O Alcalde comunica que o Ministerio de Transportes ven de licitar a obra para mellorar a accesibilidade da Estación do tren de Monforte

Monforte de Lemos, 29 de decembro de 2023. O Alcalde, José Tomé Roca, ven de anunciar a licitación doutra importante obra de mellora para a cidade de Monforte, logo de que comunicara onte a licitación das obras que propiciarán que a cidade conte por primeira vez con un edificio propio para a Comisaría da Policía Nacional.

A licitación anunciada hoxe polo Alcalde é a relativa á obra que mellorará a accesibilidade da Estación de tren de Monforte, unha obra que “é froito do traballo de negociación e xestión que levei a cabo co ADIF ó longo destes últimos anos, e grazas á cal os usuarios da Estación de tren de Monforte, así coma os veciños e veciñas da cidade, poderán acceder a mesma a través dunha praza que será totalmente renovada e accesible, e disfrutarán de melloras importantes no Edificio de viaxeiros e nos andéns das vías do tren”, salienta José Tomé Roca.

O anuncio de licitación desta importante obra de mellora para a Estación de Ferrocarril de Monforte de Lemos foi publicado onte xoves 28 de decembro no Boletín Oficial del Estado polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible do Goberno de España, a través do Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF).

“Este é un paso definitivo para mellorar sensiblemente a accesibilidade da nosa estación de tren e que se une as importantísimas inversións que o Executivo de Pedro Sánchez está levando a cabo na nosa cidade e na nosa provincia, con 546 millóns de euros que están a  modernizar a vía Lugo-Monforte-Ourense”, subliñou o Alcalde monfortino.

En concreto, o Alcalde explicou que “as actuacións de mellora proxectadas consistirán consistirán na redistribución de locais no edificio de viaxeiros, a renovación e reparación do vestíbulo, a rehabilitación das marquesiñas dos andéns, a modificación das pendentes nas plataformas, a restauración de Estación, a renovación de iluminación exterior e interior, e a organización e mellora integral da Praza da Estación, que inclúe a glorieta Pablo Iglesias ata o linde coa rúa Calvo Sotelo, por unha solicitude expresa do Concello de Monforte”.

José Tomé concluíu expresando “a miña dobre satisfacción porque tanto a licitación para a obra da nova Comisaría de Policía, como esta renovación significativa da Estación de Tren, suporán a consecución de dúas infraestruturas esenciais a través das cales imos seguir ofrecendo servizos de calidade a todos os monfortinos e monfortinas”.

 

Licitación da obra de mellora da accesibilidade da Estación de tren de Monforte

O orzamento de contrata desta importante obra ascende a 2.043.844,15€ e o prazo, por procedemento aberto, para a presentación de ofertas será ata as 10:00 h do 17 de xaneiro de 2024. A duración do prazo de execución, unha vez adxudicada, será de 14 meses.

Os criterios de adxudicación son:

  • Criterios económicos: 49%
  • Criterios cualitativos xuízos de valor: 49%
  • Criterios cualitativos fórmulas: 2%

DESCRICIÓN DAS ACTUACIÓNS DE MELLORA DA ACCESIBILIDADE DA ESTACIÓN DE TREN DE MONFORTE

O Proxecto de execución para a mellora da Accesibilidade na Estación de Monforte de Lemos contempla importantes actuacións de mellora tanto no Edificio de viaxeiros como na Praza da Estación de Ferrocarril de Monforte.

En concreto as actuacións de mellora proxectadas consistirán en:

  • A redistribución de locais no edificio de viaxeiros.
  • A renovación ou reparación de materiais no vestíbulo.
  • A rehabilitación das marquesiñas en plataformas.
  • A modificación de pendente na plataforma 1.
  • A restauración de cerramentos da Estación
  • A renovación de iluminación exterior e interior.
  • E a organización e mellora da Praza.

 

Estas actuacións irán encamiñadas ao obxectivo global de mellora da accesibilidade desta Estación de Tren de Monforte de Lemos.

Para execución dos traballos, dividirase a obra unha fase de traballos previos e acopio de materiais, e 3 fases de obra propiamente ditas.

 

Fase 0: traballos previos e acopio de materiais

Previo ó comezo das actuacións in situ, será necesario a adecuación das zonas de instalacións auxiliares, para o que se buscaron superficies nas inmediacións da Estación e próximas ós tallos e ás actuacións proxectadas, que sirvan para provisión de materiais, oficinas de obra, parques de maquinaria e demais actividades que unha obra desta natureza require.

O acondicionamento de todas as superficies que se empregarán, todas con carácter estritamente temporal, esixirá un proceso de roza e limpeza, exceptuando as zonas pavimentadas que o que requirirán é unha posterior reparación dos posibles danos que poidan causarse durante as obras.

Prevíronse dúas zonas de instalacións auxiliares nas inmediacións o edificio de viaxeiros. Unha vez acondicionadas, formaranse as provisións de materiais iniciais de obra, coidando dispoñer sempre dos materiais necesarios para non alterar o ritmo normal dos traballos.

Contémplanse as seguintes actuacións:

  • Implantación das instalacións auxiliares, espazos de traballadores, punto limpo e zonas de provisión.
  • Colocación do valado perimetral para o peche das instalacións auxiliares e zonas de provisións.
  • Desvíos do tránsito de peóns e viaxeiros.
  • Levante de sinais de tráfico e mobiliario urbano que poida interferir coa execución das obras.
  • Identificación e localización dos servizos existentes na zona das obras. Reformulo e apeo e protección no seu caso.

 

Prevese que os traballos previos e provisión de materiais teñan unha duración total aproximada de 15 días.

 

Fase 1

As actuacións levadas a cabo na Praza da Estación, no Edificio de viaxeiros e na plataforma 1 contémplanse en horario diúrno xa que non interrompen o tránsito dos viaxeiros nin afectan á circulación dos trens. As actuacións na marquesiña da plataforma lateral contémplanse en banda de mantemento con corte de catenaria.

Nesta fase contémplanse as seguintes actuacións:

  • Instalación de cerramentos e señalética provisionais.
  • Actuacións previas necesarias en todas as instalacións afectadas.

 

Praza da Estación lado Lugo:

  • Tratamento xeral da praza delimitando a zona de paso de peóns e organizando a circulación de vehículos e prazas de aparcamento. Inclúese un punto de recarga de vehículos eléctricos e unha zona de paradas rápidas (kiss & ride).
  • Renovación dos pavimentos incluíndo beirarrúas, asfaltado e novas medianas axardinadas.
  • Reforzo e renovación da iluminación.
  • Rede saneamento separativa exterior na zona da praza.
  • Equipamento e señalética.

Edificio de Viaxeiros lado Lugo:

  • Retirada e substitución de todas as carpinterías de fachada.
  • Reparación puntual de gretas e pintado de fachada: Limpeza e saneado, recheo con masilla, imprimación e pintado.
  • Reparación de pingueiras por infiltracións en cuberta, exceptuando o torreón central: retirada de tellas, desamiantado, saneado de taboleiro e recebado, e execución de subestructura de correas metálicas e nova cobertura de panel sándwich.
  • Execución de dous vestíbulos cortavientos enfrontados, de acceso desde a praza e cara á zona de plataformas.
  • Redistribución dos locais existentes modificando os actuais aseos e creando un novo cuarto de limpeza con vertedeiro. Habilitación de dous locais dispoñibles con acceso desde o vestíbulo: demolicións de acabados, carpinterías e tabiquería existentes, nova tabiquería, acabados e carpinterías.
  • Remodelación de acabados do vestíbulo principal: Saneado de revestimentos verticais de pedra, tratamento do pavimento e novos encamiñamentos, e novo falso teito.
  • Renovación dos elementos de iluminación do vestíbulo.
  • Instalación de equipamento de SIV e control de instalacións.
  • Renovación global da iluminación exterior do edificio de viaxeiros con luminarias que queden integradas coa linguaxe arquitectónica do edificio.
  • Canles e baixantes con arquetas a pé de baixante.
  • Equipamento e señalética.

 

Marquesiña Andén 1 lateral:

  • Execución dos reforzos estruturais necesarios e a reparación puntual de patoloxías estruturais nos soportes de formigón.
  • Execución dun picado manual nas zonas con desconchones aplicando un posterior chorreado de auga-area a presión, limpeza dos restos de detritus e óxido nas armaduras, e aplicación de morteiro tixotrópico, previa pasivación das armaduras.
  • Renovación do sistema de evacuación de pluviais, condenando as baixantes interiores dos piares e colocando as novas registrables no exterior con novas arquetas executadas a pé de baixantes.
  • Traballos necesarios para conectar os novos elementos coa red existente de pluviais.
  • Execución dunha nova cobertura mediante correas metálicas e chapas autoportantes metálicas.
  • Renovación das claraboias.
  • Nova canalización para as instalacións existentes nas marquesiñas.

 

Andén 1 lateral:

  • Recrecido de superficie ata alcanzar cota de andén eliminando o banzo existente na liña de piares, así como as ramplas e varandas de seguridade que rompen a continuidade do espazo.
  • Execución de encamiñamentos e pavimentos de advertencia.
  • Instalación de canlón lineal de saneamento para recollida de augas xunto ao edificio. Traballos necesarios para conectar os novos elementos coa rede existente de pluviais.
  • Novas luminarias en plataformas onde o proxecto de infraestrutura non os contemplara.

Previo ao comezo da fase 2, levarase a cabo a modificación de cerramentos e señalética provisionais.

Prevese que os traballos da FASE 1 teñan unha duración total aproximada de 7 meses.

Fase 2:

Todas as actuacións no edificio de viaxeiros e urbanización restantes, así como os traballos na plataforma lateral contémplanse en horario diúrno.

Os traballos nas marquesiñas realizaranse en banda de mantemento con corte de catenaria para non interferir co tránsito dos viaxeiros.

Nesta fase contémplanse as seguintes actuacións:

Marquesiñas andéns 1, 2 e 3:

  • Execución dos reforzos estruturais necesarios e a reparación puntual de patoloxías estruturais nos soportes de formigón.
  • Execución dun picado manual nas zonas con desconchones aplicando un posterior chorreado de auga- area a presión, limpeza dos restos de detritus e óxido nas armaduras, e aplicación de morteiro tixotrópico, previa pasivación das armaduras.
  • Renovación do sistema de evacuación de pluviais, condenando as baixantes interiores dos piares e colocando as novas registrables no exterior con novas arquetas executadas a pé de baixantes.
  • Execución dunha nova cobertura mediante correas metálicas e chapas autoportantes metálicas.
  • Renovación das claraboyas en marquesiña plataforma 1.
  • Nova canalización para as instalacións existentes nas marquesiñas.

 

Edificio de viaxeiros lado Ourense:

  • Retirada e substitución de todas as carpinterías de fachada.
  • Reparación puntual de gretas e pintado de fachada.
  • Redistribución das oficinas de ADIF. Lévase a cabo a separación dos espazos dedicados aos servizos das empresas RENFE e ADIF: nova tabiquería, acabados e carpinterías.
  • Remodelación de acabados do vestíbulo principal: saneamento de revestimentos verticais de pedra, tratamento do pavimento e novos encamiñamentos e novo falso teito.
  • Renovación dos elementos de iluminación do vestíbulo.
  • Instalación de equipamento de SIV e control de instalacións.
  • Renovación global da iluminación exterior do edificio de viaxeiros con luminarias que queden integradas coa linguaxe arquitectónica do edificio.

 

Praza da Estación lado Ourense:

  • Tratamento xeral da praza delimitando a zona de paso de peóns e organizando a circulación de vehículos e prazas de aparcamento. Inclúese un punto de recarga de vehículos eléctricos e unha zona de paradas rápidas (kiss & ride).
  • Renovación dos pavimentos incluíndo beirarrúas, asfaltado e novas medianas axardinadas.
  • Reforzo e renovación da iluminación.
  • Rede saneamento separativa exterior na zona da praza.
  • Equipamento e señalética.

 

Previo ao comezo da fase 3, levarase a cabo a modificación de cerramentos e señalética provisionais.

Prevese que os traballos da FASE 2 teñan unha duración total  aproximada de 5 meses.

 

Fase 3:

Durante esta fase levan a cabo as actuacións de remate nos accesos aos medios de elevación que comunican a plataforma 1 co paso inferior. Estas actuacións realizaranse en horario nocturno para non interferir co paso dos viaxeiros.

Nesta fase contémplanse as seguintes actuacións:

  • Finalización dos traballos en plataforma e urbanización.
  • Remates e coordinación final
  • Retirada de cerramentos e señalética provisionais.
  • Retirada de ZIA.

 

Prevese que os traballos da FASE 3 teñan unha duración total aproximada de 2 meses.

A duración total dos traballos previstos é de aproximadamente 14 meses.