Mañá pecha as súas portas a mostra de artesanía Artelemos, cun gran éxito de participación

Monforte de Lemos, 6 de agosto de 2019. A XXI Mostra de artesanía Artelemos 2019 pechará mañá as súas portas tras 5 días de actividade intensa na que cabe destacar non só o gran éxito de afluencia de público senón tamén a exitosa participación nos obradoiros infantís que se organizaron cada día.

Artelemos é o escaparate dos pequenos obradoiros artesanais que están a traballar no noso territorio rural, espallados por toda a xeografía galega, e que gardan a identidade de oficios tradicionais conxugándoa con tendencias actuais.

O obxectivo de Artelemos foi, como cada ano, achegar a Artesanía Local e Galega á xente na rúa, unha artesanía tradicional, e tamén máis moderna, cunha ampla variedade de disciplinas artesanais a través das cales puideron adquirir pezas de elaboración única e de gran calidade.

As demostracións terán continuidade hoxe pola tarde coa artesá Pilar Gonda e mañá mércores, último día de Artelemos, será o alfareiro Elías de Gundivós o encargado de levar a cabo demostracións en vivo de fabricación de pezas de olería e traballos de artesanía.