O Concello participa en Vilamartín na asemblea da Asociación de Municipios de Camino de Invierno a Santiago, na que aprobou o seu Plan de Dinamización

Monforte de Lemos, 21 de outubro de 2023. A Tenente de  Alcalde de Monforte, Gloria Prada, desprazouse onte ata o concello de Vilamartín de Valdeorras para participar na Asemblea xeral extraordinaria da Asociación de Municipios de Camino de Invierno a Santiago.

Os participantes nesta asemblea analizaron e presentaron as súas propostas para seguir mellorando o Camiño de Inverno, que parte desde O Bierzo (en León, desde a localidade de Ponferrada) e transita polas catro provincias galegas, catro denominacións de orixe e comarcas como as de Valdeorras, Ribeira Sacra, Deza.

O obxectivo principal da Asemblea foi a presentación e aprobación do Plan de Dinamización 2024-2027. Este plan presentouse a todos os socios como un documento marco froito dun traballo de campo, que pon de relevo, desde as fortalezas e debilidades observadas no territorio do Camiño de Inverno, a necesidade de facer fronte a unha serie de retos estratéxicos que teñen que ver coa atención ao peregrino, visibilidade do Camiño, aumento de alianzas e colaboracións, así como potenciar o desenvolvemento turístico do territorio.

“A través deste Plan”, subliñou a Tenente de Alcalde “poderemos dar a coñecer o potencial turístico e patromonial co que conta Monforte, non so ó resto de asociados, senón tamén e sobre todo, a todos os que transitan por esta ruta xacobea do Camiño de Inverno, que ano a ano aumenta o seu número de peregrinos”.

Para iso acordouse traballar, principalmente, en catro Liñas de actuación.

A primeira liña denominada Servizos ao Peregrino, pretende aumentar a rede de albergues dispoñibles, mellorar as instalacións existentes e dotar de máis servizos ao camiñante.

A segunda liña denominada Difusión do Camiño de Inverno, busca dispoñer dunha formulación que mellore a difusión e a comunicación en torno ao Camiño de Inverno incrementado a súa visibilidade e presenza social, mediante, entre outras accións, mellora da páxina web, potenciación das redes sociais, realización de xornadas etc.

A terceira liña céntrase na xestión de colaboradores e alianzas con todos os grupos de interese vinculados ao Camiño de Inverno e ao territorio para xerar colaboración mutua e sinerxías.

E a cuarta liña denominada desenvolvemento turístico, pretende traballar en conxunto cos actores locais para o desenvolvemento turístico do lugar, coa intención de mellorar e promocionar os recursos turísticos do territorio do Camiño  de Inverno.

A Asemblea comprometeuse a traballar dentro de cada liña de acción, marcando e priorizando cada un dos obxectivos e actuacións que se detallan dentro do plan de dinamización.

“O obxectivo final e común de todos os concellos e municipios participantes, tanto da Comarca do Bierzo (León) como de Galicia é traballar xuntos dentro da Asociación, para a mellora, promoción, difusión do Camiño de Inverno, contribuíndo, con este plan, ao desenvolvemento local do seu territorio” destacou Gloria Prada.