O Alcalde anuncia o inicio do proceso para suprimir os pasos a nivel de Monforte

Monforte de Lemos, 24 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer nunha rolda de prensa celebrada na mañá de hoxe un importante proxecto para a cidade: “unha vella aspiración de Monforte, como é a supresión dos pasos a nivel, vai empezar a ser unha realidade”, anunciou.

O Alcalde estivo acompañado para a presentación do proxecto de supresión de pasos a nivel de Monforte por Luis Palacios, responsable de zona de ADIF en Ourense.

Na súa intervención, o Alcalde sinalou que “dende hai xa arredor de 3 anos, como Alcalde de Monforte, púxenme en contacto co ADIF para iniciar un proceso de supresión dos 6 pasos a nivel que temos no casco urbano: Vía de Castela, Florida, Francisco Moure, Reboredo, Rioseco e Juan Montes”.

Neste senso, serán os pasos a nivel de Rioseco e de Juan Montes os primeiros sobre os que se está a traballar para a súa supresión, nun período aproximado de 3 ou 4 anos.

O Alcalde explicou que “hai algo máis dun ano, e despois de moitas conversas, chegamos a un acordo co ADIF para acometer por fases a supresión dos pasos a nivel. Nunha visita que fixo a Monforte, o responsable e Director do Proxecto, Javier Soto, decidimos empezar a redacción do proxecto, de xeito coordinado co Concello, recollendo a solución que xa habiamos proposto para a mellora da vía de Ourense-Monforte-Lugo, para Alta Velocidade”.

 

Proxecto de supresión de 2 pasos a nivel urbanos en Monforte

O Alcalde describiu o proxecto para a supresión dos pasos a nivel de Rioseco e Juan Montes, indicando que a solución que se adoptou no mesmo consiste na construción dun paso inferior por debaixo da vía, máis ou menos na metade dos dous pasos a nivel, polo que pasarán os vehículos e as persoas, dun xeito seguro, acadando así que non se produzan máis atropellos neses pasos.

“Con esta obra, vai cambiar totalmente a fisonomía desa zona, porque no proxecto contémplase a creación dunha rotonda, unha ponte e 5 calles novas, tal e como se recolle no Plano de Planta” indicou o rexedor municipal.

Deste xeito, configuraranse unhas comunicacións modernas e fluídas a ambos lados da vía do Ferrocarril, totalmente urbanizadas e que van poñer en valor toda esa zona, xa que non haberá esperas propiciadas polo paso do tren, como ocorre ata agora.

As novas rúas, permitirán as comunicacións dende a rúa Morín pasando por debaixo da vía ata a nova rotonda, que vai distribuír o tráfico cara Juan Montes e Rioseco, a través dunha nova ponte que comunica co núcleo de Rioseco.

Tamén será posible a circulación pola marxe esquerda da vía, paralela a Padre Feijóo, gracias a unha rúa de nova construción, que irá dende o Xardín que hai diante do bar A Ronda, ata Juan Montes.

Este proxecto inclúe todo, tanto o paso inferior que permitirá suprimir os dous pasos a nivel, como a totalidade das novas rúas, a rotonda e a ponte xunto ó núcleo de Rioseco, polo que a inversión é realmente importante: o investimento ascende a case 6 millóns de euros, concretamente, 5.742.394,67 €, o que dá boa mostra da magnitude e da importancia da obra.

A inversión inclúe as expropiacións, o control e vixilancia ambiental da obra, a reposición de servidumes e dos servizos afectados (auga, luz ou saneamento), traballos de conservación do patrimonio, se o houbera, e o resto de partidas e unidades de obra.

“Como xa dixen ó inicio deste segundo mandato”, destacou Tomé Roca, “este vai ser o mandato de obras importantes para Monforte. Fai uns días puxemos en marcha o proceso para construír a nova Ponte de Ferro do Malecón; e o convenio coa Confederación Hidrográfica Miño Sil por 2,4 millóns de euros para mellorar o saneamento. Hoxe anunciamos que poñemos en marcha a supresión de 2 pasos a nivel e a creación de novas calles na zona da estación, que vai revitalizar este barrio”.

O Alcalde precisou que nos próximos días, este proxecto será aprobado en Xunta de Goberno, será exposto ó público e será remitido ó ADIF para que continúe coa tramitación de cara á licitación das obras.

Do mesmo xeito, o Alcalde anunciou que nuns días dará a coñecer a posta en marcha doutro proxecto moi importante para a trama urbana de Monforte.

Na súa intervención, o representante de ADIF, Luis Palacios, agradeceu a colaboración que en todo momento se lle brindou dende o Concello a ADIF e disculpou a ausencia nesta presentación da Presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, que non puido acudir por temas de axenda.

Luis Palacios completou a explicación do Alcalde, aportando datos técnicos do proxecto de supresión destes dous pasos a nivel, que suporán a construción duns 700 metros de viais, de 3 metros de ancho cada carril, e beirarrúas de 2 metros.

Finalmente, en canto ós prazos previstos de execución, unha vez pasado el período de posibles alegacións, haberá  un prazo de 3 meses para a supervisión e aprobación do Proxecto e Licitación de Obra, 6 meses para a adxudicación de obra e sinatura do contrato, e 16 meses de prazo de execución da obra.

Neste senso, o Alcalde indicou que a previsión da finalización das obras deste proxecto de envergadura, estímase para principios de 2023. E unha vez finalizadas todas as obras, procederase á supresión dos 2 pasos a nivel existentes.