Comunicado oficial sobre a Piscina Municipal de Monforte

Monforte de Lemos, 24 de febreiro de 2020. En relación coa xestión e explotación da Piscina Municipal climatizada, dos servizos de cafetería e demais aspectos incluídos nas instalacións, e das pistas de tenis municipais, a Xunta Local de Goberno celebrada no día de hoxe examinou os informes derivados da documentación presentada pola empresa concesionaria do servizo.

Visto o informe do Técnico municipal de Deportes no que se constata as graves perturbacións do servizo ocasionadas pola xestión empresarial, visto o informe de Intervención municipal no que se constata que a empresa non aporta documentación que acredite fehacentemente o desequilibrio económico-financeiro que alega, e visto o informe de Contratación e Secretaría no que propoñen as posibilidades xurídicas a ter en conta na solución deste problema, a Xunta Local de Goberno do Concello de Monforte de Lemos adopta o seguinte acordo.

“Adoptar acordo polo que se declare a intervención do servizo de XESTIÓN E EXPLOTACIÓN DA PISCINA MUNICIPAL CLIMATIZADA, DOS SERVIZOS DE CAFETERÍA E DEMAIS INCLUÍDOS NA INSTALACIÓN, E DAS PISTAS DE TENIS MUNICIPAIS DA PINGUELA, ante as graves perturbacións do servizo ocasionadas pola xestión empresarial que leva a cabo o contratista. O acordo deberá ser notificado ao concesionario e, se este, dentro do prazo de dez días sinalado no artigo 73.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo común das Administracións Públicas, (salvo que o Concello acordase para este trámite o establecemento dun prazo prudencial distinto) non corrixira as deficiencias, executarase a intervención”.

Se transcorrido este prazo a empresa non normaliza a xestión da Piscina Municipal, o Concello procederá a nomear un interventor técnico que substitúa á dirección da empresa na Piscina polo prazo que determina a normativa vixente.

A certificación da Secretaría Municipal do presente acordo, será notificado á empresa a través dos Axentes da Cidadanía nas oficinas da Piscina Municipal.