Monforte de Lemos, 2 de outubro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar un novo decreto polo que se resolve a concesión das axudas englobadas no Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos de Monforte. Deste xeito, isto supón que comezará a entregarse, a partir do luns 5 de outubro, a terceira partida de bonos a aqueles cidadáns que presentaron as súas solicitudes entre o 9 e o 13 de xullo e que cumpren con todos os requisitos establecidos nas bases da convocatoria do Plan.
Esta terceira entrega de bonos supón a continuidade no proceso de reparto de axudas englobadas neste Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos de Monforte e ascende a un total de 1.721 bonos, que están destinados ás familias monfortinas que presentaron as súas solicitudes entre o 9 e o 13 de xullo, e que cumpren con todos os requisitos establecidos nas bases da convocatoria do Plan. Para o pago do que son 699 axudas familiares destinaranse 43.025 euros.
A listaxe das persoas ordenadas por orde alfabética que poderán recoller os seus bonos está publicada na web do Concello (http://www.monfortedelemos.es/gl/plan-apoio-familias-e-sectores-economicos-2020) así como, dende dende hoxe a partir das 15 horas, nos taboleiros informativos da Casa do Concello, Casa da Cultura e no Edificio Multiusos. A recollida poderana facer no Edificio Multiusos de luns a venres, en horario de 8:30 a 14.30 horas.
O Alcalde recorda que son “bonos nominais de 25 euros que poderán utilizar xa nos establecementos e entidades de calquera sector económico, coa condición obrigatoria de que estean ubicados no Concello de Monforte”.
O Alcalde tamén recalcou que, todos aqueles que presentaron a súa solicitude e que non saen nesta segunda lista de beneficiarios irán saíndo nas seguintes, “dado que a revisión a cargo dos funcionarios municipais das 4.525 solicitudes presentadas leva o seu tempo, e iremos sacando novas listas a medida que se vaian resolvendo os expedientes cada semana. En concreto, so restan 737 solicitudes por revisar.”
Con esta terceira entrega de axudas, o número de total bonos aprobados e que poden ser recollidos ascende xa a 9.575, e supoñen axudas para 3.788 familias, destinándose ata o de agora para o pago destes bonos 239.375 euros.
Dende o luns 21 de setembro, día en que se comezou co reparto de bonos no Edificio Multiusos ata onte xoves 1 de outubro, xa foron recollidos por 2.401 cidadáns monfortinos arredor de 7.000 bonos, nas catro mesas destinadas para tal fin, bonos que xa están en circulación polos establecementos da cidade, o que supón 175.000 euros.
Entrega de bonos-axudas
O Plan de Apoio ás familias e ós sectores económicos de Monforte estableceu axudas a todos os cidadáns censados neste concello en función do número de habitantes empadroados en cada domicilio, segundo o Padrón Municipal.
O prazo de inscrición para dito plan abriuse o pasado 25 de xuño e estendeuse ata o 15 de xullo. Finalmente, foron 4.525 as solicitudes presentadas, das cales 1.935 son as solicitudes xa resoltas, que se corresponden ó período de presentación de solicitudes encadrado entre o 25 e xullo e o 5 de xullo, 1.154 as solicitudes resoltas presentadas entre o 6 e o 8 de xullo e 699 as presentadas entre o 9 e o 13 de xullo.
Requisitos para a recollida de bonos
O prazo límite recoller os bonos asignados e de 1 mes dende que se publica a lista de solicitudes concedidas na web do Concello, e para facer uso dos mesmos en establecementos, empresas e profesionais de Monforte o prazo remata o 13 de novembro. Por iso dende o Concello, recórdase a todas aquelas persoas que aínda non recolleron os seus bonos (a día de hoxe estímase en 2.500 o número de bonos por recoller), que o fagan dentro dos prazos establecidos.
O lugar de recollida dos bonos é o Edificio Multiusos, situado na Ronda María Emilia Casas Baamonde, sendo o horario de recollida dos mesmos de luns a venres de 8:30 a 14.30 horas en 4 mesas de entrega repartindo o listado por orde alfabético entre as 4 mesas.
A persoa beneficiaria do bono deberá presentarse o seu documento nacional de identidade (DNI), requisito imprescindible para recoller o seu bono. Os bonos facilitaranse por unha soa vez e estarán selados e asinados polo Alcalde de Monforte de Lemos.
Aquelas persoas que veñan á recoller os correspondentes bonos en representación doutra persoa, deberán vir coa correspondente autorización cumprimentada e asinada pola persoa á que representan. Esta autorización poderá descargarse no enlace da páxina web, no rexistro do
Concello e nas propias mesas de reparto do Edificio Multiusos.
Os bonos terán validez de uso ata o 13 de novembro aínda que se fose necesario ampliar o seu prazo de validez, o Concello anunciarao convintemente.
Cando a persoa solicitante estea en posesión dos bonos, poderá adquirir os bens, servizos profesionais ou consumos nos establecementos de Monforte de Lemos, que escolla libremente, polo importe máximo que figura neles ós que ten dereito cada unidade familiar, segundo o número de empadroados.
A modo de exemplo, sinala o Alcalde “os bonos poderán utilizarse en tendas de alimentación, roupa, xoguetes, ferreterías, locais de hostalería (por exemplo no prato do día ou en comida para levar), perruquerías, tendas agrícolas, en servizos profesionais tales como avogados, xestorías, fontaneiros, electricistas, albaneis... É dicir, pódense utilizar en calquera sector económico de Monforte que necesite cada familia”.
En caso de extravío do bono tanto pola persoa beneficiaria coma polo/a comerciante non se expedirá un novo bono para evitar calquera mala práctica.
Unha vez entregados os bens, prestación de servizos ou realizado o consumo, no que non están incluídas as bebidas alcohólicas non alimentarias, a persoa que o realice entregará o bono asinado ó establecemento que quedará en posesión do mesmo e presentará a solicitude de reintegro no Concello acompañada do citado bono ou bonos.
Procedemento a seguir para o cobramento dos Bonos por parte de empresas, profesionais e establecementos
As indicacións que deben seguir todas aquelas empresas, establecementos e profesionais que recibiron bonos correspondentes ó Plan de Apoio as Familias e Sectores Económicos de Monforte, en pago polos seus produtos ou servizos, para poder cobrar os importes correspondentes a ditos bonos, son as seguintes:
- Os establecementos deben cumprimentar o impreso de solicitude de cobro, publicado na páxina web do Concello de Monforte, para solicitar o reintegro dos importes dos bonos que trocaron por bens, servizos ou consumos. Xunto co Anexo I, incluído nese impreso, deberán aportar os orixinais dos bonos asinados pola titular da empresa ou establecemento, non sendo necesaria outro tipo de documentación.
- Aínda que existe a posibilidade de presentar esta solicitude vía telemática, o BONOS ORIXINAIS deben entregarse o máis axiña posible na oficina do Rexistro xeral do Concello de Monforte de Lemos, identificando a solicitude realizada.
- O establecemento non ten por que requirir a identificación do titular do Bono, pero si se deberán fixar en que a papeleta é orixinal e que está asinada tanto polo titular do bono como polo Alcalde (non se admiten fotocopias dos bonos).
- Os pagos efectuaranse periodicamente á maior brevidade posible.
O prazo para presentar, por parte de empresas, establecementos e profesionais, as solicitudes de aboamento dos bonos rematará o 30 de novembro de 2020.
Os establecementos, profesionais e empresas, para a presentación destas solicitudes de reintegro de bonos, non é necesario que esperen ata o final do prazo de validez do bono, é dicir, pódenas presentar no momento en que se estime oportuno, utilizando para elo o impreso correspondente cada vez que se entreguen novos bonos e seguindo as indicacións sinaladas para elo.
Se o importe dos bens adquiridos, servizos profesionais recibidos ou os consumos é inferior ó valor dos bonos, o persoal do establecemento deberá facelo constar na solicitude de reintegro que presentará no Concello de Monforte de Lemos, facendo constar o número de bonos e o importe realmente gastado, perdendo a persoa beneficiaria a diferenza.
Pola contra, se o importe fose superior ó do bono, o persoal do establecemento emitirá solicitude de reintegro polo importe do bono e a diferenza será pagada pola la persoa solicitante. O concello soamente asumirá a contía establecida no bono ou bonos, no caso de que fose más dun bono de 25 €, o que se gaste no establecemento.
Os bonos non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe de cada bono só pode ser utilizado nun único establecemento, podendo ser utilizados todos os bonos no mesmo ou en diferentes negocios, sempre que o gasto mínimo sexa de 25 € para beneficiarse dos mesmos, na súa totalidade.