Actualidade

O día 17 de novembro celébrase o Día Mundial do Cancro de Pulmón

A AECC e a U. A. DROGODEPENDENCIAS de Monforte de Lemos colaboran na difusión de información sobre este tipo de cancro, no que o tabaco se considera o factor de risco máis importante.

En España detéctanse preto de 29.000 novos casos de cancro de pulmón cada ano. É o tipo de cancro máis frecuente no mundo.

É mellor e máis fácil previr un cancro que curalo. O cancro de pulmón, segundo os datos da SEOM (Sociedade Española de Oncoloxía Médica) ocupaba o 2º lugar en incidencia en homes e o 4º en mulleres. Dato que está a cambiar no caso das mulleres pola circunstancia da incorporación da muller ao hábito de fumar.

Necesítanse medidas imprescindibles para concienciar do perigo do tabaco e evitar o seu consumo.

O tabaco é un factor de risco do cancro de pulmón.

 Un factor de risco é calquera elemento que aumenta a posibilidade de desenvolver unha enfermidade, incluso o cancro. Existen factores de risco que poden controlarse, como o tabaquismo, e factores de risco que non poden controlarse, como os antecedentes familiares.

Aínda que os factores de risco poden influír na enfermidade, non son os causantes exclusivos do cancro. Algunhas persoas con varios factores de risco nunca desenvolverán a enfermidade, mentres que outras, sen factores de risco coñecidos, si o fan.

O tabaco considérase o factor de risco máis importante no caso do cancro de pulmón e demostrouse que inflúe, tamén, noutros tipos de cancro como é o cancro de vejiga.

 

 

A maioría dos cancros de pulmón prodúcense en persoas que fuman. O fume do tabaco dana as células dos pulmóns, provocando un crecemento anormal.

O risco de que o tabaquismo leve a desenvolver o cancro é maior para as persoas que fuman en grandes cantidades e/ou durante períodos máis prolongados. A exposición regular ao fume de cigarros, cigarrillos ou pipas doutro fumador pode aumentar o risco de desenvolver cancro de pulmón, aínda que a persoa non fume (o fumador pasivo).

O factor máis importante para a prevención do cancro de pulmón é evitar o fume do tabaco. As persoas que nunca fumaron posúen o nivel de risco máis baixo de sufrir cancro de pulmón.

 Os fumadores poden reducir o risco de desenvolver este tipo de cancro se deixan de fumar, pero o seu risco seguirá sendo maior que o das persoas que xamais fumaron. Os intentos de previr o cancro de pulmón con vitaminas ou outros tratamentos non deron resultado.

 Se desexas máis información sobre este tipo de cancro podes acudir á AECC, na súa nova sede de Monforte de Lemos e se queres deixar de fumar podemos axudarche na Unidade Asistencial de Drogodependencias.  

UNIDAD ASISTENCIAL DE DROGODEPENDENCIAS (UAD)

Praza da Estación – 17

27400 MONFORTE DE LEMOS

Telf. 982 4 00 495

uad@concellodemonforte.com

Facebook “Unidad Asistencial de Drogodependencias Monforte de Lemos”

ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA EL CÁNCER (AECC)     

Rúa Ricardo Quiroga, s/n, bajo. Local nº4

27400 MONFORTE DE LEMOS

Telf. 651 900 005

www.aecc.es
Twitter @aecc_es
Facebook "Unidos contra el Cáncer"

15 de Novembro, Día Mundial sen alcol

A Organización Mundial da Saúde (OMS) decidiu establecer un día para fomentar a responsabilidade das persoas, sobre todo dos mozos, para controlar o consumo de alcol, sendo establecido o 15 de novembro.

Concienciar sobre os danos físicos e psicolóxicos que produce o consumo deste tipo de substancias no noso organismo, un tipo de droga legal e social que parece inofensiva, da que moitas veces descoñécense os seus efectos e que na actualidade é a droga máis consumida en España, é outro dos obxectivos deste día.

Téntase dar visibilidade a esta xornada nun ano caracterizado pola pandemia por Covid-19.

A situación que se está vivindo está a obrigar ás persoas para modificar os seus hábitos e rutinas, o que afecta emocionalmente e pode provocar un aumento de consumo de alcol.

En España, a forma de consumo cambiou nas últimas décadas. Tradicionalmente, no noso país, era un consumo moderado, asociado ás comidas. Na actualidade o panorama é diferente: estendéronse os consumos abusivos de fins de semana, fóra de casa, sen asocialo a comidas; e, ademais, con mesturas de bebidas, e mesmo sumándolle a este consumo o doutras drogas, algo que coas restricións impostas polo Covid-19 aínda se incrementou máis.

A asociación GEARA (GRUPO DE ENFERMOS ALCOHÓLICOS RECUPERADOS ABULENSES) permitiunos utilizar unhas mensaxes que reflicten perfectamente o noso desexo de concienciar á poboación nas consecuencias negativas que pode carrexar o consumo abusivo de alcol.

"Cara á fase 0, pero de alcol"

"O alcol non che crea nin che destrúe, só transfórmache en alguén que nin ti recoñeces"

"Ser responsable nos consumos contribúe a controlar as nosas accións"

"Unha vida sen alcol é unha vida en liberdade. Non deixes que o alcol dirixa a túa vida"

 

O Concello organiza un obradoiro online para hostaleiros sobre o servizo responsable de bebidas alcohólicas

Monforte de Lemos, 12 de novembro de 2020. O Concello de Monforte, a través da Unidade Asistencial de Drogodependencias, organiza unha actividade formativa dirixida á hostalería co gallo do "Día Mundial sen alcohol", que se celebra o vindeiro día 15 de novembro.

obradoiro, que leva por título "Ti serves, ti decides. Servizo responsable de bebidas alcohólicas" está dirixido a formar ós hostaleiros e hostaleiras no servizo responsable de alcohol. E do mesmo xeito, tamén se promove o "consumo cero" en menores.

Esta formación realízaa persoal de Espirituosos de España en colaboración coa Escola de Hostalería Belarmino Fernández e a U. A. Drogodependencias do Concello de Monforte.

Polas circunstancias actuais este ano levarase a cabo de forma online e está aberto a todos os hostaleiros de Monforte e comarca que desexen asistir.

Para asistir a este obradoiro, que se celebrará o luns 23 de novembro ás 12:00 horas, os interesados deberán enviar un correo electrónico co nome completo da/s persoa/s que desexe/n participar, así como o negocio ou negocios nos que traballan, á dirección jconversa@espirituosos.es. Unha vez rematado o obradoiro, emitirase un certificado de formación para cada asistente, e un a maiores para cada negocio ó que representen. Un día antes da celebración do curso, recibirán un enlace para conectarse directamente ó obradoiro.

A UAD publica o boletín Familiar do mes de Novembro

O Servicio de Prevención de Drogodependencias edita un novo número do BOLETÍN FAMILIAR (Novembro 2020)

O Boletín Familiar é unha iniciativa do servizo de prevención da Unidade Asistencial de Drogodependencias, adscrita á concellería de Sanidade. Nesta ocasión leva por título:

"Como fomentar un bo uso da tecnoloxía na adolescencia"

A tecnoloxía converteuse nunha gran aliada á hora de comunicarse e de formarse. Temos moi presente o papel que está a xogar durante o COVID-19,  permitíndonos estar máis preto da nosa familia e amizades, traballar desde casa e axudar aos nosos fillos e fillas a seguir os seus estudos. Pero é importante utilizala adecuadamente.

Si tedes interese en consultar o boletín completo podedes facelo a través da páxina do Concello de Monforte. (Área de sanidade, UAD, apartado Boletín familiar) ou na nosa páxina de facebook:

https://www.facebook.com/UnidadAsistencialDrogodependencias/?ref=hl

A partir de agora o noso Boletín   Familiar editarémolo mensualmente.

 Como sempre, estaremos á vosa  disposición na nosa dirección habitual.

Tamén poderedes formular as vosas dúbidas no número de Whats App 604 059 719 ou a través da páxina do Concello, na sección de Sanidade, aí atoparedes un formulario para remitirnos a vosa consulta  neste enlace.

 

Tamén probablemente o atopedes nas páxinas web dos vosos colexios, pois nós remitímosllos a eles con esa intención.

Boletín Familiar Outubro 2020

O Servicio de Prevención de Drogodependencias edita un novo número do BOLETÍN FAMILIAR. (Outubro 2020)

O Boletín Familiar é unha iniciativa do servizo de prevención da Unidade Asistencial de Drogodependencias, adscrita á concellería de Sanidade. Nesta ocasión leva por título:

"Como axudar aos teus fillos a estudar online?"

A situación vivida por mor da COVID-19 supuxo un avance na implantación da formación online en todos os niveis da educación. En moitos casos ás alancadas, tanto o profesorado como as familias tivemos que adaptarnos a esta metodoloxía de ensino-aprendizaxe.

Ante o inicio do novo curso, e ante máis incertezas que certezas de como se desenvolverá, é preciso que comecemos a organizarnos para conseguir sacar o máximo partido á formación a distancia. Porque, con pandemia ou sen ela, parece que, en moitos casos, chegou para quedar.

Si tedes interese en consultar o boletín completo podedes facelo a través da páxina do Concello de Monforte. (Área de sanidade, UAD, apartado Boletín familiar) ou na nosa páxina de facebook:

https://www.facebook.com/UnidadAsistencialDrogodependencias/?ref=hl

Tamén probablemente o atopedes nas páxinas web dos vosos colexios, pois nós remitímosllos a eles con esa intención.

A partir de agora o noso Boletín  Familiar editarémolo mensualmente.

Como sempre, estaremos á vosa disposición na nosa dirección habitual.

Tamén poderedes formular as vosas dúbidas no número de Whats App 604 059 719

ou a través da páxina do Concello, na sección de Sanidade, aí atoparedes un formulario para remitirnos a vosa consulta neste enlace.

 

Novo servizo da UAD

A Unidade Asistencial de Drogodependencias de Monforte de Lemos ten un novo servizo: DÚBIDAS? Pregunta e infórmate”, dentro dos seus programas de prevención, co obxectivo de dar resposta á necesidade de información en relación ao consumo de drogas (ou outro tipo de adiccións) existente entre a poboación xuvenil, así como entre colectivos clave na problemática como son familias e educadores/as dos ámbitos tanto formal como non formal.

Trátase dun servizo telemático cuxas preguntas e consultas son atendidas por un equipo de profesionais e persoas expertas na temática de drogas e que garda en todo momento o anonimato e a confidencialidade das persoas que se benefician del.

Para utilizar “DÚBIDAS? Pregunta e infórmate” contamos coas seguintes canles, a través dos cales calquera persoa pode poñerse en contacto co mesmo para a resolución das dúbidas:

  • Whats App: 604 059 719
  • E-mail: uad@concellodemonforte.com
  • Facebook: UNIDADE ASISTENCIAL DE DROGODEPENDENCIAS DE MONFORTE (cunha mensaxe privada)

Esta campaña difundirase por diversas canles, ademais de repartición de cartelería en todos os centros educativos de Monforte de Lemos e comarca.

Aínda que é especialmente dirixida aos adolescentes e xóvenes, aos seus familiares e educadores, calquera persoa pode facer uso deste recurso.

A UAD de Monforte ten novo servizo

O Concello pon en marcha a campaña "Para non volver ás fases, non desfases"

Entre as funcións do Concello de Monforte de Lemos atópase a de velar polo benestar tanto de quen viven na cidade como dos seus visitantes. Para a nosa cidade o lecer é unha das claves da súa prosperidade. Facilitar tempos e espazos de esparcimento e que poidan desenvolverse de forma segura e saudable, forma parte deste cometido. 

Os propietarios/as dos establecementos de hostelería, están contribuíndo a que Monforte sexa percibido como unha cidade amable e un bo lugar para gozar do tempo de lecer. Guiados por esta preocupación, a Unidade Asistencial de Drogodependencias de Monforte decidiu elaborar uns carteis lembrando aos clientes o perigo do contaxio se non se toman as medidas adecuadas, así como o recordatorio permanente de non proporcionar alcol a menores, para o que a súa implicación é esencial.

Este programa solicita a súa cooperación na prevención do uso inadecuado do alcol e unha adecuada xestión dos ricos do seu consumo, que sempre son perigosos e máis na situación actual na que nos atopamos.

Para iso, dende o Concello de Monforte e a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD), ven de poñerse en marcha a campaña: "Para non volver ás fases, non desfases", campaña que ten como obxectivo alertar á sociedade dos riscos de que os adolescentes se excedan ou inicien no consumo de alcol, cos riscos engadidos do repunte de contaxios da Covid-19 que estamos a vivir actualmente.

A campaña advirte do perigo destes «desfases» pois existe un alto risco de que os mozos protagonicen reaccións compensatorias como resposta á tensión e angustia sostida que padeceron nos últimos meses e o perigo inherente de transmitir a Covid-19 nos botellóns. O maior risco é querer recuperar o tempo perdido, celebrando festas alternativas ás que non se tiveron ou que non se van a ter e en celebracións entre amigos como son, por exemplo, os botellóns.

Así mesmo, o recordatorio é para a poboación xeral para lembrar a necesidade de cumprir as normas establecidas para evitar os repuntes da pandemia que aínda estamos a sufrir.

E como desexamos que non sexa Monforte o único concello que coide o benestar dos seus veciños ampliamos tamén a campaña a os establecementos da zona socios da Delegación da Zona Sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), á que agradecemos a súa colaboración desinteresada que recibimos sempre.

Con este obxectivo , dende a UAD facilitóuselles un cartel informativo recordatorio desta campaña para que o coloquen en lugar visible. Dende aquí queremos agradecerlles a súa imprescindible colaboración a todos os establecimentos hosteleros que participan nesta campaña.

 

 

Para máis información:

Unidade Asistencia de Drogodependencias 

Servicio de Prevención

Praza da Estación - 17

27400 – Monforte de Lemos

Tlf. 982 400 495

e-mail: uad@concellodemonforte.com

Séguenos en FACEBOOK