O Alcalde anuncia o inicio das obras que suporán a renovación de todas as rúas na zona de Vivendas de Val de Lemos

Monforte de Lemos, 21 de setembro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que mañá mércores 22 de setembro, está previsto o inicio das  actuacións de mellora en vías municipais situadas na zona das Vivendas Val de Lemos.

Estas actuacións enmárcanse dentro dos 10 proxectos de mellora de rúas, vías e camiños, tanto urbanos como rurais, que o Alcalde anunciara en rolda de prensa a principios do pasado mes de xuño, e que en total alcanzan unha inversión de case medio millón de euros, en concreto, 457.653,31 €.

En concreto, na zona das Vivendas Val de Lemos levarase a cabo a rexeneración do seu firme, sobre unha lonxitude de 725 metros de rúas, “o que significa que imos renovar todas as rúas do barrio Val de Lemos”, destaca o rexedor municipal.

Para esta actuación, o Concello destina un orzamento de 59.604,07 euros, e as obras serán executadas pola empresa Obras y Saneamientos Galicia SL (ás que lle foi adxudicada por 53.107,28 €), que terá un mes de prazo para a súa execución.

 “Deste xeito” engadiu o Alcalde, “o Equipo de Goberno deste Concello segue a licitar a contratación de obras, servizos e subministros públicos para seguir mellorando Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai case 6 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas”.

                                                                   

Mellora de todas as vías municipais en Val de Lemos

A zona obxecto de actuación comprende varios tramos de vías municipais situadas na zona das Vivendas Val de Lemos, que suman un total de 725 metros, cunha superficie de 5.432 m².

“Dado o tempo elevado que se leva sen actuar sobre o firme destas vías, unido ó elevado tráfico nalgunhas das zonas, así como a presenza de auga noutras, o firme de devanditas vías está moi deteriorado, polo que dende o Concello decidimos levar a cabo unha actuación completa de renovación de devandito firme, o que significa que imos renovar todas as rúas do barrio Val de Lemos”, subliñou o Alcalde.

Deste xeito, as actuacións que se levarán a cabo dende mañá mércores, para a mellora de devanditas vías consistirán no fresado, a limpeza e a posterior aplicación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 4 cm. de espesor, así como no pintado das marcas viais correspondentes.

En concreto acometeranse as seguintes actuacións:

  • Fresado do firme de mestura bituminosa en quente, rego asfáltico ou de formigón, con varrido e retirada de produtos sobrantes a vertedoiro.
  • Limpeza enérxica, por medios mecánicos, da superficie do pavimento existente, mediante cepillo de arame, e repaso manual.
  • Posteriormente, en toda a calzada, procederase a aplicar a nova capa de rodadura, consistente nunha capa de aglomerado en quente, tipo D-12, de 4 cm. de espesor, estendido e compactado, previa aplicación dun rego de adherencia con 1 Kg. de emulsión tipo ECR-2. Incluirá o bacheo ou regularización previa nas zonas en que sexa necesario.
  • Recalce de tapas de rexistro en calzada con dado de hormigón HA-25 armado con fibras de aceiro con dosificación 30 kg/m³ e espesor mínimo de 25 cm., e sinalización, balizamento, curado e protexido con pranchas de aceiro ancoradas ó pavimento durante o fraguado.
  • Pintado de marcas viais continuas ou discontinuas, en liñas de bordo ou eixe de calzada, reflexivas de 12 cm, con pintura reflexiva e microesferas de vidro, realizado con máquina autopropulsada, incluso premarcaxe.
  • Pintado de marca vial reflexiva en símbolos, cebreados e letreiros, con pintura reflexiva e microesferas de vidro, realizado con máquina.

 

O Alcalde destaca que “esta obra suporá unha mellora moi significativa do firme de todas as rúas municipais desta zona do Val de Lemos, polo que os seus veciños contarán cunhas vías de comunicación totalmente renovadas e que lles permitirán transitas con comodidade e seguridade cos seus vehículos”.

“Este é outro proxecto importante co que seguimos mellorando a nosa cidade e tamén o conxunto do Concello. Continuamos así co desenvolvemento dun ambicioso programa de mellora de infraestruturas viarias da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende o inicio do meu mandato hai seis anos”, concluíu o rexedor monfortino.