Monforte súmase este domingo ós actos de conmemoración do 20 aniversario da Xornada Europea da Cultura Xudía

Monforte de Lemos, 30 de agosto de 2019. O Concello de Monforte celebrará este domingo 1 de setembro, o 20 aniversario da Xornada Europea da Cultura Xudía con visitas guiadas e gratuítas á Xudaría da cidade do Cabe.

Organizadas e deseñadas pola AEPJ (Asociación Europea para a Preservación e Promoción da Cultura e a Herdanza Xudía) en colaboración coa Biblioteca Nacional de Israel, as xornadas teñen como obxectivo o destacar a diversidade e a riqueza do Xudaísmo, coa intención de promover o diálogo, o recoñecemento mutuo e o intercambio a través de conferencias, concertos, actuacións, visitas guiadas e outras actividades que terán lugar en concellos, comunidades xudías, museos e centros culturais de toda Europa.

En 2018, máis de 420 cidades de 28 países europeos uníronse ás Xornadas, nas que participaron máis de 179.000 persoas. En España, as actividades son promovidas dende a Red de Juderías de España, en colaboración cos concellos adheridos á mesma, entre eles Monforte de Lemos.

Deste xeito, este domingo 1 de setembro, todos aqueles interesados en coñecer a zona de ámbito xudeu de Monforte, poderán disfrutar de visitas guiadas e gratuítas que sairán dende a Oficina Municipal de Turismo (rúa Comercio, 6) ás 11:30 e  ás 18:00 horas. As visitas correrán a cargo do historiador monfortino Felipe Aira.