O Alcalde destaca o investimento de máis de 81.000€ no Obradoiro de Emprego da Pinguela, que ven de poñer en marcha dende hoxe o Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 22 de novembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural,  Servizos e Medio Ambiente, José Luís Losada, así como representantes da Xunta e da corporación municipal, visitou hoxe o obradoiro de emprego que se desenvolverá dende hoxe, e ó longo dun ano, nas instalacións da Escola Obradoiro da Pinguela, e deu a benvida ó mesmo a alumnos e profesores.

Nesta edición recibirán formación teórica e práctica 20 alumnos, nun obradoiro que conta con dúas especialidades, albanelaría e carpintería, e aqueles que finalicen con éxito a formación obterán o certificado de profesionalidade desta dúas especialidades” salientou o Alcalde. “O obxectivo é formar profesionais que hoxe están moi demandados, paras facilitar a inserción laboral ou ben o autoemprego”.

O rexedor municipal apuntou que “con este obradoiro de emprego, que está promovido polo Concello de Monforte, creamos 24 postos de traballo durante 1 ano; o grupo estará formado por 20 alumnos e alumnas, 2 docentes, un director e unha administradora, cun investimento de máis de medio millón de euros procedentes de fondos Estatais”. En concreto, conta cun orzamento de 577.046,20€, partida que procede de fondos Estatais (do SEPE, Servizo Público de Emprego Estatal), autonómicos e municipais.

Cabe destacar que Equipo de Goberno “inviste neste Obradoiro de Emprego 81.530,60€, é dicir, 76.530,60 euros máis que en 2023, que foron 5.000€, un 1.530% máis.

Os participantes no obradoiro levarán a cabo a rehabilitación e restauración das naves da Escola Taller A Pinguela, coa substitución de cubertas, o acondicionamento de novos espazos de traballo, a substitución de portas e fiestras, escaleiras, a elaboración de novos pavimentos,... así como a restauración e aproveitamento de pequeno mobiliario urbano para darlle un novo uso.

O Alcalde concluíu subliñando que “unha vez rematado ambos obradoiros, dende o Concello de Monforte temos o compromiso de inserción de  alumnos en empresas que precisen contratar a traballadores durante un mínimo de tres meses. Para elo, darémoslle ás empresas e un incentivo á contratación de 1.500 € por alumno e empresa, para favorecer a inserción laboral destes programas no mercado de traballo.”

Rehabilitación de naves no obradoiro de A Pinguela

O Obradoiro de emprego posto en marcha este ano polo Concello de Monforte abordará a rehabilitación das naves da Escola Taller de A Pinguela, que está situado nunha parcela de titularidade municipal, lindando coa estrada LU-P-3201 e o IES da Pinguela. En concreto, as melloras levaranse a cabo sobre as naves destinadas a obradoiro de carpintería e a cantería, e tamén se acometerá a reforma dos accesos ós módulos de ensino e servizos.

Tamén se levará a cabo a renovación da cuberta da edificación principal do taller de cantería e  se rehabilitará unha das edificacións secundarias do taller de cantería. Finalmente, dotarase de banzos ós accesos dos módulos de servizos e aulas.

-Taller de carpintería

Pretendese a rehabilitación da cuberta mediante a retirada da cuberta actual e colocación dunha nova cuberta de panel sándwich. A entrada de luz natural resolverase substituíndo as placas de poliester por paneis de policarbonato alveolar.

Tamén se dotará á entrada principal dun pequeno porche executado con estrutura de madeira fincado á estrutura de formigón da propia nave e cuberto con placas de policarbonato alveolado que permita o paso da luz.

Sobre o pavimento actual da nave executarase unha nova soleira de formigón armado con acabado pulido para unha mellor circulación dos medios auxiliares destinado a manipulación das materias primas e produtos de carpintería.

Substituiranse as placas translúcidas dos cerramentos por carpinterías de madeira con vidros de seguridade que permitan a iluminación e ventilación natural da nave, que serán elaboradas no propio taller de carpintería.

Instalarase unha nova porta corrediza de bastidor metálico e entrepano de táboas de madeira machiembrada. Os entrepanos de madeira desta porta tamén se executarán no propio taller.

Resolverase o acceso á zona elevada sobre o almacén interior mediante a execución no propio taller dunha nova escaleira de madeira e varanda con pendente mais axeitada, ao mesmo tempo que se continua coa restauración de mobiliario urbano, varandas, bancos …

Con respecto da edificación acaroada a nave de carpintería, pretendese a súa rehabilitación dotándoa dunha nova cuberta de panel sándwich colocado sobre armazón metálico lixeiro. Ademais abrirase un acceso directo dende a nave de carpintería, para que poida ser utilizada como almacén, e revestiranse os cerramento exterior e interiormente con morteiro de cemento e posteriormente pintado.

Levarase a cabo a restauración dos entrepanos das portas de madeira do almacén de carpintería do obradoiro da Pinguela e da porta da Casa da Cultura.

Finalmente, elaborarase diverso mobiliario para o equipamento das naves do obradoiro tales coma a execución de estantes onde gardar ferraxes e pequeno material e bancos e mesas de traballo adaptados aos traballos específicos de carpintería, así como a restauración e realización nova de pequeno mobiliario urbano executado en madeira, bancos, papeleiras e xardineiras.

-Taller de cantería

Posto que a cuberta da edificación principal do taller de cantería non dispón de material de cubrición, proponse a execución dunha cuberta de lousa colocada sobre o forxado de formigón existente, para elo será necesario a limpeza superficial do mesmo, impermeabilización mediante lámina asfáltica, restrelado, e colocación de lousa.

Á edificación secundaria do taller de carpintería xunto co alpendre acaroado, situada ó norte da mesma, dotarase dunha nova cuberta de tella cerámica sobre armazón inclinado de madeira con pendentes adecuadas. Para garantir a impermeabilidade da cuberta, ademais de incrementar a pendente, será necesaria a colocación dunha lámina impermeable transpirable sobre o taboleiro OSB. As tella colocaranse sobre restreles colocados segundo a liña de máxima pendente.

Asemade, a citada edificación secundaria dispón de aberturas no cerramento posterior que están resoltas con placas onduladas translúcidas, proponse a súa substitución por carpintería de madeira.

-Módulos de servizos e aulas

Preténdese a execución banzos de fábrica de ladrillo revestidos con pezas cerámicas para facilitar o acceso por ambos lados as persoas que non teñen mobilidade reducida.