O Alcalde anuncia a licitación do concurso para a redacción do Plan Especial da Área Recreativa e Praia Fluvial de Monforte

Monforte de Lemos, 25 de outubro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada e o Concelleiro de Obras, Medio Rural,  Servizos e Medio Ambiente José Luis Losada, deu a coñecer hoxe mediante rolda de prensa, a licitación do concurso para a redacción do Plan Especial da Área Recreativa e Praia Fluvial de Monforte.

O Alcalde explicou que a Xunta de Goberno celebrada o 15 de maio de 2023, encargou ós Servizos de Contratación e Urbanismo do Concello, a elaboración do Informe de Necesidade e os pregos Administrativos e Técnicos para licitar e contratar o Plan Especial para construír unha dotación moi importante para Monforte, como é, unha Área Recreativa e Praia Fluvial.

A ubicación desta infraestrutura de servizos foi anunciada polo Alcalde o pasado 16 de setembro, e será no lugar de A Lama, parroquia de Ribasaltas, na marxe dereita do río Cabe. Concretamente, nos terreos delimitados pola estrada de Monforte a Lugo, pola Pista do Canal de regadío, por camiño público que a separará das fincas particulares e polo río Cabe.

A infraestrutura afecta a unha superficie de 11,6 ha., e contará con zona de baño, zona destinada a hostalería, área de xogo infantil, estacionamento público e sendas de paseo, todo elo integrado no entorno.

Deste xeito, tras o anuncio feito hoxe polo Alcalde, o Concurso para a redacción do Plan Especial sairá publicado o día de hoxe, 25 de outubro, e o prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o venres 10 de novembro. A primeira das mesas de contratación celebrarase o 13 de novembro. A previsión para a adxudicación será entorno a finais de novembro.

O orzamento para a licitación ascende a 96.800 €, repartidos en 2 anualidades, en 2023, 24.200 €, e en 2024, 72.600 €.

Unha vez asinado o contrato, o prazo de redacción é de 10 meses, prorrogables por outros 5 meses, tal e como estipula a Lei de Contratos do Sector Público.

José Tomé concluíu a súa intervención salientando que “seguindo co rigor e coa seriedade que caracteriza a este Equipo de Goberno, estamos xa na fase executiva deste importantísimo proxecto, seguindo todos os pasos legais, sendo o primeiro deles, a redacción do Plan Especial, logo o Proxecto Constructivo e finalmente a realización das obras propiamente ditas, dunha dotación de ocio, fundamental para Monforte, que engadida á nova urbanización que se vai facer coa supresión de pasos a nivel, vai facer do barrio da Estación, do Morín e da zona de Ribasaltas un polo de atracción que equilibra o desenvolvemento da cidade cara a zona norte de Monforte”.

 

Concurso para a redacción do Plan Especial

O concurso para a redacción do Plan Especial da Área Recreativa e Praia Fluvial de Monforte é aberto, e os criterios de valoración das ofertas está baseada en 3 apartados:

  • Prezo: 30%
  • Memoria Metodolóxica: 35%
  • Memoria Equipo Técnico: 35%

Con estes criterios de valoración, o Concello incide especialmente en que este Plan Especial sexa redactado por un equipo de calidade, e que a memoria tamén cumpra este criterio. De feito, para valorar a parte técnica será designado un equipo de 3 enxeñeiros de contrastada experiencia e pertencentes á Deputación Provincial de Lugo, que farán unha proposta á Mesa de Contratación, que unido á valoración da oferta económica, dará como resultado a empresa gañadora.

Neste senso, subliñou o rexedor monfortino que “dada a transcendencia, a importancia, a forte inversión e a multitude de servizos que vai prestar esta dotación pública, elaboramos unhas bases moi esixentes, porque queremos que sexa un proxecto de moita calidade, que sexa un referente no interior de Galicia e un atractivo turístico moi importante para o turismo, e facer de Monforte un concello con máis calidade de vida”.

O Alcalde aclarou que “o proxecto de Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, define as actuacións a levar a cabo nun terreo determinado para dotar de infraestruturas e servizos, e posteriormente, unha vez aprobado o Plan Especial, é cando se redacta o Proxecto Contrutivo coa descrición das unidades de obra e o custe de licitación do conxunto das obras”.

O custe estimado para acometer esta Área recreativa e Praia fluvial, que pode variar cando se redacte posteriormente o proxecto construtivo, ascende a 5.023.818,08€.

 

DESCRICIÓN DO PROXECTO DE ÁREA RECREATIVA E PRAIA FLUVIAL DE MONFORTE

Azud desmontable

En primeiro lugar, construción dun Azud desmontable (presa), co fin de elevar a cota da lámina de auga do rio para facilitar o baño proxectarase a construción dunha presa desmontable de aceiro sobre base de formigón con unha altura aproximada sobre a cimentación de 1,20 metros.

Este Azud estará en servicio dende a primavera ata outono e retirarase na época de choivas para evitar posibles inundacións, aínda que o espazo público estará aberto todo o ano para uso e disfrute dos veciños e veciñas de Monforte.

Praia Fluvial

Construirase unha praia fluvial cunha superficie de área que supera os 14.000 m2 1,4 hectáreas que terá unha fachada ao río de 280 m de largo e un ancho aproximado de 50 m. Terá varios accesos á zona de baño para poder entrar e saír da auga..

Zona verde con céspede e pradeira

Divídese en dúas zonas, unha mais axardinada con céspede, pegada á zona de area da praia fluvial, e outra zona con pradeira mais distanciada para zona de paseo e descanso. En ambas zonas conservaranse árbores que xa existen na actualidade e procederase á plantación de outros novos onde sexa necesario.

A primeira zona, a axardinada con céspede, contará cunha instalación de rego automático nunha superficie aproximada de 20.000 m2, 2 hectáreas, e a zona de pradeira, terá unha superficie de preto de 48.000m2, preto de 4,8 hectáreas. Deste xeito as persoas poderán optar por recostarse sobre zona de area ou de herba.

Accesos e aparcamento para vehículos

Na zona de actuación construirase un estacionamento para vehículos con capacidade para 366 automóbiles, ademais de prazas adaptadas para persoas con discapacidade, prazas para motocicletas, bicicletas e autobuses, que en total superarán as 400 prazas.  

Esta zona será pavimentada con aglomerado asfáltico en quente sobre unha sub-base de zahorra compactada. En todo o seu ámbito plantaranse árbores de crecemento rápido para dar sombra á zona do aparcamento. Contará tamén coas correspondentes instalacións de recollida de augas pluviais. A zona de estacionamento terá unha superficie de 19.000m2, preto de 2 hectáreas.

Paseos peonís

En todo o ámbito de actuación da área recreativa construiranse paseos peonís que recorren o perímetro da mesma, cruzando tamén polo centro.

Son paseos de 3 metros de anchura que teñen unha lonxitude de 2.360 metros lineais e unha superficie de algo mais de 8.800 m2, preto dunha hectárea de paseo.

Estes paseos contarán con iluminación mediante puntos de luz de tecnoloxía LED situados cada 30 m. aproximadamente.

Parque infantil

Dentro do ámbito da área recreativa e pegado ao paseo peatonal, xunto á zona de estacionamento, construirase un parque infantil semellante ao que hai na Compañía ou no Hospital que terá unha superficie de 1.200 m2 no que se situarán diversos aparatos para xogos de nenos de distintas idades e con pavimento de caucho, tal e como establece a normativa vixente.

Edificación para uso hosteleiro e aseos públicos

Esta edificación construirase en planta baixa, con unha superficie aproximada de 825 m2. Estará situada aproximadamente no centro da zona de actuación entre a zona de baño e a zona de estacionamento e ao lado do parque infantil.

Nesta edificación situarase unha cafetería-restaurante ademais de zonas de almacén e aseos para o público en xeral.

Ós metros cadrados de construción hai que engadir a zona de terraza que se vai habilitar xunto ao edificio, que en total superará, esta parte, os 1.000 m2.

Edificación para almacen

Tamén será unha edificación de planta baixa para uso de almacén e nela situaranse os vehículos e ferramentas necesarios para o mantemento da zona, así como os produtos de limpeza ou abonos que sexan necesarios e terá unha superficie aproximada de 150m2 construídos.

Peche perimetral

A zona de actuación contará en todo o seu perímetro con un peche de malla electro soldada plastificada de 2 m. de alto sobre postes de aceiro, excepto no linde co Río Cabe.

Camiño exterior

Para manter as boas comunicacións na zona onde se ubique a área recreativa habilitarase un camiño publico con bo firme que sirva de aceso ás fincas colindantes e que delimitará a Área Recreativa pola zona oeste.

Acometidas de servizos

No plan especial e posteriormente, no proxecto construtivo que se elabore, contarase cos servizos necesarios de electricidade, abastecemento, saneamento e telecomunicacións.

Estas instalacións conectaranse ás redes  xerais existentes establecendo sistemas de bombeo si fose preciso.

Mobiliario urbano

En todo o ámbito de actuación colocaranse diversos elementos de mobiliario urbano, bancos, papeleiras ou fontes, para uso dos usuarios das instalacións.

Enerxías renovables

Crearase un punto de produción de enerxía eléctrica mediante paneis solares fotovoltaicos que se conectarán á rede do complexo e proporcionarán unha boa parte da enerxía eléctrica que se consuma.