O Concello de Monforte celebra o Obradoiro de Habilidades Dixitais Básicas para o Emprego

Monforte de Lemos, 30 de outubro de 2020. Onte xoves día 29 de outubro a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, inaugurou onte de forma telemática o Obradoiro de Habilidades Dixitais Básicas para o Emprego,  actividade incluída nos actos de celebración do 15 de outubro Día Internacional da Muller Rural, como recoñecemento a labor imprescindible que realizan as mulleres no medio rural.

 

Este obradoiro está organizado pola Concellería de Muller e Igualdade e o CIM, en colaboración con Cibervoluntarios.org, Fundación Mujeres e Google.org,  e dentro do Programa DIXITALIZADAS.

O obradoiro ten como finalidade contribuír á redución da brecha dixital de xénero, promovendo un mellor coñecemento e uso das TIC no ámbito rural, buscando promover a inserción social e laboral das  mulleres.

 As mulleres rurais son os axentes clave para conseguir os cambios económicos, ambientais e sociais necesarios para o desenvolvemento sostible no medio rural e con esta formación preténdese facilitar e potenciar a participación, empregabilidade e emprendemento das mulleres a través da adquisición de competencias dixitais e o uso de ferramentas tecnolóxicas.

Esta actividade é impartida pola Fundación Mujeres, en concreto a través da formadora Tamara Conesas, e lévase a cabo durante 3 sesións na modalidade en liña.

As sesións se deron comezo na xornada de onte xoves 29, teñen continuidade hoxe venres 30 de outubro en horario de  10:00 a 13:00 horas  e a última das sesións terá lugar o vindeiro mércores 4 de novembro, no mesmo horario.