Monforte de Lemos, 31 de xullo de 2019. O Alcalde, José Tomé Roca, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, presentaron o programa completo das Festas Patronais 2019, que se van celebrar do 11 ó 16 de agosto. “O programa que elaboramos para o mes de agosto contén un amplo abano de actividades que conforman un completo programa cultural, co obxectivo de ofrecer unha ampla diversidade de actividades para dar satisfacción a todo tipo de públicos”, apuntou o rexedor.
O mandatario local destacou que “O noso compromiso é seguir organizando cada ano unhas Festas Patronais acordes co que merece a nosa cidade e tamén acorde co que necesita o noso tecido produtivo como é o comercio, a hostalería e todo o relacionado co mundo do turismo, porque as Festas Patronais son un revulsivo económico que permite que moitas pequenas empresas garantan a súa pervivencia pola actividade económica que desenvolven durante o verán, especialmente durante as Festas Patronais”.
Compre recordar que as actuacións que vai haber en cada un dos días das Festas son as seguintes:
Luns día 12
- Grupo de DVICIO
- Orquestra Marbella
Martes día 13
- CARLOS BAUTE
- Orquestra Finisterre
Mércores día 14
- CHENOA
- Orquestra Principal
Xoves día 15
- BLAS CANTÓ
- Orquestra La Oca
Venres día 16
- Orquestra PANORAMA
- Grupo “SR. ALIAGA”
Neste senso, o Alcalde indicou que “ademais dos grandes concertos, queremos facer partícipes das Festas ós artistas e ós grupos monfortinos, que van ter presencia nas actuacións que se leven a cabo na Praza de España e tamén noutros recunchos da cidade no que se inclúen ós grupos de gaitas, os Xograres de Lemos, a Banda Municipal, a Coral municipal, o Grupo de Danza e de Gaitas Municipais e a grupos musicais da nosa cidade”.
En definitiva, concluíu o mandatario local “o Programa que elaboramos para as vindeiras Festas Patronais de 2019, é un bo programa que pretende que as Festas Patronais sexan cada vez máis as festas de todos e que, dalgunha maneira, os veciños e veciñas de Monforte e de fora da cidade teñan a certeza de que hai unha liña de continuidade relativa á variedade e á calidade das nosas Festas e que será a liña de traballo dos catro anos de mandato que nos quedan por diante. E desexámoslles unhas felices Festas a todos os monfortinos e monfortinas, e tamén a todos aqueles que nos visitan”.
DESCARGA O PROGRAMA COMPLETO EN: PROGRAMA FESTAS PATRONAIS MONFORTE 2019