O Alcalde de Monforte participa no Pleno da FEMP, que fixa as liñas de acción do municipalismo para este mandato

Monforte de Lemos, 21 de setembro de 2019. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, participou hoxe sábado no XII Pleno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que fixa as liñas de acción do municipalismo para este mandato, o período 2019-2023. A esta reunión, que se celebrou en IFEMA, Madrid, o mandatario monfortino acudiu acompañado da 1ª Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada.

Nesta XII Asemblea da FEMP, despois das eleccións locais de maio, veñen de renovar os órganos de goberno da entidade, que presidirá de novo o Alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Na apertura do Pleno participou o Ministro de Agricultura, Pesca, Alimentación e Política Territorial, Luis Planas, o presidente da FEMP, e o Alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, entre outras autoridades.

Durante a xornada, na que se acreditaron máis de 5.400 entidades locais de toda España, aprobáronse unhas 300 propostas de resolución, entre as que destacan a negociación dun novo sistema de financiamento que trate en igualdade de condicións ás entidades locais e as comunidades autónomas, e a recuperación da autonomía local, sobre todo en materia económica para que concellos e deputacións provinciais poidan investir libremente os recursos do superávit, así como a reforma da administración local e a reivindicación de que a transferencia de competencias aos gobernos locais por parte das comunidades autónomas vaian sempre acompañadas de dotación de financiamento.

O Alcalde de Monforte, que asinou no Libro de Ouro da FEMP,  destacou a importancia de participar neste Pleno da entidade porque “nel defínense as directrices que se desenvolverán neste mandato para contribuír á mellora do funcionamento das deputacións e dos municipios, e con elo, da calidade de vida da veciñanza”.

De feito, José Tomé entrará a formar parte nesta nova etapa da FEMP da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares, na que, entre outras moitas iniciativas, impulsaranse medidas para definir o marco competencial das institucións provinciais, afondarase no debate sobre a participación dos gobernos locais no deseño, programación e execución dos fondos europeos, traballarase para articular a participación activa das entidades locais na elaboración por parte do Goberno dunha estratexia nacional fronte ao reto demográfico e reivindicarase un axeitado financiamento dos plans provinciais de cooperación.