A Primeira Tenente de Alcalde inaugura na Casa da Cultura de Monforte da exposición "A memoria do son"

Monforte de Lemos, 7 de outubro de 2021. Na mañá de hoxe, a Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte acolleu a inauguración da exposición de instrumentos musicais medievais "A memoria do son", organizada polo Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, coa colaboración do Concello monfortino.

Deste xeito a exposición foi inaugurada pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, que estivo acompañada polo Deputado da Área de Deportes, Artesanía e Deseño, e Memoria Histórica da Deputación de Lugo, Efrén Castro, polo concelleiro Emilio Sánchez e polo comisario da exposición, Luciano Pérez, que é director da Colección de instrumentos musicais do CENTRAD.

Na súa intervención, Gloria Prada destacou o “compromiso do Equipo de Goberno coa cultura, firme e decidido”, un compromiso que se materializa en “apoiar e fomentar exposicións como esta, que nos achega de forma directa o noso pasado, para nós é fundamental”.

A Concelleira tamén salientou que esta mostra encaixa perfectamente co esplendoroso pasado medieval da nosa cidade, polo que nos sentimos orgullosos de acollela”. A representante municipal concluíu “que dende o Concello de Monforte agardamos que esta exposición sirva achegar a riqueza do noso pasado medieval, a través destes magníficos instrumentos musicais, e animamos a todos os monfortinos a visitala ata o 25 de outubro”.

"A memoria do son" é unha exposición destinada a contribuír nos avances e coñecementos da sonoridade instrumental e vocal medievais e representa un medio excepcional para interactuar co son, recreando microespacios nos que desvelar documentos históricos, iconográficos e literarios.

A exposición desvela documentos e proporciona un espazo destinado ó pracer da vista, do oído, un espazo para tocar, escoitar e entender o contexto no que foron creados estes instrumentos medievais, co fin de que a visita sexa atractiva e enriquecedora.

Proxectada con vontade divulgadora, ós docentes dos centros educativos permítelles traballar diferentes competencias e os alumnos poden espertar o pequeno investigador que levamos dentro. Conta cun catálogo guía en catro idiomas, instrumento co que interactuar e pasatempos.

Esta mostra de instrumentos medievais poderá ser visitada ata o día 25 de outubro, en horario de 10:00 a 13:30h e de 17:30 a 21:00 h de luns a venres excepto festivos.