O Alcalde anuncia a licitación da obra para a futura comisaría da Policía Nacional en Monforte


                                         Foto de arquivo, reunión do Alcalde, Jose Tomé, co Inspector xefe de Monforte, Tomás García 

Monforte de Lemos, 28 de decembro de 2023. O Alcalde, José Tomé Roca, ven de anunciar a licitación da obra para a futura comisaría da Policía Nacional en Monforte, salientado que “hoxe é un día histórico para a cidade e para os monfortinos e monfortinas, porque se inicia o proceso de licitación das obras que farán que a cidade conte por primeira vez con un edificio propio para a Comisaría da Policía Nacional, que albergará a todos os seus efectivos, e que mellorará sen dúbida a atención que prestan ós nosos cidadáns”.

Do mesmo xeito, o Alcalde amosou a súa satisfacción por acadar este fito histórico que é froito do empeño do Alcalde, José Tomé Roca, que dende o principio do seu mandato traballou e fixo as xestións necesarias para que a nova Comisaría de Policía se instalase nesta nova ubicación da cidade.

O anuncio de licitación desta obra histórica para Monforte de Lemos ven de ser publicado hoxe xoves 28 de decembro no Boletín Oficial del Estado polo Ministerio del Interior do Goberno de España.

“Este é un paso definitivo para que a antiga casa de Socorro, o centro de Sanidade, como se coñecía,  albergue as novas instalacións desta comisaría”, salienta José Tomé, “un obxectivo que como Alcalde me empeñei en alcanzar dende o principio do meu mandato, e que logo dun traballo intenso de moita xestión, hoxe da os seus froitos, e os cidadáns de Monforte contarán cunha nova Comisaría de Policía”.

No pasado mes de maio de 2022, dende o Concello, concedérase a licencia de obra para iniciar os traballos de construción da nova Comisaría da Policía Nacional en Monforte, tras o informe favorable que os técnicos municipais levaron a cabo sobre o proxecto da nova comisaría presentado pola Dirección Xeral da Policía Nacional así como pola a que era daquela a Inspectora Xefa de Monforte.

Do mesmo xeito, a finais de decembro de 2020, o Alcalde  dera a coñecer a conclusión dos trámites entre o Concello de Monforte, o Ministerio do Interior e a Dirección Xeral da Policía, que supoñían a cesión gratuíta do inmoble municipal, coñecido como a antiga Casa de Socorro, ubicada nos números 73-77 da Avenida de Galicia, para que albergase a nova sede da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Monforte.

Neste senso, dende o principio do seu mandato, o Alcalde traballou e fixo as xestións necesarias para que a nova Comisaría de Policía se instalase nesta nova ubicación da cidade, e trala concesión da pertinente licencia de obra e do anunciado proceso de licitación, séguense a dar os pasos necesarios para que se alcance este obxectivo.

O Alcalde amosa a súa satisfacción “porque seguimos dando pasos firmes para seguir mellorando o noso  Concello, neste caso,  para que a Comisaría da Policía Nacional de Monforte conte cunhas novas instalacións, modernas, funcionais e ó servizo dos veciños e das veciñas, en definitiva, que conte cunha sede propia, que estou seguro de que afianzará a presencia da Policía Nacional no noso concello e ademais Monforte conta cunha nova dotación. Así que estamos todos de noraboa, todos os veciños e veciñas de Monforte.”

 

Licitación da obra para a nova Comisaría da Policía Nacional de Monforte

O orzamento de contrata desta importante obra ascende a 3.880.587,59 euros e o prazo, por procedemento aberto simplificado, para a presentación de ofertas será ata as 9:00 h do 19 de xaneiro de 2024. A duración do contrato será de 13 meses.

Os criterios de adxudicación son:

  • Prezo máis baixo: 70%
  • Memoria descritiva: 20%
  • Aumento do prazo de garantía: 10%

 

Características do inmoble cedido para a nova Comisaría da Policía Nacional

O inmoble que o Concello cedeu gratuitamente para albergar a nova Comisaría da Policía Nacional coñecese como antiga Casa de Socorro e está ubicado nos números 73-77 da Avenida de Galicia.

Conta cunha superficie de terreo duns 2.282 metros cadrados, sobre os que se ubica unha superficie construída de 1.882 m2. O edificio está composto por un semisótano, unha planta baixa, unha planta alta e unha planta baixo cuberta.

A planta semisótano ten unha superficie construída de 244 m2, e destínase a garaxe, así como a outros usos que permita a lexislación. A planta baixa conta con 619 m2, a planta alta posúe unha superficie construída de 619 m2, e a planta baixo cuberta ocupa uns 340 m2. Estas tres plantas contan con diferentes habitacións, servizos e dependencias, que serán reformadas a fin de acoller as novas dependencias policiais.

Logo dun estudo pormenorizado da situación desta antiga Casa de Socorro, e atendendo as necesidades da nova Comisaría da Policía Nacional, para levar a cabo a reforma da mesma, optouse pola seguinte distribución:

  • Planta Sótano: Situaranse nesta planta dúas zonas claramente diferenciadas: un Área de detención, situada no espazo existente de sótano ó redor do patio interior nº 2 e unha Galería de tiro, proxectada nunha nova zona dentro da parcela e cuxa cuberta se aproveitará como zona de aparcamento exterior.
  • Planta Baixa: Nesta planta situaranse as Oficinas de atención ó público: Expedición de DNI-pasaporte, oficina de denuncias e atención ó cidadán; e o Grupo de seguridade cidadá.
  • Planta Primeira: Recolleranse nesta planta as zonas máis privadas da comisaría: Xefatura de comisaría; Grupo operativo local; Grupo local de información (SITEL); Grupo local de policía científica; e vestiarios así como aseos masculinos e femininos.
  • Planta Baixo Cuberta: Esta zona recolle os usos máis privados da nova comisaría: vivenda; e salas técnicas.

A reforma contempla ademais a implantación no patio interior nº 2 dunha nova escaleira, que comunicará as plantas sótano, baixa e primeira, resolvendo a evacuación en caso de incendios; e un ascensor, que comunicará todas as plantas do edificio, permitindo resolver a accesibilidade do mesmo.

Tamén se prevé o reforzo do forxado de teito da planta sótano e a reconstrución completa do taboleiro de cuberta.

Finalmente, no proxecto contémplase a urbanización da zona de aparcamento, situada sobre a cuberta da galería de tiro. Neste senso, a dotación de aparcamentos correspondente a calquea ordenanza con uso residencial, industrial ou dotacional, deberá cumprir con unha serie de condicións tales como que as prazas deberán ter unha superficie rectangular mínima de 2,20x4,50 m., cunha superficie de aparcamento non inferior a 20 m2; se o número total de prazas é igual ou superior a 50, deberá contar cun 2% como mínimo para usuarios con discapacidade e cunha superficie por praza de 3,30x4,50 m.