueando pola provincia de Lugo”, que promove a Deputación de Lugo, terá lugar, ás 22.30 horas na praza de España, o concerto da Banda de Música de Sober, que a principios de agosto celebrou o seu 150 aniversario.

Deste xeito, en verbas do Alcalde, José Tomé Roca, “Monforte segue ofrecendo durante o mes de agosto un completo e variado programa de actividades destinado ó disfrute dos monfortinos e monfortinas e tamén dos miles de visitantes que durante o período estival visitan a cidade do Cabe”.