O Alcalde informa da limpeza das marxes do río Cabe ó seu paso polo centro urbano de Monforte e no cauce da desembocadura do río Malloadas

Monforte de Lemos, 30 de decembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa estase a levar a cabo dende o Concello a limpeza integral das marxes do río Cabe, ó seu paso polo centro urbano da cidade.

“En concreto”,  explica o Alcalde “os traballos consisten na limpeza das marxes do río Cabe ó longo polo termo municipal de Monforte de Lemos, co obxectivo de favorecer e mellorar a capacidade hidráulica nun área con risco potencial significativo de inundacións así como diminuír o risco de afeccións a infraestruturas, como son escolleras de protección, pasarelas peonís, ou as pontes”.

José Tomé destaca especialmente os traballos de limpeza que se están desenvolvendo no cauce da desembocadura do río Malloadas, actuación na que está incluída a retirada dun chopo que estaba ubicado no medio do cauce.

Do mesmo xeito, tamén se está levando a cabo nestes días a limpeza da desembocadura da Lagoa do Parque dos Condes.

Así, estase a proceder á retirada de ramas e troncos que se acumulan en determinados puntos das marxes e á retirada de vexetación leñosa e herbácea que crece ás beiras do río. A retirada desta vexetación, formada principalmente por agrupacións de Typha sp., é debido a que  propician a sedimentación e colmatación do cauce, reducindo a súa capacidade hidráulica. Por este motivo, procedeuse a súa extracción por medios mecánicos.

Especialmente o Concello está a actuar tamén no caso da vexetación leñosa de porte arbóreo, coa que se procedeu ao apeo, desramado, tronzado e retirada, sobre todo, en zonas en que pode afectar ás estruturas comentadas, co fin de que non as deterioren.

“Con esta importante obra de limpeza, de cara á poboación melloramos o uso social do río, á vez que reducimos o risco de afección sobre infraestruturas, especialmente escolleras e pasarelas.”, conclúe o rexedor monfortino.