Monforte acollerá unha nova edición do torneo de Volei Praia, no Cadrado do Parque dos Condes, entre o 17 e o 25 de agosto

Monforte de Lemos, 7 de agosto de 2019. O Concello de Monforte colabora, un ano máis, co Club Korbis para poñer en marcha o Torneo de Volei Praia do Cadrado, que este ano alcanza a súa 10ª edición.

O Alcalde, José Tomé Roca, explicou que “do mesmo xeito que na edición anterior, vanse instalar dous campos de Volei Praia no espazo habilitado no Parque dos Condes, que quedará cuberto de area na súa práctica totalidade”.

Este torneo, que é organizado polo Club Korbis, está financiado na súa práctica totalidade polo Concello de Monforte, que se encarga de asumir os costes da instalación dos campos de xogo así como da dotación do material necesario para a disputa dos partidos, o subministro de trofeos, os valos de delimitación dos campos, así como dúas casetas de obra para a almacenaxe de material e a ubicación da oficina de xestión do evento.

A asignación municipal para cubrir estes gastos que veño de comentar, é de 4.290,00 €.

O torneo disputarase no Parque dos Condes entre o 17 e o 25 de agosto e, segundo un dos organizadores, Roberto Castro do Club Korbis, “está previsto que este ano se superen todas as cifras de participación, pois a falta de tres días para pechar o prazo de inscrición xa hai apuntadas 194 parellas, 52 parellas máis que o ano pasado”. Entre os inscritos, ademais de xente de Monforte, tamén os hai de Lugo, Ourense, Cambados, Pontevedra ou Santiago, o cal, en verbas do mandatario local “suporá unha importante xeración de negocio para o comercio e a hostalería locais”.

Nesta décima edición haberá unha nova categoría denominada “Super 80” na que poderán participar parellas que sumen entre as dúas máis de 80 anos en total, e tamén volverá a ter protagonismo a categoría “Pais e fillos”.

O Torneo tamén aumenta de 7 a 8 días con respecto ó ano pasado, xa que se prevé a disputa duns 46 partidos ó día, nun horario que irá desde as 7 da tarde ás 2 da mañá. En concreto, e debido a necesidades organizativas, prevese que o Torneo dea comezo o sábado 27 pero arredor das 9 da noite, e xa o resto dos días a partires das 19 horas.

Finalmente os organizadores tamén destacaron a colaboración de máis de 20 xóvenes voluntarios que se implicarán en todo o que ten que ver co Torneo, desde acondicionamento diario de pistas, recepción e xestión de participantes, a labores de arbitraxe e organización.

E cada día, poderanse consultar actualizados todos os resultados das diferentes categorías de competición a través da páxina web do Clube, www.korbis.es.