O Alcalde ratifica o seu apoio á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Monforte de Lemos, 8 de abril de 2024. O Alcalde de Monforte e  Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ratificou este luns o apoio das institucións que dirixe, para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade, tras o acordo unánime do Consello de Patrimonio Histórico de nomeala candidata de España a este recoñecemento da UNESCO no ano 2026.

José Tomé subliñou o respaldo e implicación total da Deputación para que a Ribeira Sacra reciba este prestixioso recoñecemento internacional, que “precisamente impulsou esta institución provincial, baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro, liderando unha campaña de mobilización institucional e social en favor da candidatura coa que recolleu máis de 40.000 firmas nun autobús que percorreu a xeografía galega e do resto de España”.

O Alcalde valorou o impacto positivo desta declaración en termos de promoción turística e de xeración de riqueza para o territorio, argumentando que “a Ribeira Sacra non necesita ningún carné, pero é verdade que este recoñecemento axuda á promoción a nivel mundial e suporía un empuxón máis de cara a que a Ribeira Sacra sexa máis coñecida, máis visitada e mellor valorada”.

“Agora toca facer unha boa labor didáctica por parte da Xunta de Galicia, porque esta proposta elaborouna o Goberno galego”, explicou José Tomé. Foi crítico co Executivo autonómico por non ter contado cos concellos do territorio para a nova proposta, pero destacou que “o importante é que saia adiante, e que non pase como pasou hai uns anos, que chegou a comisión de ICOMOS e fixeron unha proposta negativa porque non se fixeron ben as cousas”. Engadiu que no seu momento foi un acerto retirar a tempo a candidatura porque se non sería imposible volver a optar a ela o vindeiro ano 2026.

Precisamente, a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, participou este luns na xuntanza que tivo lugar no Centro de Inmersión Lingüística dos Peares para avaliar a situación actual e explicar cales serán os próximos pasos que se levarán a cabo ao respecto da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Un encontro no que participou o Conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, o Presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, alcaldes e representantes de entidades desta comarca que conforman as provincias de Lugo e Ourense.