O Concello reparte 12.000 mascarillas ós comerciantes e hostaleiros de Monforte

Monforte de Lemos, 19 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado da Tenente de Alcalde e Concelleira de Facenda, Gloria Prada, fixo entrega, na tarde de onte, dunha importante partida de 12.000 mascarillas sanitarias para contribuír a paliar os efectos derivados do Coronavirus.

En concreto, o Alcalde fixo entrega de 6.000 mascarillas ó presidente do Centro Comercial Aberto de Monforte (CCU), Juan Carlos González, e outras 6.000 unidades a Beatriz Vila, a responsable da delegación local en Monforte da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL), para que sexan repartidas dende ambas entidades entre todos os establecementos destes dous sectores.

Neste senso, sinala o Alcalde “estas 12.000 mascarillas están destinadas tanto a asociados coma non asociados a estas entidades, porque dende o Concello queremos dotar destes elementos de protección a dous dos sectores que máis relevancia teñen de cara ó trato directo cos seus clientes, como son os locais de hostalería e as tendas e comercios da cidade”.

O Alcalde explicou que esta iniciativa foi posta en marcha dende o Concello “dado que vimos de iniciar a fase 1 da desescalada por mor do Covid-19 e dende o Goberno Local consideramos que é necesario que todos os propietarios tanto dos pequenos comercios como dos locais de hostalería, así coma todos os seus empregados, dispoñan de mascarillas sanitarias, a fin de garantir a súa seguridade e evitar posibles contaxios de coronavirus no trato cos seus clientes”.

Dende o Concello, indicou o rexedor municipal, “facemos un esforzo moi importante con este reparto. Como exemplo, hai uns días a cidade da Coruña repartiu 25.000 mascarillas entre este tipo de sectores, sendo unha cidade de case 250.000 habitantes. Nós proporcionamos 12.000 mascarillas nunha cidade que conta con perto de 19.000 habitantes.”

O Alcalde tamén puntualizou que “unha vez sexan repartidas as 12.000 mascarillas que vimos de doar á hostalería e ó pequeno comercio, se tiveran necesidade de máis mascarillas, dende o Concello estamos dispostos a seguir colaborando”.

Do mesmo xeito, se algunha empresa necesita puntualmente material de protección deste tipo, poderá dirixirse ó Concello para demandalo e se lle proporcionará, como xa se veu facendo ata o de agora.

Tomé Roca recordou que entre a poboación monfortina xa se levou a cabo o reparto de máis de 70.000 unidades de mascarillas sanitarias. Dende o Concello está pendente a chegada dun novo pedido de mascarillas sanitarias para adultos e mascarillas sanitarias infantís.

Unha vez sexa recepcionada esta nova partida de material de protección, dende o Concello informarase á cidadanía, tanto a través dos medios de comunicación como dende a web municipal e as súas redes sociais, da data de inicio e dos puntos de reparto do que será unha nova entrega xeralizada a toda a cidadanía de mascarillas sanitarias en Monforte.